Manoliño, o golfiño ferido de Outes: “O arpón pode provocarlle incluso a morte”

Media ducia de biólogos e veterinarios están no porto do Freixo para retirar o antes posible a vara metálica do costado

“O operativo está sendo complicado”, recoñecen dende a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma). As circunstancias non parecen estar xogando a favor de Manoliño, o delfín que apareceu ferido cun arpón no porto do Freixo, en Outes. O golfiño, ao que tamén chaman Confi, xa é un vello coñecido na ría de Muros e Noia polas súas visitas recorrentes e a súa interacción —cada vez maior— con mariñeiros e nenos en praias e portos da zona. Pero agora, as noticias non son boas: o 112 avisou onte ao Cemma da sensible situación na que se atopa o golfiño. Dende aquela, a entidade galega traballa con cautela para retirarlle o arpón o antes posible.

Esta mañá, un equipo formado por media ducia de biólogos e veterinarios trataba de deseñar o mellor plan de acción posible. De feito, un dos grandes expertos en cetáceos de Galicia e integrante do colectivo, Alfredo López, estaba a valorar o estado do golfiño dende unha piragua. “Temos que decidir cal é a mellor forma posible de chegar a el. Sabemos que o obxectivo final é retirarlle o arpón, pero a operación non é fácil”, indican fontes do Cemma. Dende a entidade insisten en actuar con precaución, dado o complicado do operativo. “O único que podemos asegurar é que estamos a traballar ao 100%”, continúan indicando.

Publicidade

Unha situación imprevisible

Segundo as primeiras valoracións, o arpón está cravado superficialmente nun costado, na capa de graxa que cobre a pel destes cetáceos. Inicialmente, en función do que puideron observar esta mañá os expertos do Cemma, non semella que o arpón se movese de sitio nin causase máis dano ao animal. Porén, dende o colectivo advirten do imprevisible que pode ser a situación. “Non sabemos en que posición vai esta dentro de cinco minutos porque un dos aspectos fundamentais é que o delfín segue nadando. O arpón pode xerarlle unha infección, un quiste ou ser mortal? Si”, afirman dende o Cemma. E engaden que el mesmo tamén se pode facer dano sen querer.

A respiración dos cetáceos é voluntaria, polo que é imposible sedar o animal

Fontes do colectivo aseguran que, de momento, non saben cal será o procedemento a seguir para retirar o arpón. A operación habitual require de cortar a vara metálica para evitar que continúe en movemento e, despois, facer un corte o máis pequeno posible para extraela. Unha das principais dificultades coas que se atopa o equipo é a imposibilidade de sedar o animal. “Estamos a falar dun cetáceo. A súa respiración é voluntaria e non podemos facer ningunha manobra que provoque que o animal deixe de respirar”, indican dende o Cemma. Como exemplo, explican que hai ocasións nas que os golfiños quedan atrapados e poden falecer, precisamente, por este motivo: porque deixan de respirar.

Publicidade

Outra das grandes dificultades do operativo está no tamaño do animal. Dende o Cemma estiman que pode pesar arredor de 300 quilos. “É moi grande e está nun medio complicado, a auga. Non é o mesmo que traballar con animais terrestres”, explican fontes do colectivo galego. Declaran, tamén, que o máis importante é manter a serenidade e meditar moi ben o que se vai facer. Hai varias persoas intentando curar a Manoliño, tanto en terra como en mar. De momento, o Cemma non se atreve a estimar canto tempo pode levar a operación. “Estamos atentos. A idea é poder actuar o antes posible“, aseguran.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Morre o arroaz Ladiña a causa dun accidente cunha hélice

Cría e nai percorreron durante case dous anos distintos portos das rías galegas tras seren detectadas por primeira vez na Guarda en 2024

Aparecen máis de 2.000 araos papagaios nas praias galegas afectados polas borrascas

A compoñente suroeste do temporal marítimo no Atlántico produciu a chegada de aves, localizadas entre as Rías Baixas e o sur da Costa da Morte

Galicia rexistra un 45,3% menos de varamentos en 2025

O Cemma explica que as cifras, a pesar da diminución de exemplares afectados, continúan sendo elevadas e preocupantes para a conservación

Comezan a chegar lobos mariños a Galicia: que facer no caso de atopar un?

A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños recomenda non achegarse, manter aos cans afastados e avisar ao 112 para que os expertos valoren a situación