Misoquinesia: a fobia a ver á xente inqueda que afecta a máis xente da que cres

Un estudo publicado en "Scientific Reports" sostén que un terzo da poboación reacciona de forma negativa ao ver estes comportamentos

Estamos a falar con alguén, ou atopámonos nun espazo onde hai máis persoas, e vemos que outra xente comeza a facer movementos repetitivos, como síntoma de inquedanza ou ansiedade. E entón comeza a invadirnos unha incómoda sensación, un malestar incontible. Igual non o sabes, pero estás a experimentar misoquinesia, unha sensación de estrés descrita na psicoloxía e que, segundo un estudo realizado por investigadores belgas e canadenses, é moi prevalente na poboación: estímase que un terzo das persoas se ven afectadas por el.

A investigación é pioneira sobre este fenómeno, xa que apenas existe mención a el na literatura científica. “A misoquinesia é unha resposta afectiva ou emocional fortemente negativa que se produce ao vermos a alguén movendo repetitivamente unha man ou un pé, por exemplo”, explican os autores do traballo. Curiosamente, segundo explica un dos asinantes, o profesor de Psicoloxía Todd Handy, da Universidade da Columbia Británica (Canadá), a idea de desenvolver a investigación xurdiu cando unha compañeira lle fixo ver as molestias que lle causaba o propio Handy cando o vía a el, ou a outras persoas, facer movementos inquedos.

Publicidade

Para abordar este tipo de reaccións, o equipo recrutou a máis de 4.000 participantes, medindo a prevalencia da misoquinesia nun grupo de estudantes universitarios e na poboación xeral, avaliando os impactos destas reaccións e intentando comprender por que as persoas a manifestaban. E a frecuencia coa que atoparon estas reaccións foi sorprendente: arredor dun terzo dos pacientes informou dalgún grao de sensibilidade a comportamentos repetitivos e inquedos nas persoas que atopan na súa vida diaria”.

En ocasións, explican os investigadores, a misoquinesia vai asociada á misofonía, un fenómeno tamén descrito en investigacións recentes que se describe como o malestar que causan en nós os ruídos que fan outras persoas.

Publicidade

Por que xorde a misoquinesia?

Segundo outra das autoras, Sumeet Jaswal, están a procurar posibles respostas á aparición da misoquinesia. “Unha posibilidade que estamos a explorar é que as neuronas espello teñan algún papel nisto; estas neuronas actívanse cando o noso cerebro ve que outras persoas se moven. De aí o de ‘espello’, porque reflectimos dalgunha maneira os movementos dos demais. Así, estas neuronas axúdannos a comprender a outras persoas e as intencións detrás no seu movemento, están vinculadas á empatía. Por exemplo, cando ves que alguén se manca, ti reaccionas facendo algún aceno, xa que a dor se reflicte no teu propio cerebro e iso fai que te identifiques con outra xente”.

Engade Jaswal que “unha razón pola cal as persoas se volven inquedas é porque están ansiosas ou nerviosas, polo que cando alguén que sofre misoquinesia as ve, poden reflectilo e experimentar os mesmos sentimentos. Queremos examinar isto con máis detalle en investigacións futuras, e ver tamén se hai algunha compoñente xenética nesta sensibilidade”.

Outra das ideas que manexaron os autores da investigación é a de que as persoas con maior sensibilidade visual e atencional, que non pode bloquear os eventos de distracción que xorden no seu campo visual, poidan ter unha maior posibilidade de manifestar misoquinesia. Porén, o estudo non atopou resultados concluíntes neste asunto.

Os investigadores insisten na necesidade de visibilizar o problema, advertindo das dificultades que pode supoñer para traballar, estudar ou desenvolverse en encontros sociais. Para divulgar o relacionado coa misoquinesia, mesmo crearon un portal web con máis información.


Referencia: Misokinesia is a sensitivity to seeing others fidget that is prevalent in the general population (Publicado en Scientific Reports).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Memorias dunha pandemia

Como sobrevivir á histeria colectiva ante un gromo de hantavirus. Por Andrea Veiga

Ler é un pasatempo… ou moito máis?

A lectura destaca por activar procesos cognitivos específicos que, especialmente cando o cerebro se está desenvolvendo, poden marcar diferenzas importantes na idade adulta

De verdade fomos máis felices en 2016? A ciencia detrás da última tendencia en redes

Os recordos cargados de emoción consolídanse mellor que os neutros, pero co tempo ocorre algo curioso: moitas experiencias negativas perden forza

O impacto emocional do accidente de Adamuz: “Unha catástrofe deste nivel sacode toda a sociedade”

Os expertos sinalan a importancia da intervención psicolóxica temperá ante os síntomas de ansiedade e estrés agudo das vítimas e familiares