Sábado 20 Abril 2024

Sanidade adianta a vacinación da Covid-19 ás persoas que pasaron a infección

Galicia é unha das últimas comunidades en reducir os seis meses marcados nun primeiro momento despois de superar a Covid-19

A mediados de agosto, nunha reunión do Consello Interterritorial de Sanidad, no que toman parte Goberno español e comunidades autónomas, o Ministerio puxo sobre a mesa un cambio na estratexia de vacinación que afectaría ás persoas que superasen a enfermidade nos últimos meses. Dos seis meses establecidos para recibir o fármaco (no caso dos menores de 65 anos), Sanidad propuxo reducir este período a dous meses. A meirande parte das comunidades autónomas acordaron seguir as recomendacións e comezaron a vacinar neste rango de tempo ás persoas que foran positivas, pero non foi ata este mércores cando Galicia anunciou esta decisión. Así o indicou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na rolda de prensa desta mañá, celebrada para facer seguimento da pandemia.

De seis a dous meses

Ata agora, establecíanse dous criterios en función da idade. As persoas maiores de 65 anos recibían igualmente as dúas doses (no caso das vacinas de dobre pauta) unha vez superasen a infección e o período de illamento, se resultaban positivas antes da vacinación ou no espazo entre unha e outra dose.

Publicidade

Porén, a estratexia contemplaba diversas opcións coa poboación menor de 65 anos cun diagnóstico previo positivo, ben por seroloxía ou por proba diagnóstica de infección activa: por unha banda, cabía a posibilidade de administrar unha única dose a partir dos seis meses despois do inicio de síntomas ou, no caso de recibila antes, a dose consideraríase igualmente válida e non sería preciso administrar a segunda. A evidencia dispoñible ata o momento expón que as persoas vacinadas despois de superar a infección teñen unha resposta inmune máis potente, aínda que esta resposta vese mermada nos maiores de 65 anos (de aí a recomendación de non deixar pasar os seis meses). E por outra banda, se a infección xorde despois de recibir a primeira dose, a estratexia contemplaba a opción de deixar pasar seis meses antes de recibir a segunda dose.

A decisión anúnciase nun momento no que máis do 74% da poboación galega (e un 81,2% da maior de 12 anos, idade a partir da cal están autorizadas as vacinas actuais) ten xa a pauta completa do fármaco. Isto é, xa son máis de dous millóns de persoas (dos 2,4 chamadas a vacinarse) que recibiron a inmunización. A chegada de novas doses (este martes entregáronse preto de 116.000) permitirá completar a administración das vacinas nos grupos de idade con menor cobertura.

Ademais, tendo en conta a elevada incidencia que desde comezos de xuño afectou aos grupos de menores de 30 anos, o feito de adiantar a inxección permitirá que se acaden antes do agardado unhas coberturas suficientes para reducir notablemente o risco de casos graves en todas as franxas etarias.

En relación á campaña de vacinación, despois de abrir recentemente a autocita para todas as persoas que aínda non recibisen a pauta completa, o conselleiro García Comesaña convidou a todas as persoas maiores de 20 anos que aínda non recibisen ningunha dose a anotarse para facelo. Desde Sanidade informouse de que se abriron 30.000 ocos de autocita destinados ás persoas que superen esa idade e estean sen vacinar. O conselleiro de Sanidade precisou que en Galicia apenas o 8% da poboación diana todavía non foi vacinada.

A cobertura é meirande nos maiores de 40 anos, co 95,7% coa pauta completa de vacinación. No grupo de 12 a 19 anos, xa teñen unha dose un 85% dos rapaces e rapazas desta idade. Actualmente, a menor cobertura está no grupo de 30 a 39 anos. Un 23% da poboación deste rango etario (case 1 de cada 4 persoas) aínda non ten ningunha das doses.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Zendal lanza a primeira vacina de tecnoloxía ADN contra a leishmaniose canina

‘Neoleish’ reduce a presenza do parasito en máis dun 90% e mellora os signos clínicos da doenza

Sanidade ordena a retirada dun coñecido fármaco para a diabetes

A AEMPS comunicou que os motivos se relacionan por un defecto de calidade que “non supón un risco vital para o paciente"

Comesaña: "O Centro de Protonterapia tratará pacientes de cancro en 2025"

O conselleiro de Sanidade fala da situación da sanidade galega e dos novos proxectos de terapias oncolóxicas

Galicia rexistra 16.000 novos casos de cancro e 8.000 mortes cada ano

A Fundación CRIS reúnese con Sanidade para solicitar unha maior cobertura aos pacientes oncolóxicos que requiren de medicamentos CAR-T