Máis inflamación e bacterias: un estudo da USC revela que o cigarro electrónico deixa sinais na saúde oral

A análise da mucosa da boca revelou diferenzas xenéticas e cambios nos tecidos da poboación vapeadora respecto da non exposta

Os cigarros electrónicos considéranse unha nova realidade dentro do consumo de tabaco. Segundo a enquisa EDADES de 2024, arredor do 19% das persoas de 15 a 64 anos probou algunha vez estes dispositivos, con ou sen nicotina. O consumo é máis frecuente entre os 15 e os 24 anos. Aínda que adoitan presentarse como “vapor de auga”, non son inocuos e tamén poden ter efectos negativos para a saúde. Un estudo do Grupo de Investigación en Patoloxía Oral Médico Cirúrxica, Xerodontoloxía, Biomateriais e Innovación Tecnolóxica (MedOralRes) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o grupo ORALRES do IDIS do que os investigadores son membros, investiga o impacto do vapeo na saúde oral, especialmente na mucosa da boca, que é a primeira zona en contacto co aerosol.

“Sabemos que fumar aumenta o risco de enfermidade periodontal, cancro oral e problemas de cicatrización; con todo, nos últimos anos apareceu un novo fenómeno”, explica a investigadora do grupo Alba Pérez Jardón, xa que o vapeo é considerado por moitas persoas como “practicamente inocuo”. Concretamente, o estudo céntrase na mucosa oral como “principal vía de contacto co aerosol do vapeador no organismo”. Pérez Jardón sinala que, se o vapeo produce algún efecto biolóxico, a boca sería un dos primeiros lugares onde podería detectarse. Deste modo, os posibles cambios na mucosa oral poderían derivar en lesións e, en casos graves, en enfermidades como o cancro oral. Entre os síntomas asociados figuran manchas vermellas ou brancas no interior da boca, chagas que non cicatrizan, dentes móbiles, dor bucal e mesmo molestias no oído ou ao tragar.

Publicidade

Esta investigación forma parte dunha colaboración científica internacional entre a Universidade Estadual Paulista (UNESP) de Brasil e a universidade galega, unha liña de traballo apoiada pola FAPESP (Fundación de Apoio á Investigación do Estado de São Paulo). O proxecto está liderado polo profesor Mario Pérez-Sayáns desde Santiago e pola profesora Janete Dias Almeida desde Brasil. Esta liña de estudo sobre os cigarros electrónicos, aínda pouco explorada na literatura científica, busca analizar as diferenzas entre persoas que vapean e as que non.

Máis colonias bacterianas e inflamación

O estudo, realizado en Galicia, comparou a mucosa oral de 17 persoas usuarias de vapeadores coa de 10 persoas non fumadoras. Excluíronse os fumadores duais —aqueles que combinan cigarro electrónico e tabaco convencional— co obxectivo de analizar unicamente os efectos do vapeo. As mostras obtivéronse mediante citoloxía exfoliativa, unha técnica sinxela e pouco invasiva que consiste nun raspado suave cun bastonciño no bordo lateral da lingua. Esta recollida realizouse en dúas fases: unha para analizar a morfoloxía celular e outra para estudar a expresión xenética. Ademais, realizáronse outras probas complementarias, como a medición da saturación de osíxeno, o pH da saliva e unha exploración odontolóxica rutinaria

Publicidade

Os resultados amosaron que as persoas que vapean presentan cambios celulares e moleculares que non se detectan no grupo control. “Atopamos máis sinais de inflamación e unha maior presenza de colonias bacterianas”, explican os investigadores. A nivel xenético, tamén se observaron diferenzas na expresión dos xenes p16 e TNF, relacionados coa regulación celular e os procesos inflamatorios. Segundo Alba Pérez Jardón, “o vapeo pode inducir cambios biolóxicos temperáns na mucosa oral, mesmo en ausencia de lesións clínicas visibles”.

Estes efectos poderían explicarse pola presenza nos líquidos electrónicos de compostos como formaldehído, acroleína, nitrosaminas e metais pesados, substancias asociadas ao estrés oxidativo, á citotoxicidade, á xenotoxicidade e ao dano epitelial. A investigadora engade que o risco pode aumentar cando o vapeo se combina co consumo de alcol, xa que “pode alterar a permeabilidade do epitelio, debilitar as defensas da mucosa oral e actuar como un irritante adicional”.

Estudo piloto

Os resultados da investigación non implican necesariamente a aparición dunha enfermidade, tal e como sinala Pérez Jardón. Con todo, si poñen de manifesto que o tecido oral responde á exposición continuada ao vapeo. Deste modo, o estudo amosa que “non é tan inocuo como o consumo de vapor de auga; ten nicotina e acetaldehído, e consume metabolitos”.

Trátase dun estudo piloto, polo que para novas investigacións serían necesarios máis participantes. Non obstante, a principal dificultade no reclutamento reside en que a maioría dos fumadores son duais. Ademais, “trátase dunha foto dun momento concreto; non permite establecer unha relación causal nin coñecer o impacto a longo prazo do vapeo na saúde oral”, explica a investigadora da USC. Ademais, os resultados deben interpretarse con cautela debido á variabilidade nos hábitos de consumo e nos distintos tipos de dispositivos empregados polas persoas incluídas na mostra.

Un aviso para os máis novos

Aínda que as xeracións máis novas son as principais consumidoras de cigarros electrónicos, os datos da Enquisa sobre o Uso de Drogas en Ensinanzas Secundarias (ESTUDES) de 2025 indican que o 33% dos estudantes de entre 14 e 18 anos vapeou nos últimos doce meses, un 8% menos que na edición anterior de 2023. Detrás do estudo da Universidade de Santiago de Compostela hai tamén unha mensaxe social clara, que pon de manifesto a necesidade de seguir investigando os efectos do vapeo a longo prazo. “Deben ser coñecedores das consecuencias que ten para a saúde un produto que se vende como inocuo e atractivo, que sabe ben”, conclúe a investigadora.


Referencia: Impact of Electronic Nicotine Delivery Systems on Oral Mucosa: A Cytopathological and Molecular Study (Publicado en Journal of Oral Pathology and Medicine)

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O xenoma do anisakis permite desenvolver unha nova ferramenta para o control do parasito

Un estudo con participación galega senta as bases para mellorar os programas de vixilancia e contribuír a un consumo de peixe máis seguro

Atopados os restos óseos dun individuo durante a escavación da foxa de Beira, en Carral

Un equipo da USC busca espazos de violencia franquista na parroquia coruñesa, onde foron enterradas entre agosto e setembro de 1936 un mínimo de 18 vítimas na contorna da igrexa

O virus da encefalite transmitida por carrachas chega a Galicia: un estudo detecta anticorpos en animais

Un equipo da USC confirma a circulación do patóxeno, considerado unha ameaza de saúde pública pola gravidade dos síntomas neurolóxicos que pode causar

Un estudo da USC revela que a poboación española avalaría un endurecemento das medidas antitabaco

O artigo sinala que as propostas con menor apoio son a prohibición de fumar en terrazas e o aumento da idade mínima de venda ata os 21 anos