GCiencia iniciará nas próximas semanas o proxecto Reino de Galicia, unha iniciativa xornalística multimedia creada para divulgar a historia medieval galega desde unha perspectiva actual e descentralizada. A acción, que se desenvolverá da man da Deputación provincial da Coruña, incluirá reportaxes escritas e audiovisuais e un podcast de 15 episodios titulado Bailando con Reis e Raíñas.
Reino de Galicia pretende tomar distancia dos estereotipos que tradicionalmente abordan a historia de Galicia como parte colateral da de España, como punto de partida para dar a coñecer entre un público xeralista como o de GCiencia a rica e peculiar crónica do medievo galego e os seus antecedentes e derivacións, desde as súas raíces nos suevos da primeira metade do século V ata a desaparición da Xunta do Reino de Galicia, coa reforma liberal de 1833.
A de GCiencia foi unha das 20 propostas premiadas dun total de 127 que concorreron
A de GCiencia foi unha das propostas seleccionadas polo xurado creado polo departamento de Cultura da Deputación da Coruña para premiar 20 das 127 iniciativas que formularon as súas iniciativas. O responsable provincial de Cultura, Xurxo Couto, presentou este xoves na sede da institución provincial os proxectos gañadores.
O plan de GCiencia concorreu baixo o nome xenérico de Proxecto multimedia de divulgación da historia do Antigo Reino de Galicia. Tendrá forma de microsite dentro de GCiencia, no que funcionará como un gran repositorio dos contidos dixitais multimedia.
O podcast Bailando con Reis e Raíñas será o elemento central. Con el, tratarase de divulgar a historia do Antigo Reino de Galicia entre unha audiencia de entre 20 e 35 anos, o que fará cunha orientación desenfadada, buscando o lado lúdico e divertido da historia e co apoio de música galega actual, para evitar a imaxe afastada e aburrida que ás veces transmite a historia medieval. O destinatario xenérico de Reino de Galicia é un público non especializado, pero con interese nas ciencias, incluídas as sociais.
Bailando con Reis e Raíñas ofrecerá una visión desenfadada e lúdica da historia medieval
Os audiovisuais consistirán en catro reportaxes de ao redor de cinco minutos de duración con similares obxectivos, que servirán para complementar os episodios dos distintos programas do podcast. Cada un deses capítulos virá acompañado dunha reportaxe que se publicará en GCiencia, na que se inserirán os contidos audiovisuais. Toda a oferta de Reino de Galicia estará tamén dispoñible nas distintas redes sociais de GCiencia, que suman mais de 100.000 seguidores, así como no boletín diario do portal da ciencia galega, que supera os 2.000 subscritores.
A serie de reportaxes escritas, que será elaboradas polo equipo de xornalistas de GCiencia, respectarán o estilo divulgativo característico deste medio, considerado en 2019 o Mellor Novo Medio de Divulgación do Estado polo xurado dos premios Prismas, o máis importante dos que se reparte no campo da difusión da cultura científica en España. Con ata 5,5 millóns de visitas mensuais, GCiencia é o primeiro dixital galego en redes sociais e conta con outros galardóns como o Premio da Crítica de Galicia ou o Rosalía de Castro da Deputación da Coruña.
A selección de temas que tratarán os podcasts rexerase por un enfoque social, que poña en valor a mirada galega cara á súa propia historia, o papel das mulleres na historia e a súa ausencia no relato oficial.

Mudar o relato hexemónico”, “construír un novo imaxinario colectivo”, ou “iniciar un camiño de normalización da nosa historia” foron algúns dos obxectivos mencionados polos representantes das propostas seleccionadas no Fondo de Proxectos Culturais Reino de Galiza. Trátase da convocatoria coa que a área de Cultura da Deputación inaugurou unha nova liña de traballo centrada na posta en valor da historia medieval galega e que continuará en setembro co primeiro congreso sobre o Reino Medieval de Galiza que terá lugar no Museo do Pobo Galego.
“Esta nova liña de traballo está baseada en poñer en valor a historia que nos é propia” lembrou o deputado de Cultura, Xurxo Couto, quen cualificou o período medieval “como un dos períodos de máis esplendor e dos máis identitarios como pobo, polo que queremos contribuír a dalo a coñecer desde a nosa perspectiva, e superar a visión de como nolo contaron desde fóra”. O deputado de Cultura aseguroulle a todas e todos os participantes na presentación que “xa de partida estamos orgullosos de todos e cada un dos proxectos seleccionados”, lembrando ademais que son os que inician un camiño que continuará no vindeiro ano cunha segunda convocatoria.
Xurxo Couto estivo acompañado na presentación pola xefa do Servizo de Cultura, Mercedes Fernández-Albalat, que explicou cuestións administrativas relativas á xustificación final dos proxectos, e polo asesor de Cultura Xavier Campos, que fixo unha breve introdución sobre o desenvolvemento desta primeira convocatoria do Fondo, facendo fincapé tanto no elevado número de solicitudes recibidas como na calidade das propostas. Convén lembrar que todas as propostas recibidas foran avaliadas por unha comisión de valoración que estivo composta por Uxío Novo Rey, María do Carme Galego Marante e Ramón Vicente Yzquierdo. No pasado mes de maio déronse a coñecer os 20 proxectos seleccionados, polo que neste momento moitos xa están en fase de desenvolvemento, e que segundo indicou Xavier Campos contribuirán “a asentar as bases a nivel social de que temos dereito a coñecer a nosa historia e a divulgala”.
Na presentación púxose de manifesto unha das características máis importantes desta convocatoria: a diversidade de formatos e disciplinas para chegar a un abano de públicos o máis amplo posible. Neste sentido cabe destacar que entre os proxectos seleccionados inclúense propostas escénicas, musicais, de edición e literatura, proxectos audiovisuais, animación en 3D, unha web sobre fortalezas, un cartafol de ilustracións e mesmo un estudo sobre tipografía medieval.














