Gastroenterite, non cólera: estes son os motivos polos que se confudiu o caso de Toledo

A microbióloga María Tomás asegura que houbo unha "sospeita razoable" porque as doenzas están causadas pola mesma bacteria

Volveron saltar as alarmas sanitarias. Onte informábase dun posible caso de cólera en España, que podería ser o primeiro autóctono dende 1979. Horas despois confirmábase que fora unha falsa alarma. Segundo informaron o Ministerio de Sanidade e distintos medios de comunicación, a menor infectada bebera auga contaminada coa bacteria Vibrio cholerae, a mesma que causa o cólera. Procedeuse a precintar a finca e tras as primeiras análises confirmou que a doente só presentaba unha gastroenterite pola que tivo que ser hospitalizada, e pouco despois xa recibía a alta.

O cólera é unha enfermidade infecciosa causada pola inxestión de alimentos e auga contaminada con dita bacteria e que provoca unha forte diarrea. O motivo polo que se confundiu unha doenza con outra é, segundo explica a microbióloga do CHUAC María Tomás, porque “existen dous serogrupos de Vibrio cholerae que causan estes brotes e que poden conter a toxina do cólera: o 01 e o 139. Seguramente o que ocorreu foi que detectaron a bacteria e, sen analizar se contiña a toxina, existía unha sospeita razoable“.

Publicidade

Gravidade

Sabendo que se trataba da mesma bacteria que ocasiona o cólera e puidendo ser o primeiro caso en máis de corenta anos a nivel nacional non tardaron en saltar as alarmas, especialmente porque, tal e como explica Tomás, “este tipo de bacterias son transmitidas a través de auga e de alimentos contaminados con material fecal, ben de pacientes ou ben de animais”.

Así, de existir unha persoa infectada por esta causa, facilmente podería haber máis na mesma contorna, polo que sería de vital importancia manter a situación controlada. Non obstante, tanto as análises realizadas como a remisión dos síntomas puideron desbotar a posibilidade do cólera.

Publicidade

“Non hai que beber de fontes onde non hai unha clara sinalización de potabilidade”

MARÍA TOMÁS, MICROBIÓLOGA

“Ao non contar coa toxina de cólera non produce un cadro tan grave: hai gastroenterite, pode provocar complicacións como a deshidratación e seguramente por iso a rapaza foi ingresada. No caso de confirmarse o cólera, en poucas horas poderíamos estar ante un shock por desequilibrio nos electrólitos, que é o principal perigo desta enfermidade”, afirma a microbióloga.

Unha alarma necesaria?

Na opinión de Tomás, a alarma xerada a nivel sanitario “non era necesaria, pero é certo que sendo un medio rural non fixeron mal en previr“. Así, a microbióloga explica a facilidade que existe de contaminación nas augas que non están controladas ou directamente en fontes de auga non potable.

“A alarma foi activada por prevención, porque hai que analizar as augas e evitar a expansión dos posibles brotes. A mensaxe que hai que dar é que non hai que beber auga de lugares onde non existe unha seguridade. Ten que haber unha clara sinalización de que é potable. Nunha fonte pode haber calquera cousa e vémolo claramente en países subdesenvolvidos onde non hai un control axeitado da auga”, manifesta Tomás.

Laura Veiga
Laura Veiga
Xornalista pola Universidade de Santiago de Compostela, especializada en cultura científica pola Universidade de Oviedo e sexóloga pola Universidade Camilo José Cela. Combina a comunicación e a divulgación en medios como GCiencia e Nós Diario coa educación sexual e menstrual, que desenvolve a través do seu proxecto Pingando en redes sociais e en obradoiros para centros educativos e asociacións.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Eclipse solar: o que lles ocorre ás bacterias cando o Sol desaparece

A radiación ultravioleta e os cambios na luz durante o fenómeno poden alterar a supervivencia e o comportamento bacteriano

Tres etapas, unha carreira: mulleres que fan ciencia no CiQUS

Investigadoras do Centro Sigular da USC relatan retos, avances e desigualdades dende a formación inicial ata o liderado con motivo do 11F, o Día da Muller e a Nena na Ciencia

Que é a celeurida? A toxina que provocou unha alerta global por contaminar leite infantil de fórmula

A situación, con máis de 60 países implicados, causou a retirada masiva de produtos e suscitou unha gran preocupación entre os pais

Por que non debes tirar da cisterna coa tapa do váter levantada

O baleirado do inodoro é unha fonte potencial de transmisión de microorganismos infecciosos, porque pode xerar grandes cantidades de aerosois que conteñen microbios