Revolucionar a produción de pensos para a acuicultura. Ese é o obxectivo cun equipo do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo (UVigo). O grupo dirixido polo catedrático José Luis Soengas lidera un proxecto europeo que substituirá as proteínas vexetais propias deste tipo de produto polas obtidas de fungos unicelulares mediante a súa fermentación con residuos de macroalgas. A iniciativa acaba de recibir 1,23 millóns de euros do programa Horizonte Europa. É a única seleccionada liderada por un equipo español.
O consorcio AlFunFeed, nome da iniciativa da UVigo, tamén conta coa participación da empresa galega de biotecnoloxía ODS Protein, representada por Iria Varela, e outros tres grupos de investigación procedentes da Università Politecnica delle Marche (Italia), con Ike Olivotto á cabeza; do centro CIIMAR (Portugal), a través de Benjamin Costas; e da Universidade de Tesalia (Grecia) baixo a dirección de Kostas Kormas. Ademais, participa a federación italiana de pesca e acuicultura (Federpesca) representando á sociedade, e a Axencia Galega de Innovación (GAIN) e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia como representantes da administración.
Dietas experimentais para a robaliza
Entre todos os socios tratarán de desenvolver dietas experimentais para a robaliza (Dicentrarchus labrax), e avaliarán o seu impacto na alimentación, o sistema dixestivo, o seu valor nutricional, o efecto sobre a microbiota, a resposta inmune e o benestar animal. A maiores, tamén se estudará o impacto ambiental e económico desta nova fonte proteica, aliñándose cos obxectivos de sostibilidade da Década das Ciencias Oceánicas da ONU.
Esta investigación busca mellorar a sostibilidade do sector acuícola mediante a redución nos pensos para acuicultura do uso de ingredientes de maior pegada de carbono como as proteínas de orixe vexetal, tipo soia, obtidas de monocultivos en grandes extensións de terreo.
En particular, AlFunFeed aposta por un modelo de economía circular ao reutilizar descartes de macroalgas na produción destas proteínas, ofrecendo un ingrediente alternativo e nutritivo para a alimentación de especies carnívoras como a robaliza europea, de gran relevancia comercial, que serán extrapolables para outras especies de peixes relevantes en acuicultura como o rodaballo, a dourada, o salmón, etc.
O investigador do CIM e líder do proxecto, José Luis Soengas, explica que “na acuicultura un dos principais retos está na sostibilidade dos ingredientes que se utilizan para elaborar os pensos. O noso proxecto parte dunha idea innovadora: aproveitar residuos de macroalgas —que normalmente se descartan— como substrato para cultivar fungos filamentosos e obter deles proteína unicelular. Esta proteína será o ingrediente que avaliaremos como alternativa na alimentación de peixes”.
Unha acuicultura máis sostible
A avaliación do SBEP destacou a calidade científica e metodolóxica do proxecto, así como o seu potencial impacto na sustentabilidade da acuicultura. Ademais, resaltou o enfoque multidisciplinar do consorcio, que involucra a investigadores de diversas institucións académicas, a industria e entidades ambientais e gobernamentais de toda Europa. “É a primeira vez que se propón o uso destas proteínas en acuicultura empregando algas como substrato para a súa obtención”, explica Soengas, insistindo en que se trata “dunha proposta completamente nova, xurdida desde o CIM, e nunha convocatoria europea altamente competitiva”.
Ata agosto de 2028
Aprobada na convocatoria do Sustainable Blue Economy Partnership (SBEP), a proposta está pendente de recibir o financiamento por parte dos organismos nacionais delegados, concretamente no caso dos socios españois, a Agencia Estatal de Investigación (AEI) e o Centro para el Desarrollo Tecnológico y la Innovación (CDTI). A previsión é que o proxecto arranque o vindeiro mes de setembro e dure ata agosto de 2028.
“O primeiro será adaptar a tecnoloxía existente da fermentación dos fungos unicelulares para que se poidan empregar algas como substrato. Esta parte será a que desenvolva a empresa do consorcio (ODS Protein). A partires de aí, “encargarémonos de estudar se esta nova proteína se axusta ás necesidades dos peixes”, explica Soengas.
Desde o punto de vista dos seus impulsores, os resultados do proxecto AlFunFeed poderían transformar o sector da acuicultura ao introducir unha fonte de proteína máis sostible e eficiente en comparación cos ingredientes proteicos de orixe vexetal de uso rutineiro hoxe en día pola industria de pensos. O uso de proteína unicelular derivada de fungos cultivados en residuos de macroalgas permitiría substituír as proteínas vexetais nos pensos comerciais, reducindo a competencia con cultivos destinados á alimentación humana. Ademais, esta alternativa contribuiría a diminuír a pegada de carbono do proceso, mellorar a saúde e o benestar dos peixes e garantir unha maior estabilidade na subministración de ingredientes, ao prescindir de recursos estacionais ou extractivos.
Podes ler a noticia do DUVI nesta ligazón.