Cona de vella, teta do mar, pixa porca… Os mil nomes do misterioso animal das praias de Arousa

A lebre de mar é un molusco típico do litoral galego que pode aparecer varado, polo que é necesario recollelo e devolvelo ao mar

Aplysia depilans é un molusco habitual das costas galegas que vive entre as rochas. É a coñecida lebre do mar, e nos últimos días apareceron varios exemplares nalgunhas praias da Ría de Arousa. Algúns habitantes recoñecen que non é a primeira vez que se deixan ver, con todo, para algúns son criaturas completamente descoñecidas. Tanto, que dous bañistas decidiron chamar ao servizo de emerxencias de Vilagarcía de Arousa para que os efectivos identificasen o animal. Confirmaron que era inofensivo, e que era unha lebre do mar, un ser mariño que en Galicia recibe múltiples nomes, todos eles sorprendentes: cona de vella, pixa porca, teta do mar, borracha, tinteiro, tinteira ou limacha.

Lebre de mar. Foto: Aarón Martínez.

Este molusco ten unha aparencia viscosa e pode medir ata 20 centímetros. Poden ser negros, marróns ou amarelos. Non teñen veleno, mais poden segregar unha substancia branca cando son molestados por outro animal. Cando aparecen na beira hai que collelos e devolvelos ao mar. Descoñécense os motivos polos que os de Arousa remataron na area, pero pode deberse á morte súbita, ás ondadas ou fortes correntes. O molusco vive en fondos cubertos de vexetación ata uns 20 metros de profundidade, e é capaz de soportar amplias variacións de temperatura e salinidade e son exclusivamente hervíboros.

Publicidade

As lebres do mar reciben o seu nome polo gran desenvolvemente de dous dos seus catro apéndices cefálicos denominados rinóforos. O seu corpo é moi brando e posúen un pé que produce mucosidade para desprazarse. Ver nadar a unha lebre de mar é un fermoso espectáculo. Son hermafroditas e reprodúcense ao longo de todo o ano aínda que o punto álxido é a primavera. Poden formarse cadeas de apareamento de varios individuos. Depositan os ovos en augas superficiais que poden ser millóns e medir varios metros.

En galego existen nomes do máis curiosos para nomear a determinados animais mariños. É o caso do carallo de mar, un equinodermo. A súa denominación científica é Holothuria forskali, e é unha das 47 especies de holoturias que se coñecen en Galicia desde a zona litoral ata os 3.000 metros de profundidade. Captúrase e comercialízase en máis de 70 países de todo o mundo e é explotada pola pesca industrial, semi-industrial e artesanal nas rexións polares, temperadas e zonas tropicais.

Publicidade

Exemplar de holoturia, ou 'carallo de mar'.
Exemplar de holoturia, ou ‘carallo de mar’.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que nos di a escuma do mar da saúde das praias?

O fenómeno xérase pola axitación producida pola forza das ondas e dos ventos que, ao combinarse coa materia orgánica disolta, forma unha dispersión de auga e burbullas de aire. Por Gumersindo Feijoo Costa

O microbioma do océano: cando un órgano invisible decide quen sobrevive

Non se trata só de microbios illados, senón de comunidades completas de bacterias, virus, arqueas e protistas, xunto coa súa información xenética e os compostos químicos que producen

Atopados máis de 3.000 barrís de residuos radioactivos preto da costa galega

A misión do equipo francés estará un día máis na Foxa Atlántica antes de rematar a primeira fase do proxecto

O CSN descarta niveis significativos de radiación na costa galega

Unha expedición francesa achou grazas a un sonar máis de 1.900 barrís no vertedoiro de residuos utilizado entre 1949 e 1982