Venres 29 Marzo 2024

Un informe advirte do risco de “colapso” para o hábitat dos cabalos salvaxes en Galicia

Científicos da Universidade da Coruña presentan ante a Comisión Europea os resultados do proxecto GrazeLIFE, realizado nas serras do Xistral e A Groba

Os cabalos salvaxes, isto é, as bestas que campan en liberdade polos montes galegos, son parte dunha paisaxe e unha cultura moi vinculada ás comunidades rurais do territorio. O seu papel de xestión de territorio, enriquecendo a biodiversidade ou reducindo o risco de lumes, entre outras vantaxes, achega un importante valor ás zonas nas que habitan. Porén, este sistema, segundo advirten os resultados dun proxecto presentado este xoves por investigadores da Universidade da Coruña diante da Comisión Europea, está en perigo.

O informe Os cabalos salvaxes de Galicia. Contexto socio-económico e beneficios ambientais. O caso de estudo de Galicia no proxecto GrazeLIFE, enmárcase neste proxecto europeo que promove a xestión sustentable do territorio mediante o pastoreo e o uso de grandes herbívoros. “Deben tomarse accións para previr o colapso do sistema tradicional de bestas en Galicia”, apuntan os autores do traballo que engaden: “Debemos dar o paso xa, antes de que sexa demasiado tarde”, alerta o estudo liderado polo profesor Jaime Fagúndez.

Publicidade

O equipo de científicos da UDC do que tamén forman parte Laura Lagos, José Antonio Cortés Vázquez e Flávia Canastra, expuxo este xoves as conclusións do traballo. A institución coruñesa é socia desta niciativa europea con socios en oito países que se desenvolveu entre os anos 2019 e 2021. Desde Galicia contribuíuse co achegamento aos cabalos salvaxes fronte a outras alternativas de xestión do monte.

Cabalos salvaxes pastando. Foto: Laura Lagos.
Cabalos salvaxes pastando. Foto: Laura Lagos.

A conclusión é clara: ou as Administracións públicas toman medidas urxentes ou a curto prazo chegará o colapso do ecosistema de cabalos en liberdade en Galicia, que aporta biodiversidade, altas taxas de almacenamento de carbono e baixo risco de incendios fronte a modelos baseados na repoboación forestal ou no abandono de terras. Os científicos da UDC, no seu informe, plantexan, como posibles solucións eliminar o microchipado nestes animais, aplicar medidas para reducir accidentes de tráfico e outros conflitos, fixar o pago por presenza de lobos, modular o sistema de axudas da PAC ou limitar a explotación forestal nestes territorios.

Os expertos elixiron como áreas de traballo a Serra da Groba, no sur da provincia de Pontevedra; e o sur da Serra do Xistral, no norte da de Lugo. Por que estas zonas? Porque representan as dúas situacións das bestas en Galicia. No norte, na contorna dos concellos de Abadín e Vilalba, un espazo da Rede Natura 2000 dominado por queirogais húmidos e turbeiras nos que as bestas son de gandeiros profesionais de vacún e hai presenza de lobo. No sur, no entorno do concello de Oia, unha zona con clima máis cálido e seco, con repoboacións forestais e frecuentes incendios. Os cabalos son propiedade de besteiros non profesionais e os curros son acontecementos sociais de calado. Deste xeito obtense unha representación dos distintos ecosistemas de Galicia, máis húmido e máis seco.

Beneficios dos cabalos salvaxes

Entre os beneficios da xestión a través dos cabalos salvaxes destácase “poden contribuír a resolver algúns dos problemas derivados da emerxencia climática, da despoboación e o baleirado do rural e da crise de biodiversidade”. Pero isto sería posible, en todo caso, “se a Unión Europea e os seus Estados Membros”, en definitiva as diferentes Administracións públicas, “se comprometen a aplicar as políticas e normativas dun xeito máis eficaz”.

O investigador Jaime Fagúndez alertou ante a Comisión Europea que se non se poñen en marcha unha serie de accións, a curto prazo “pode desaparecer” este sistema tradicional de cabalos en liberdade no territorio galego, que “é un legado cultural único de gran conexión coa historia de Galicia, a súa paisaxe rural e os valores naturais”. O equipo lanza a mensaxe de que “a poboación galega e os seus dirixentes políticos a todos os niveis temos e teñen a responsabilidade de salvagardar este tesouro para as xeracións futuras”.

O sistema de bestas en Galicia xera beneficios e é eficiente fronte a alternativas como a repoboación forestal, a gandería sobre pastizais artificiais ou o abandono de terras. Así, o informe lembra que “as áreas de pasto das bestas inclúen diferentes tipos de queirogal que achegan valores ecosistémicos como unha gran biodiversidade, altas taxas de almacenamento de carbono e baixo risco de incendios”. Ademais, o consumo de especies arbustivas aumenta a calidade dos pastos e reducen os custos da roza mecánica usada para a prevención do lume.

Recomendacións

A partir destes achados, o equipo propón “unha regulación específica para os territorios galegos con este sistema tradicional”. As recomendacións detalladas polo informe da UDC e que precisan do compromiso e implicación das Administracións públicas serían, entre outras, o impulso do turismo de natureza asociado aos cabalos; que os animais poidan estar no monte sen necesidade de microchip, excepción recoñecida no Regulamento Europeo EU 2015/262 para as poboacións de équidos que viven en liberdade ou semi-liberdade; o establecemento de medidas como peches perimetrais para evitar accidentes nas zonas próximas a estradas; a mellora da sinalización de tráfico para advertir da presenza de bestas; un sistema público de seguro a terceiros para cabalos en liberdade; o pagamento por presenza de lobos en lugar de indemnización de danos por cada ataque; axudas da Política Agraria Común (PAC) baixo o criterio de conservación do hábitat; cambios no cálculo da carga gandeira cando hai bestas e evitar a transformación dos queirogais en usos de menor valor ecolóxico e cultural como os eucaliptais ou pastizais artificiais”.

“Estas e outras medidas deben garantir a protección das poboacións existentes de bestas nas montañas de Galicia, e os bens e servizos que nos achegan a toda a sociedade galega”, conclúe o informe Os cabalos salvaxes de Galicia.

1 comentario

  1. Os cabalos salvaxes son interesantes para a ecoloxía …Facilitan a preservación dos montes .

    A repoboación que se fixo en Galiza non foi nada
    axeitada . Soamente se fixo en base a produtividade
    a curto prazo esquecendo outros parámetros que
    teñan que ver coa ecobioloxia da Nosa Terra .

    Somos o maior eucaliptal de Europa …E a onde nos
    leva ?
    Porqué non se analiza todo isto en profundidade ?
    Porqué non se concentran os montes ?
    Porqué non se axuda e promove a plantación nas zonas axeitadas de nogueiras , castiñeiros , carballos seleccionados , freixos etc…

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Europa prorroga 10 anos o glifosato, o herbicida “canceríxeno” usado masivamente en Galicia

É o produto fitosanitario máis eficaz contra as malas herbas, pero numerosos artigos científicos atribúenlle efectos nocivos na saúde das persoas

Portugal anticípase a Galicia ao aprobar un plan para frear novas especies invasoras

O investigador Jaime Fagúndez valor positivamente a norma lusa pero advirte de que se precisan accións reais e unha implementación firme

O conflito eólico de Sabucedo protagoniza unha reportaxe do prestixioso xornal ‘The Times’

A peza do periódico británico analiza o impacto das renovables semanas despois do "eólicas si, pero non así" de Sorogoyen

Muíños contra cabalos: así é a ameaza eólica de Sabucedo que denunciou Sorogoyen nos Goya

O director de 'As Bestas' enxalzou o labor da asociación galega que defende as mandas salvaxes, agora en perigo pola instalación de catro parques