A comunidade científica adoita referirse a elas como ‘as enxeñeiras dos ecosistemas’ xa que axudan a crear condicións de vida idóneas para outras especies. Son as holoturias ou ‘carallos de mar‘, un grupo de organismos moi prezados tamén a nivel comercial, sobre todo en Asia, onde acostuman empregarse para medicina tradicional e onde poden acadar un elevado prezo de mercado, o que provocou xa a extinción dalgunhas das especies de máis valor comercial en moitas zonas do Pacífico e que a explotación se estendera a outras rexións do mundo e a todas as especies.
Con este contexto de fondo un equipo internacional, con participación dunha investigadora da Universidade de Vigo, puxo en marcha un estudo para afondar no coñecemento da súa bioloxía e investigar os posibles efectos da sobrepesca. Os resultados, publicados agora na revista Conservation Genetics, demostran precisamente a elevada sensibilidade desta especie á sobrexplotación pesqueira e que o baixo número de holoturias e a baixa diversidade xenética que sofren xa algunhas zonas son claramente indicativas dun posible efecto humano, consecuencia da sobrepesca, a industrialización ou ambas.
“O noso traballo centrouse na illa de Okinawa e nunha especie de interese comercial, Holothuria edulis, xeralmente moi abundante nos arrecifes de coral, baías e praias desta illa, situada entre Xapón e Taiwan”, explica Iria Fernández, a investigadora da Universidade de Vigo que asina o artigo, vinculada tamén profesionalmente á Academia das Ciencias de California a onde chegou hai case xa dous anos grazas ao programa europeo de formación de investigadores Marie Curie, tras realizar estancias en lugares como Hawai e Okinawa, onde coñeceu aos outros dous investigadores que asinan o artigo: Taha Soliman, do Okinawan Institute of Science and Technology, e James Reimer, profesor da Universidade dos Ryukyus, en Okinawa.
A sobreexplotación en Xapón está a minguar as capturas de carallo de mar
“Un estudo recente que examinou o valor de mercado de varias especies de holoturias amosou que as especies máis valiosas poden alcanzar prezos de ata 1.500 euros por quilogramo en tendas de cidades como Hong Kong”, explica Fernández, ao que engade que “lamentablemente” a bioloxía destas especies fainas moi propicias á sobrepesca, pois son moi visibles, debido ao seu gran tamaño e ao feito de que non se moven nin se esconden e, xeralmente viven a pouca profundidade. “A unión de todos estes factores provoca que a explotación vaia cada vez a máis, tanto a nivel xeográfico como de especies a capturar”, recalca a investigadora, que fai fincapé na necesidade de afondar no coñecemento da capacidade de rexeneración que teñen as diferentes especies, “xa que isto determina a intensidade de pesca que se pode exercer para manter niveis sostibles”.
O goberno de Okinawa decidiuse a regular a pesca dos ‘carallos de mar‘, para o que precisa un maior coñecemento da bioloxía das distintas especies. Este estudo centrouse no caso concreto de Holothuria edulis porque é unha das que máis se está extraendo e, en consecuencia, que cada vez é menos abundante.
Coñecedora de que en Galicia se lanzou recentemente un proxecto para a explotación de holoturias para fins comerciais, a investigadora galega ofrece a súa colaboración no estudo das poboación de holoturias en Galicia e no Atlántico NE de cara a promover a súa pesca sostible. “O noso traballo e outros similares demostran a fraxilidade destes organismos á sobrepesca, por iso é fundamental levar a cabo un bo monitoreo da pesca, que inclúa un bo coñecemento das especies existentes, o seguimento das capturas por especie e a comparación cos datos históricos”, explica a investigadora, que fai fincapé en que estudos de ADN como o agora publicado poden axudar en, cando menos, dous aspectos: caracterizar de maneira precisa a diversidade de holoturias existente e estudar a conectividade entre poboacións ou as perdas de diversidade xenética, “como fixemos en Okinawa”.
Buenos dias me parece muy interesante el estudio realizado. En nuestra cofradia estamos realizando la extracción de la holoturia forskali. Toda la información acerca de esta especie me parece interesante.