Aparece un golfiño morto na ría de Noia

O arroaz era unha femia adulta, en período de lactación, e que presentaba signos dunha enfermidade aínda por determinar

Persoal da confraría de Noia atopou o pasado luns 26 de xuño un exemplar de golfiño morto dentro do porto de Testal. Nun primeiro pensouse que podería tratarse de Manoliño, o mediático delfín da costa galega, pero a identificación do sexo descartou esta posibilidade. O delfín falecido era femia e Confi, como tamén se coñece a Manoliño, é macho. De feito, pouco despois das 9.00 horas deste luns, o golfiño máis famoso de Galicia apareceu nadando no porto de Freixo.

Os equipos de especialistas da Rede de Varamentos de Galicia, xestionado pola Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Mariños (Cemma), desprazáronse a Testal a verificar a autoría do corpo e indagar sobre as causas da morte. O cetáceo tratábase dunha femia adulta de arroaz (Tursiops truncatus), en período de lactación, que estaba morta e que presentaba signos de enfermidade, aínda por determinar. Os equipos recolleron datos e mostras para desvelar a causa do falecemento a través de analíticas específicas.

Publicidade

Manter as distancias con Manoliño

Por moi solitario que estea Manoliño, dende o Cemma lembran que é un animal salvaxe, especie protexida como vulnerable na listaxe de especies ameazadas, e ao que temos que respectar e darlle a máxima tranquilidade posible. Pode ser observado dende a costa ou dende unha embarcación, mais debemos manter sempre unha distancia prudencial necesaria para a seguridade de ambos.

O contacto cun cetáceo pode ter consecuencias directas no relativo á seguridade física e de saúde. Os humanos poden causar danos na súa pel coas uñas, aletas ou outros elementos duros que estean en contacto. Os arroaces son animais moi grandes, estímase un peso de 300 quilos, e son moi fortes e, por iso mesmo, poden golpear involuntariamente. Ao ser mamíferos podemos contaxiarnos enfermidades pulmonares e epidérmicas no contacto directo.

Publicidade

Dende o Cemma achegan unha lista con 11 consellos que debemos seguir de cara aos vindeiros meses se nos atopamos con Manoliño:

  • Non ofrecerlle nunca comida.
  • Non chamar a súa atención.
  • Non meterse intencionadamente na auga ao seu carón.
  • Evitar o contacto físico.
  • Se estás na auga non tratar nunca de tocalo nin de aproximar as mans.
  • Observalo a distancia sen achegarse, non entrar deliberadamente no seu radio de contacto.
  • Respectar a súa área restrinxida de descanso no porto de Portosín.
  • Diante dun comportamento incómodo pola súa parte, saír inmediatamente da auga e afastarse do seu contacto.
  • Se estás nunha embarcación, non aproximarse nin interromper o seu comportamento.
  • Adoptar unha posición neutral e indiferente se se achega o animal mantendo o mesmo rumbo e velocidade.
  • Non cambiar de dirección ou velocidade de xeito brusco.
  1. Qué merito a xente da CEMMA!! Día tras día e ano tras ano desprazándose a cada cetáceo que aparece na costa galega para rexistrar os seus datos e investigar as causas detrás do varamento. O meu máis sinceiro recoñecemento.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como funciona a amizade entre arroaces? Así é como as bateas moldean a súa vida social nas Rías Baixas

O biólogo galego Bruno Díaz revela que as preferencias alimentarias condicionan a formación de vínculos entre cetáceos

Morre o arroaz Ladiña a causa dun accidente cunha hélice

Cría e nai percorreron durante case dous anos distintos portos das rías galegas tras seren detectadas por primeira vez na Guarda en 2024

De Manoliño a Chilindrín: o tráxico final dos arroaces que marcaron a historia da costa galega

A desaparición de Confi e a súa posible morte deixa a comunidade sen o seu golfiño máis destacado, que nunca conseguiu unirse a unha manda

As singulares imaxes do rescate dun golfiño nas Salinas de Ulló

O animal quedou varado pola baixamar e precisou da axuda dos servizos de emerxencia ata ser liberado á altura de Liméns