As medusas son visitantes habituais dos veráns galegos. Aínda que estes seres xelatinosos adoitan verse con máis frecuencia nas costas mediterráneas, onde a preamar e os ventos de levante elevan a temperatura superficial do mar, tamén aparecen nas augas máis frías do Atlántico. Isto pódese demostrar cunha cifra: rexistráronse 56 avistamentos de medusas nas costas galegas dende o 1 de xuño.
Estes datos proceden de MedusApp, unha aplicación creada pola Universidade de Alicante que recolle, en tempo real e de forma colaborativa, a presenza de diferentes especies de medusas e organismos mariños nas costas españolas. Son os propios usuarios quen notifican a aparición, permitindo construír un mapa interactivo de distribución.
Segundo esta ferramenta, a metade norte de Galicia concentra a maior parte dos avistamentos rexistrados ata agora, con 50 exemplares. A zona máis afectada é a Mariña Lucense, onde destaca a presenza da perigosa carabela portuguesa (Physalia physalis). Mais non é a única especie presente nas nosas augas: con que augamares nos podemos atopar este verán en Galicia?
Veleiriño (‘Velella velella’)
A Velella velella trátase dun pequeno hidrozoo de cor azul intenso. Segundo o World Register of Marine Species (WoRMS), conta cunha característica ben curiosa: posúe unha especie de vela que lle permite desprazarse impulsada polo vento sobre a superficie do mar.
Aínda que habita en augas temperadas e tropicais, este verán está deixándose ver nas costas galegas. Os avistamentos producíronse nas provincias de Lugo e A Coruña, en lugares como Foz, Burela, a praia de Area Longa (O Vicedo) ou a praia de Arnela (Sada). Polo momento, non chegou aínda ás costas de Pontevedra.
En calquera caso, non representa un perigo para as persoas: as súas toxinas son inofensivas, xa que os nematocistos non poden atravesar a pel humana. Aínda así, poden causar problemas se entran en contacto cos ollos ou algunha ferida, onde poderían causar irritación.
Carabela portuguesa (‘Physalia physalis’)
Polas súa apariencia, moitas persoas pensan que a carabela portuguesa é unha medusa, pero non é así: trátase dunha colonia de organismos coñecidos como hidrozoos, que funcionan conxuntamente coma se fosen un único ser. Aínda que se pode atopar en mar aberto por todas as augas cálidas do planeta, tamén se despraza coa corrente do Golfo, que chega ata o Atlántico europeo.
En Galicia, adoita aparecer na costa norte, especialmente na provincia de Lugo, con avistamentos nas praias de Caosa ou Area Longa. O rexistro máis ao sur recollido por MedusApp tivo lugar o 31 de xullo nunha praia da parroquia de Bugadillo, segundo o mapa interactivo da aplicación.

Desprázase grazas a unha vela xelatinosa que lle permite aproveitar o vento para moverse sobre a superficie do mar. Pero o seu perigo reside nos tentáculos, que poden acadar os 50 metros de longo (aínda que adoitan ser máis curtos preto da costa). Neles atópanse os cnidocitos, células urticantes capaces de paralizar peixes grandes e causar reaccións graves en humanos.
A súa picadura provoca efectos neurotóxicos, citotóxicos e cardiotóxicos. Nos humanos, pode causar dor intensa, sensación de queimadura, inflamación e, en casos extremos, shock anafiláctico e perda de conciencia. Mesmo se teñen rexistrado casos de falecemento. Por iso, non se debe tocar, nin sequera se parece estar morta.
‘Discomedusa lobata’
Con só un rexistro en Galicia, na praia de Raeiros (O Grove), a Discomedusa lobata é unha especie predominantemente mediterránea. Dende 2013 estableceuse en augas catalás, aínda que lonxe da costa. Presenta unha forma de paraugas discoide, aplanado e translúcido, cun diámetro de entre 10 e 15 centímetros. É unha especie difícil de ver e de fotografar.
Conta con dous tipos de tentáculos: entre 8 a 16 máis longos, dispostos de forma adradial (entre os radios principais do corpo), e entre 16 a 32 máis curtos. Debido á súa tendencia a permanecer en zonas afastadas da costa, existe pouca información sobre a súa bioloxía. Porén, segundo a páxina web Espècies Marines del Mediterrani, presúmese que é micrófaga, é dicir, aliméntase de pequenas partículas en suspensión, probablemente plancto, como tamén fai a coñecida Aurelia aurita.
A súa principal diferenciación respecto á Aurelia spp. reside nas gónadas, os órganos reprodutores: na Discomedusa lobata ocupan todo o perímetro da umbrela, formando un cordón único, mentres que na Aurelia presentan unha forma de ferradura no centro da umbrela.
Aparece con máis frecuencia en primavera, verán e outono, e segundo a Guía de identificación e tratamento de picaduras de medusas e outros organismos xelatinosos da costa mediterránea española do CSIC, a súa picadura é pouco urticante e non representa perigo significativo para os humanos.
Xureleira (‘Pelagia noctiluca’)
Presente tanto no Atlántico como no Mediterráneo, a Pelagia noctiluca destaca pola súa cor violeta rosada brillante, que a fai facilmente recoñecible. Nos seus tentáculos posúe máis de 100.000 células urticantes, que ao entrar en contacto coa pel humana liberan veleno. A súa picadura pode provocar dor intensa, reaccións alérxicas e incluso problemas respiratorios.
Os efectos poden durar un par de días e, en casos máis graves, a zona afectada pode quedar hinchada de forma permanente e desenvolver cicatrices, especialmente se se expón ao sol sen protección. A mellor forma de tratar a picadura é enxaugar con auga salgada. Non se debe aplicar auga doce, vinagre, amoníaco nin urina, xa que poden activar as toxinas e empeorar a reacción.

A pesar da súa perigosidade, só se rexistrou un avistamento desta especie na costa galega, segundo os datos de MedusApp, e foi no Grove, na provincia de Pontevedra.














