Alertan da “expansión desatada” do mosquito tigre en España

A Xunta detectou hai uns días a presenza, por primeira vez en Galicia, dun insecto que transmite enfermidades como o dengue e o zika

A Asociación Nacional de Empresas de Sanidade Ambiental (Anecpla) alerta da “expansión desatada” do mosquito tigre (Aedes albopictus) en España, despois de que se notificasen por primeira vez varios exemplares en Galicia. “A globalización e o progresivo aumento das temperaturas, produto do cambio climático, son dous dos seus principais aceleradores, sen sinal algunha de remisión”, apuntan dende a entidade nun comunicado emitido esta mañá.

O mosquito é un potencial transmisor de enfermidades do virus do denguechikungunya e zika. Aínda non se puido confirmar a presenza dalgún destes patóxenos nos exemplares localizados en Galicia, máis especificamente en Moaña. Non sería a primeira vez que se identifican casos deste tipo: en 2018 e 2019 a Xunta comunicou dous casos illados de dengue. En España, a transmisión destas enfermidades foi mínima e de maneira xeral relacionáronse con persoas que contraeron o virus no estranxeiro.

Publicidade

Co aumento das temperaturas, os virus que transmiten os mosquitos desenvólvense máis rápido

Dende Anecpla tamén advirten da dificultade que entraña o control do mosquito tigre. Segundo explican, trátase dunha especie altamente adaptativa que aínda que necesita a humidade para reproducirse tamén é capaz de sobrevivir en condicións mínimas desta. Así mesmo, a femia é quen pon os ovos e faino na superficie das acumulacións de auga. Pero non de forma única, senón que, para asegurar a continuidade da especie, esta coloca os seus ovos en varias quendas en distintos espazos, o que complica enormemente o seu control.

Así mesmo, cando as temperaturas se elevan, non só ocorre que o ciclo biolóxico do mosquito tigre se acurta, senón que ademais os virus desenvólvense máis rapidamente. Anecpla insiste en que a colaboración entre todos os axentes sociais é imprescindible e fai un chamamento a activar sistemas de alertas por parte dos organismos públicos, responsables de coordinar os servizos de control desta praga.

Publicidade

Cinco consellos para evitar a súa propagación

Dende Anecpla, e en consonancia coas recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS), ofrecen cinco recomendacións para evitar a propagación do mosquito tigre nas casas e xardíns particulares:

  • Baleirar a auga dos pratos das macetas.
  • Renovar a auga das piscinas de plástico e cubrilas cando non se utilicen.
  • Manter limpos canlóns e desaugadoiros e evitar acumulacións de auga.
  • Cambiar frecuentemente a auga dos bebedoiros dos animais domésticos.
  • Cubrir calquera obxecto que poida acumular auga.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Sinais de cambio

Novos achados de especies exóticas invasoras en Galicia. Por Laura Filloy

O ‘exército invisible’ que decide se un mosquito te pica ou che contaxia unha enfermidade

Un estudo revela como a microbiota da pel nos hóspedes e os microbios do intestino dos insectos actúan na transmisión de virus

O mosquito tigre expándese por Galicia: detectado por primeira vez na Coruña

A Rede Galega de Vixilancia de Vectores sinala que é o único rexistro na zona norte da comunidade e súmase aos doce concellos do sur

O mosquito tigre regresa a Galicia: primeiro exemplar do ano detectado en Redondela

O aviso dun veciño rexistrado na aplicación Mosquito Alert permitiu confirmar a presenza desta especie invasora grazas á marca branca do tórax