Os cinco problemas de saúde máis recorrentes en Atención Primaria de Galicia

Os trastornos do metabolismo lipoide son as principais razóns polas que se acude ao médico en Galicia, segundo a Base de Datos Clínicos de Atención Primaria do Ministerio de Sanidade

O inverno, época de festividades, é tamén unha tempada marcada por arrefriados, tose e mucosidade. En Galicia, o Sistema Nacional de Saúde protexeu a 2.624.077 persoas en 2023, segundo o informe anual publicado polo Ministerio de Sanidade. Pero, cales son os problemas de saúde polos que máis acudiron a consulta os galegos o ano pasado? A Base de Datos Clínicos de Atención Primaria (BDCAP) achega a resposta.

Esta base recolle datos detallados das historias clínicas dunha mostra representativa da atención prestada polos médicos de familia galegos. Mediante variables como os problemas de saúde activos, as intervencións realizadas e algúns resultados intermedios, é posible avaliar a eficacia do Sergas.

Publicidade

Para organizar e categorizar a información emprégase a Clasificación Internacional da Atención Primaria (CIAP-2), unha ferramenta global desenvolvida pola WONCA, a asociación mundial de médicos de familia. Esta clasificación permite agrupar máis de 500 categorías e subcategorías de problemas de saúde. 

O bo rendemento do sistema podería reflectirse en cifras como a esperanza de vida aos 65 anos en Galicia, que, segundo o Informe Anual do SNS de 2022, é de 21,40 anos. Este dato, equivalente a alcanzar unha media de 86 anos, mostra unha poboación con acceso a atención sanitaria efectiva, prevención adecuada e calidade de vida. 

Porén, os problemas máis frecuentes tamén son un indicador importante das necesidades da poboación no pasado 2023. 

Os trastornos do metabolismo lipoide, protagonistas en Galicia

Entre os problemas de saúde máis recorrentes en Galicia, os trastornos de metabolismo lipoide ocupan un lugar destacado. Con 744.242 casos rexistrados en Galicia, estas condicións, que inclúen enfermidades como a de Gaucher ou a de Tay-Sachs, tratan da dificultade de procesar adecuadamente os lípidos. Non obstante, gran parte destas consultas poden estar relacionadas co control do colesterol, a prescrición de fármacos, a realización de analíticas ou o seguimento de tratamentos.

En segundo lugar sitúase a hipertensión non complicada, con 532.763 casos documentados. Este trastorno, que afecta o aparato circulatorio, caracterízase polo aumento da presión arterial e presenta síntomas como mareos, sensación de calor ou o cambio a vermello da pel en zonas como as meixelas, orellas e aletas do nariz. 

O terceiro posto é ocupado polas “Outras enfermidades virais non especificadas”, que sumaron 377.657 casos. Trátanse de afeccións inespecíficas, que son comúns en consultas de Atención Primaria. 

Outros problemas sobresaíntes inclúen as enfermidades dos dentes e enxivas (366.044 casos) e a obesidade (356.414 casos). Tamén destaca á saúde mental, con consultas relacionadas coa ansiedade, tensión, nerviosismo e depresión. Ademais, chama a atención a inclusión dun aspecto rexistrado como “Problemas co sistema sanitario”, con 256.834 casos. 

Cal é o aparato humano que xera máis casos en Atención Primaria?

Os problemas de saúde máis atendidos en Galicia, relacionados cos lipoides, coinciden co aparato que máis casos xera en Atención Primaria: o aparato endócrino, metabolismo e nutrición, que rexistrou 2.184.245 casos nos ambulatorios galegos en 2023. 

En segundo lugar atópanse os da pel, con 2.041.986 de casos, seguidos de preto polos do aparato locomotor, que sumaron 2.006.427 consultas. O circulatorio, asociado ao segundo problema de saúde máis común -a hipertensión non complicada-, ocupa o cuarto lugar, con 1.789.477 de casos rexistrados na sanidade galega. 

Superando o millón de casos, atópanse o aparato dixestivo (1.760.900 casos), os problemas psicolóxicos (1.636.428 casos), o aparato respiratorio (1.562.313 casos) e o xenital (1.106.011 casos). Ademais, resulta interesante a elevada cifra de consultas incluídas na categoría de “Problemas xerais e inespecíficos”, que acadaron os 1.282.165 casos, reflectindo a complexidade de moitas das consultas de Atención Primaria. 

Semellanzas coas cifras españolas

Respecto ao conxunto de España, as cifras son semellantes ás de Galicia. Os trastornos do metabolismo lipoide tamén lideran a clasificación nacional, con 11,6 millóns de casos rexistrados en 2023. Seguindo coa tendencia galega, os problemas dentais e a hipertensión sitúanse entre os máis frecuentes, aínda que con lixeiras modificacións na orde.

Un factor que condiciona estas listaxes é o uso da clasificación CIAP-2, coa que algúns epígrafes poden actuar como comodín ao agrupar diversas condicións nunha única categoría. Por exemplo, os trastornos dos dentes e enxivas poderían incluír patoloxías tratadas por odontólogos, o que distorsiona a percepción dos médicos de familia sobre a súa frecuencia.  

De xeito semellante, a categoría de hipertensión non complicada integra diferentes tipos, como a esencial, idiopática ou non especificada, facendo que o total de casos sexa considerablemente elevado. 

Sen presenza na lista galega, en España son recorrentes os factores de risco non especificados e a medicina preventiva. A primeira categoría funciona tamén como unha mesturanza de doenzas, mentres a segunda pode englobar actividades como programas de vacinación, cribados de saúde ou educación sanitaria. 

Relación coa taxa de mortalidade

O pasado 17 de decembro, o Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou os datos sobre as defuncións segundo a causa de morte no primeiro semestre de 2024. As enfermidades do sistema circulatorio e os tumores foron as máis frecuentes tanto en España como en Galicia. 

Entre xaneiro e xuño, producíronse 4.676 mortes, de ambos os sexos e de todas as idades, relacionadas con doenzas cardiovasculares. Mentres, 4.167 individuos galegos faleceron debido a tumores, sendo o cancro de bronquios e pulmón o que máis aumentou a nivel nacional, cunha suba do 2,5%. 

Ademais, as enfermidades do sistema respiratorio, os trastornos mentais e do comportamento, así como as patoloxías órganicas, senil e presenil, cobraron máis de 5.000 vidas en Galicia na totalidade destes problemas de saúde nos primeiros seis meses do ano. Estes resultados subliñan a importancia de continuar coas estratexias de prevención, mellorar os tratamentos e fomentar hábitos saudables para reducir a incidencia destes problemas de saúde.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Estudante de Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela. Comezou as súas primeiras prácticas profesionais en GCiencia no ano 2024. Escribe artigos e elabora contido para TikTok. Os seus campos favoritos dentro da ciencia son a historia e a natureza que nos arrodea.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego cuantifica por primeira vez un “probable canceríxeno” en fórmulas para lactantes

O traballo, que vén de desenvolver e validar un novo método para analizar contaminantes nos alimentos, detectou acroleína en varias mostras

Drogas, sexo e desinhibición: que é o ‘chemsex’ e que riscos implica?

Esta práctica está asociada ao consumo de substancias psicoactivas específicas para mellorar ou prolongar as experiencias sexuais

Un estudo da UVigo constata os beneficios de exercicios hipopresivos durante o posparto

As investigadoras realizaron un ensaio clínico para tratar os problemas nos músculos abdominais debidos ao crecemento do feto e os cambios hormonais

▪️ Máis de 70 concellos en alerta por baixas temperaturas: 7 consellos a seguir fronte ao frío extremo

Meteogalicia amplía o aviso amarelo ata o venres en Lugo e Ourense por termómetros que poden baixar dos -4 graos