Cantareira, elixida Palabra do Ano 2024

O termo, que fai referencia ás protagonistas do Día das Letras Galegas 2025, quedou por diante dos vocábulos 'meu' e 'fala'

Cantareira vén de converterse na Palabra do Ano 2024. O termo, que designa a unha “persoa que sabe cantar ou afeccionada a facelo”, impúxose na votación popular promovida pola Real Academia Galega (RAG) e a Fundación Barrié a través do Portal das Palabras. A institución galega interpreta este resultado como “unha chamada colectiva a ollar cara ao futuro” xa que este 2025, “Galicia lles ha render homenaxe ás mulleres que ao longo dos séculos mantiveron vivo, transmitiron e arrequeceron o cancioneiro popular e o idioma do país”.

A palabra cantareira(s) designa as protagonistas do Día das Letras Galegas 2025, festa que a RAG dedicará á poesía popular oral e ás mulleres que cantan e crean cantigas. O anuncio o pasado mes de xullo desta decisión acadou “unha enorme repercusión social, seguramente sen precedentes”, destaca a academia. “Isto amosa o recoñecemento da súa contribución á creación e á conservación dun tesouro patrimonial colectivo, no que poesía e música son dúas partes indisolubles”.

Publicidade

Mais a acollida desta elección tamén apela ás novas xeracións de intérpretes e creadoras e creadores que beben deste herdo dun pobo que segue a cantar en galego, e que atopa nesta forma de expresión unha maneira contemporánea de proxectar no mundo toda a súa creatividade e potencia cultural, que ten como cerna a lingua galega.

Homenaxe ás cantareiras

A celebración do vindeiro 17 de maio personificarase nas figuras de Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda), Eva Castiñeira (Muxía) e en tres das cinco Pandeireteiras de Mens (Malpica de Bergantiños), Prudencia e Asunción Garrido Ameijende e mais Manuela Lema Villar, por seren as que faleceron hai máis dunha década.

Publicidade

As tocadoras de Cerceda e Malpica foron parte das 600 persoas informantes do Cancioneiro popular galego publicado nos anos 80 do século pasado pola musicóloga Dorothé Schubarth (1944-2023) e o académico Antón Santamarina. Este proxecto recolle dende cantos de labor, de Nadal e Reis ou arrolos ata parrafeos, regueifas e romances, todos eles vivos aínda na memoria de mulleres e homes que medraran nunha sociedade tradicional. A investigadora suíza, tras pasar uns meses en Andalucía e o País Valencià, chegou a Galicia en 1978 á procura de melodías arcaicas. “O que atopou abraiouna de tal maneira que ficou ata 1986 gravando cantos en aldeas de oitenta e oito concellos”, destacan dende a RAG.

Voces patrimoniais con usos novos e de sempre

Na primeira acepción do dicionario da RAG, cantareiro, -a define a persoa que sabe cantar ou afeccionada a facelo e ten como sinónimos cantadeiro, -a, cantador, -a e cantaruxeiro, -a. Como adxectivo, esta voz ten unha segunda acepción similar, “que emite un son agradable e melodioso”. Pero a Palabra do Ano 2024 refírese á forma substantivada cantareira, que se aplica á muller que canta cantigas populares. O termo créase en todos os casos sobre o verbo cantar, que procede do equivalente latino cantare.

Cantareira, co 25% dos votos, foi a palabra que obtivo máis apoios das persoas participantes nunha elección na que o público se decantou maioritariamente polas opcións patrimoniais.

A segunda opción máis elixida foi meu, miña, outra proposta que remite á oralidade e que apareceu entre as finalistas como alternativa de noso ao anglicismo *bro, apócope de brother (irmán). Este posesivo, no seu uso en vocativos ou exclamacións, acadou arredor do 23% dos votos, cunha lixeira vantaxe sobre fala, que figurou entre as finalistas na segunda opción que recolle o Dicionario, “lingua natural propia dunha comunidade humana”.

Cun resultado moi próximo obtivo a cuarta posición aparvar(se), vocábulo tradicional para se referir á preocupación polos efectos do consumo excesivo de contidos nas redes sociais. En quinto e sexto lugar quedaron dina, substantivo formado a partir do acrónimo da locución depresión illada en niveis altos, e o sintagma nominal emerxencia climática, respectivamente.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha dina ao oeste da península impulsa aire atlántico e provoca unha semana de inestabilidade en Galicia

A previsión apunta ceos nubrados, chuvias febles na fachada atlántica e temperaturas suaves. A influencia anticiclónica recuperarase de cara á fin de semana

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas

O tesouro micolóxico da illa de Cortegada: é o lugar do mundo con máis densidade de fungos

O micólogo Saúl de la Peña atopou no enclave das Illas Atlánticas 1.500 tipos de cogomelos, cando se estima que hai uns 2.000 en toda Galicia

O virus da encefalite transmitida por carrachas chega a Galicia: un estudo detecta anticorpos en animais

Un equipo da USC confirma a circulación do patóxeno, considerado unha ameaza de saúde pública pola gravidade dos síntomas neurolóxicos que pode causar