Un investigador galego explora novas vías para frear futuras pandemias

O científico da USC José Manuel Miranda López participou nun estudo que obtivo resultados moi prometedores, sobre todo para o SARS-CoV-2

As pandemias virais constitúen un perigo para a saúde mundial. A pesar dos avances médicos, a ausencia de antivirais de amplo espectro impide unha resposta rápida ante este tipo de ameazas. Isto débese, en gran medida, á alta variabilidade entre as proteínas virais. Neste contexto, un estudo internacional no que participa o profesor da Universidade de Santiago (USC) na Facultade de Veterinaria, José Manuel Miranda López, acaba de probar con resultados moi prometedores o potencial de 57 receptores sintéticos de carbohidratos.

Estes receptores son moléculas creadas para recoñecer e unirse a carbohidratos específicos, neste caso, a glicoproteínas presentes na membrana dos virus con cápsula. Aínda que os axentes de unión de carbohidratos mostraron unha actividade antiviral de amplo espectro fronte a varios dos virus ensaiados, os resultados mostraron que a súa eficacia é moito maior fronte ao SARS-CoV-2, o virus que provoca a covid.

Publicidade

“Sintetizamos un total de 57 axentes de unión de carbohidratos e probamos a súa actividade in vitro, seleccionado os dous que mellor resultado mostraron (SCR005 and SCR007), para realizar despois un ensaio in vivo”, explica o investigador do Campus de Lugo. Deste xeito investigouse a capacidade destes axentes para dificultar ou neutralizar a infección por virus de enorme relevancia na actualidade, como son os do SARS-CoV-2, MERS, Évola, Nipah, Hendra e Magburgo.

Nova alternativa

O mecanismo de actuación dos carbohidratos, que non demostraron toxicidade para o hóspede, realizouse mediante a súa unión aos N-glicanos da envoltura viral, bloqueando a unión e/ou fusión viral. “Este achado destaca os N-glicanos como obxectivos prometedores para o desenvolvemento de antivirais, ofrecendo unha alternativa aos receptores proteicos, que son os máis habitualmente utilizados como obxectivos dos axentes antivirais”, explica o profesor da USC.

Publicidade

O artigo foi realizado durante unha estadía de investigación de José Manuel Miranda López na Universidade de Cornell, baixo a dirección de Héctor Aguilar, presidente ata o ano pasado da American Society for Virology, aínda que participou persoal investigador de diversas universidades e institutos de investigación estadounidenses. 


Referencia: Broad-spectrum synthetic carbohydrate receptors (SCRs) inhibit viral entry across multiple virus families (Publicado en Science Advances)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos