A UDC desenvolve ferramentas para a toma de decisións intelixente en tres portos coruñeses

O proxecto aposta por combinar monitorización avanzada, análise dinámica de datos e intelixencia artificial para anticipar riscos e mellorar a xestión diaria dos portos da Coruña, Ferrol e Malpica

Nun contexto no que o transporte marítimo é a vía pola que circula case o 80% do comercio mundial, resulta esencial contar con portos seguros e ben xestionados. Con este obxectivo, o Grupo de Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente (GEAMA), o Grupo de Redes Neuronais Artificiais e Sistemas Adaptativos (RNASA-IMEDIR) e o Grupo de Investigación Laboratorio de Enxeñaría do Software (ISLA) están a desenvolver un proxecto innovador nos portos da Coruña, Ferrol e de Malpica.

A súa proposta, financiada polos Proxectos de Xeración de Coñecemento 2023, baséase na mellora da seguridade e a eficiencia das operación dos portos galegos mediante a xestión de ferramentas que permitan integrar os riscos operativos e a toma de decisións, combinando técnicas de monitorización avanzada e o uso de intelixencia artificial (Machine Learning).

Publicidade

En concreto, o equipo investigador da UDC traballa en novas metodoloxías para analizar de forma continua factores críticos, como o comportamento dos barcos durante as manobras, o estado dos sistemas de amarre e variables oceánicas e meteorolóxicas como correntes, ondada, vento, néboa ou chuvias. As técnicas avanzadas de intelixencia artificial permitirán procesar toda esta información para poder anticipar posibles problemas e optimizar a toma de decisións.

Proxecto en tres enclaves costeiros

O traballo está a desenvolverse nos tres portos e no Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) da Universidade da Coruña. A día de hoxe a súa implementación máis completa e ambiciosa está a realizarse no Porto Exterior da Coruña. Non obstante, os avances están sendo exportados a outras localizacións, como o Porto de Ferrol e o de Malpica, ademais de poder ser replicados noutros portos nacionais e internacionais, convertendo a Galicia nun referente na xestión portuaria.

Publicidade

A investigación, liderada por Enrique Peña González e Juan R. Rabuñal Dopico, conta cun equipo investigador formado por expertos da enxeñaría portuaria e informática, que colaboran coas autoridades dos portos mencionados e xunto a 28 institucións e empresas de todo o mundo. O estudo comezou en setembro de 2024 e espérase que finalice en agosto de 2027.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto da UDC propón un kit impreso en 3D para previr lesións asociadas ao uso do teclado e do rato

Doralys Torriente Aguilar deseñou unha solución ergonómica para exercitar e fortalecer as mans, os pulsos e os antebrazos mediante seis exercicios

O avance do piñeiro ameaza a caramiña, unha das xoias naturais das dunas galegas

Unha investigación constata que os piñeirais reduciron un 61,5% o ecosistema da Praia de Trece dende 1956 e dificultan a supervivencia da especie

A propulsión nuclear, a exame como alternativa para descarbonizar o transporte marítimo

Unha investigación do CITENI analiza os riscos dos reactores de sales fundidas para a súa posible aplicación nos buques do futuro

Os mapas da xentrificación en Galicia: estes son os barrios máis afectados

Un novo estudo identifica as áreas máis vulnerables en Vigo, A Coruña e Santiago e describe a reconfiguración das tres urbes nun período de seis anos