Desfeita, foliada, lume e retrinco eran algúns dos termos que optaban a Palabra do Ano 2025. A votación popular para a súa escolla da campaña do Portal das Palabras, a web para a difusión do léxico galego promovida pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié, concluíu coa elección de xenocidio.
O neoloxismo foi creado por Raphaël Lemkin e constitúe, en palabras do historiador galego Antonio Míguez Macho, un dos conceptos que cambiaron o mundo. O xurista polaco de orixe xudía, que conseguiu escapar da persecución nazi, dedicoulle toda unha vida co propósito de que se recoñecese a súa condición de crime contra a humanidade, e de que como tal se tipificase como un delito de persecución universal. Adoptado tras a II Guerra Mundial pola ONU na convención para a súa prevención e sanción, o termo volveu pronunciarse en múltiples ocasións nos últimos meses para sinalar as accións do estado de Israel na Franxa de Gaza.
Xenocidio impúxose con máis de 4 de cada 10 votos emitidos, 2.948 dos case 7.200 rexistrados, adiantándose así a outro fenómeno de natureza ben distinta: foliada, expresión da alegría colectiva que significou a celebración das Letras Galegas das cantareiras, recoñecidas hai doce meses como protagonistas da Palabra do Ano 2024. O terceiro posto é para lume, palabra-crónica da vaga de incendios forestais do pasado verán.
Orixe do termo
A Palabra do Ano 2025, xenocidio, fórmase a partir do grego xeno- ‘pobo’ e o sufixoide de orixe latina –cidio ‘matar’, seguindo a mesma fórmula ca homicidio, parricidio ou magnicidio.
No caso da nosa lingua, xenocidio figuraba xa no Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega (1988), a base da que partiu o actual Dicionario da Real Academia Galega. O concepto preciso que cuñou Lemkin inclúe o motivo do crime, fronte a outras expresións arredor das cales el mesmo reflexionou, como “asasinato de masas”, ou palabras como exterminio / exterminación, que o DRAG define como a “acción e efecto de exterminar”; masacre, “acción e resultado de matar un gran número de persoas ou animais”; e aniquilación / aniquilamento, “acción e efecto de aniquilar”, cando se ten a intención de “reducir ao nada, destruír por completo; abater física ou moralmente alguén”.
Exterminio e exterminación proceden do verbo latino extermināre, literalmente ‘botar fóra da fronteira’, e que pasou a significar ‘arrincar’ e logo ‘eliminar’. O substantivo masculino masacre tómase do francés massacre, que procede á súa vez do francés antigo macecre ou macecle‘carnicería’. O Dicionario da RAG dá como sinónimos en galego matanza e hecatombe, cultismo clásico que nos leva ao grego hekatómbē, o sacrificio de cen vítimas. Canto á aniquilación e aniquilamento, son voces derivadas sobre o verbo aniquilar que se orixina no baixo latín annichilare que, á súa vez, procede da voz nihil ‘nada’.












