‘Morriña’, ‘soidades’, ‘señardade’… As variantes léxicas do VIII Atlas Lingüístico Galego

O novo volume inclúe 280 mapas que recollen as variedades léxicas de 259 conceptos vinculados ao ser humano a través do lecer, a relixión e a psicoloxía

O Instituto da Lingua Galega (ILG) vén de publicar, en colaboración coa Fundación Barrié e a Editora USC, o Atlas Lingüístico Galego VIII. Léxico. O ser humano (III). Trátase do oitavo volume do Atlas Lingüístico Galego (ALGa), constituído por 280 mapas que dan conta das variedades léxicas do galego para 259 conceptos vinculados á educación, a música, os xogos, as actividades de lecer, a relixión, as festas relixiosas e profanas, os seres míticos, as características psicolóxicas do ser humano e a roupa e o seu coidado.

O novo tomo, froito do traballo dos profesores Rosario Álvarez, Francisco Dubert e Xulio Sousa, forma parte desta obra de investigación dialectolóxica amplamente recoñecida no eido dos estudos europeos pola rigorosidade dos seus datos e as súas visualizacións cartográficas.

Publicidade

Para cada un dos conceptos ofrécese un mapa coa representación da distribución das variantes léxicas e unha páxina de notas coa relación das variantes recollidas, os significados asociados á variable estudada e a información complementaria anotada polos investigadores (usos das variantes, vixencia das formas, matices de significado, etc.).

Morriña, soidades e señardá

Entre a gran variedade de temas que abarca esta nova edición do ALGa, hai espazo para os sentimentos. Por exemplo, para o concepto de ‘tristeza causada pola nostalxia do fogar ou da familia’ recolléronse tres variantes básicas: morriña, soidades e señardade. Estas mostran unha distribución bastante compacta no territorio.

Publicidade

Mentres, para o significado ‘composición en verso que se canta’ a variante máis frecuente é cántiga, que se rexistrou na maioría dos lugares estudados, mentres que cantiga é forma de uso común, sobre todo no sur da provincia de Pontevedra.

O volume recolle 3.695 variantes léxicas para os preto de trescentos conceptos estudados.

O proxecto ALGa

O proxecto do ALGa comeza na década dos anos setenta do século pasado co obxectivo de estudar a variación xeolingüística do galego falado nas zonas rurais. Enmárcase na Biblioteca Filolóxica Galega, que xorde a finais dos anos noventa, ao abeiro dun convenio entre o ILG e a Fundación Barrié para trasladar á sociedade obras relevantes de investigación filolóxica en calquera das distintas disciplinas e liñas de investigación que contribúan ao avance do coñecemento sobre a lingua galega pasada e presente.

Ata a data, a Fundación Barrié publicou todos os volumes do ALGa. Así, no ano 1990 publicouse o primeiro dedicado ao estudo da Morfoloxía verbal e, cinco anos despois, publicouse o segundo volume dedicado ao estudo da Morfoloxía non verbal. Entre 1900 e 1999 publicouse o terceiro, dedicado a Fonética, mentres o cuarto volume publicouse en 2003 baixo o titulo Léxico. Tempo atmosférico e cronolóxico.

En 2006 viu a luz o V volume, o primeiro dedicado a O ser humano. O seguinte publicouse dez anos despois baixo o titulo Léxico. Terra, plantas e árbores. En 2021 presentouse o VII volume, O ser humano (II). O oitavo volume, presentado hoxe, pecha a serie dos tres dedicados ao léxico relacionado co ser humano.

O material sobre o que se elaboran os volumes do ALGa está constituído polas enquisas realizadas en 167 localidades do territorio de fala galega entre os anos 1974 e 1977 por Rosario Álvarez Blanco, Francisco Fernández Rei e Manuel González González. Este proxecto de investigación desenvólvese grazas ás axudas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e da Fundación Barrié.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dentro do ‘Odón de Buen’, o buque ‘vigués’ que navega cara á nova campaña científica na Antártida

O oceanográfico construído en Galicia participará por primeira vez nas operacións de apertura das bases españolas do polo sur

Soutar, apañar ou rebuscar: as máis de 40 formas lingüísticas de recoller castañas en galego

O Atlas Lingüístico Galego recolle 47 palabras e expresións para nomear a tarefa, con variantes que reflicten a diversidade léxica do idioma

Galicia facilita o acceso a Lenzetto dende o estranxeiro ante o desabastemento do fármaco para a menopausa

A falta de tratamento indicado para tratar os síntomas da deficiencia de estróxeno tras a menopausa ten outras alternativas financiadas

Que é o efecto Fujiwhara? O fenómeno polo que un tren de borrascas regará Galicia

Unha fronte activa avanzará polo oeste peninsular e deixará choivas que se manterán canto menos ata o xoves