Presentación en Santiago do Atlas Lingüístico Galego.
Presentación en Santiago do Atlas Lingüístico Galego.

Presentan o Atlas Lingüístico Galego dedicado á terra, ás plantas e ás árbores

A Universidade de Santiago e Fundación Barrié acaban de presentar o sexto volume do Atlas Lingüístico Galego ‘Léxico. Terra, plantas e árbores’, pertencente á colección ‘Biblioteca Filolóxica galega’ e elaborado a partir dun traballo de campo realizado polos investigadores do ILG Rosario Álvarez Blanco, Francisco Fernández Rei e Manuel González González entre novembro do 1974 e maio do 1977.

A gran novidade formal deste volume está no fondo do mapa, onde se marca o relevo do territorio lingüístico. O material cartografado agrúpase en dous grandes apartados: un referido á terra como espazo físico non alterado polo ser humano e que o integran os 116 primeiros mapas (1 a 96) con cuestións relativas ao monte, ao val, á auga e ás consecuencias da erosión desta e ao tipo de pedras e minerais; e outro sobre plantas e árbores, con 204 mapas (97 a 272) coas denominacións de plantas silvestres e arbustos, árbores silvestres e froiteiras, así coma dos seus froitos. Dedícase unha particular atención ao léxico da castaña, pola grande importancia que tradicionalmente este froito tivo na economía galega. O volume complétase cun anexo de plantas (e algunhas formas relativas a árbores e arbustos) con información que non figura nos mapas. 

atlas galego

O volume presentouse este mércores na sede do Instituto da Lingua Galega (ILG). O equipo investigador estivo formado polos profesores Rosario Álvarez Blanco, Manuel González González e Francisco Fernández Rei, e formaron parte tamén do equipo Raquel Alonso Parada, Irene Bravo Pérez, Ana García García, Carme Hermida Gulías, Rosa Mouzo Villar, Noa Pérez González. Xacinta Varela Martínez e Mª Luísa Vázquez Freire.

O ALGa enmárcase na Biblioteca Filolóxica Galega, que xorde a finais dos anos noventa dirixida polo lingüista e escritor galego xa falecido Constantino García e polo catedrático de Filoloxía Románica da USC e membro da Real Academia Galega Antón Santamarina, ao abeiro dun convenio entre o ILG e a Fundación Barrié, co obxecto de trasladar á sociedade obras relevantes de investigación filolóxica que contribúan ao avance do coñecemento sobre a lingua galega pasada e presente.

Este proxecto fundacional do ILG tiña dous obxectivos principais. Por unha banda, dar a coñecer a personalidade do galego -idioma daquela practicamente descoñecido para a romanística– e, por outra, profundar nas características da lingua galega moderna e así mostrar toda a súa riqueza oral para que os investigadores contasen con datos para a análise das variedades internas en todo o dominio lingüístico.

Entre novembro do 1974 e maio do 1977 os investigadores do ILG Rosario Álvarez Blanco, Francisco Fernández Rei e Manuel González González enquisaron 167 puntos do territorio de fala galega: 152 en Galicia e 15 nas comarcas estremeiras galegófonas (7 en Asturias, 5 en León e 3 en Zamora). Foron en total 4.000 formas as recollidas por localidade, un material co que  se creou unha base de datos con cerca de medio millón de rexistros, onde se inclúe o texto das respostas e abundante información complementaria anotada mentres se facía cada enquisa. A conexión entre esa base de datos e un programa de xestión de información xeográfica permite a representación cartográfica inmediata de cada resposta.

A obra recolle 272 mapas relacionados co territorio e a lingua

A elaboración e redacción deste volume foi posible grazas á axuda prestada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, que financiou os bolseiros que participaron na preparación e ordenación do material co que se están a redactar os distintos  volumes do Atlas Lingüístico Galego, así como boa parte da infraestrutura material coa que conta a sección de Xeografía Lingüística do Instituto da Lingua Galega. 

Ata a data, a Fundación Barrié publicou todos os volumes do Atlas Lingüístico Galego. Así, no ano 1990 publicouse o primeiro, dedicado ao estudo da Morfoloxía verbal, que coordinou F. Fernández Rei; en 1995 o segundo, dedicado a Morfoloxía non verbal e coordinado por Rosario Álvarez. Entre 1900-1999 editouse outro coordinado por Manuel González dedicado á Fonética e que foi o primeiro no que os mapas se cartografaron de maneira totalmente informatizada;  seguido de Tempo atmosférico e cronolóxico en 2003, baixo a responsabilidade de Fernández Rei. Xa en 2005 viu a luz o quinto volume, dedicado a O ser humano que coordinaron Rosario Álvarez, Francisco Dubert e Xulio C. Sousa, ao que se engade agora o titulado Léxico. Terra, plantas e árbores, o primeiro editado en colaboración coa USC.

Atlas Galego ILG

Nestes momentos están en elaboración o vol. VII O ser humano (II), practicamente ultimado, que coordinaron Rosario Álvarez, Francisco Dubert e Xulio C. Sousa; o vol. VIII Agricultura (I), en fase moi avanzada, que coordina Manuel González; e o vol. IX Fauna, en fase incipiente, que coordina F. Fernández Rei. Están proxectados tres volumes máis cos se completará a serie léxica do ALGa.

O Instituto de Lingua Galega da USC foi creado hai 45 anos, en maio de 1971 aínda que para establecer unha data de creación hai que remontarse ao 25 de setembro de 1968, cando o profesor Constantino García enviaba un escrito á Fundación Barrié no que salientaba a escaseza de estudos dialectolóxicos galegos realizados con criterios científicos, destacando que os levados a cabo ata aquelas datas eran individuais e inconexos, e apuntando a necesidade de crear un organismo dotado de medios que centralizase, organizase e impulsase este tipo de estudos.

A Fundación Barrié, que poñía naqueles momentos os alicerces da súa estratexia e estaba especialmente interesada no eido do patrimonio lingüístico, acolleu co máximo interese esta proposta, concedendo axudas económicas ano tras ano durante estes 45 anos e colaborando eficazmente na súa creación, que foi efectuada en maio de 1971, cousa non doada naqueles momentos, pois aínda que a Lei de Educación de 1970 prevía o estudo das linguas vernáculas, necesitouse unha intervención directa de Pedro Barrié de la Maza para superar as últimas dificultades.

Desde entón o IlG vén despregando unha intensa actividade investigadora nos eidos da lingüística e da filoloxía galegas e, ao tempo, no desenvolvemento de ferramentas e aplicacións tecnolóxicas que poñan ao dispor da comunidade académica e da sociedade no seu conxunto o coñecemento xerado no marco das actividades de investigación. Ademais, contribuíu decisivamente ao proceso de codificación ortográfica, gramatical, lexical e fonética do galego moderno.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.