Venres 26 Abril 2024

Unha quinta parte dos concellos galegos segue con máis vacas ca persoas

Muras, con máis de 5 cabezas de vaca por persoa, lidera a clasificación, mentres que Lalín, con case 15.000 reses, ten a maior cifra absoluta

Desde que no 2017, GCiencia publicase por primeira vez no portal a listaxe dos 63 concellos con máis vacas ca persoas, a tendencia que amosa a importancia dun dos animais máis relevantes da gandería e, por extensión, a historia recente en Galicia, mantense relativamente estable. Os datos, que todos os anos recolle o Sistema Integral de Trazabilidade Animal (SITRAN), da Consellería de Medio Rural e do Mar, amosan a evolución do número de cabezas de gando bovino no país.

Ao peche de 2020, en Galicia había 954.620 cabezas de gando bovino, das que 531.814 eran vacas (318.195 eran de muxidura e outras 213.618 de non muxidura). Case que un millón de bóvidos repartidos en 32.671 explotacións. As cifras dan conta da evolución do sector. O número de explotacións reduciuse case que á metade en 18 anos, desde as máis de 63.000 do ano 2002. E, aínda que o total de cabezas de vaca baixou en máis de 200.000 desde as 754.514 dese mesmo ano, o cómputo de bóvidos é lixeiramente superior ao de 2002, cando había 939.848 fronte aos 954.620 de 2020. Esta tendencia crecente débese ao aumento das cabezas destinadas ao cebadeiro e recría de xuvencas.

Publicidade

As cifras do SITRAN que se poden ver nesta información proceden integramente dos datos subministrados pola propia Xunta, que a súa vez se basea nos datos subministrados polos propios gandeiros (ao xestionar altas, baixas, emisión de documentos de identificación, declaracións de censo, etc.) ou na información obtida mediante o exercicio das  competencias autonómicas, como é o caso das inspeccións, controis ou emisión de documentos de movemento, entre outros.

Concellos con máis vacas e vacas por habitante

Na listaxe que recolle o número de cabezas en termos absolutos destaca o concello de Lalín, con case 15.000 cabezas de gando. Por mor da súa poboación, que supera os 20.000 habitantes humanos, non ten máis vacas ca persoas, pero está cabeza desta clasificación. Ségueno A Pastoriza, con 14.630, e Mazaricos, Sarria, Castro de Rei, Santa Comba e Vilalba, con máis de 10.000. Entre os 10 primeiros está tamén unha capital provincial: Lugo, cunha ampla zona rural alén do casco urbano, rexistra 9.536 cabezas de vaca.

Na outra banda están seis concellos sen ningunha vaca: Ribadavia, Pontedeva, Larouco, A Illa de Arousa, Beade e A Arnoia. E outros 19 teñen menos de 10 vacas rexistradas neste censo. Destacan aquí importantes vilas como Cangas (2 vacas), Marín (3) ou Moaña (9).

Máis vacas por habitante

Ao facer a proporción entre habitantes humanos e vacún, o concello de Muras ocupa o primeiro posto, con 3280 vacas, todas de aptitude cárnica, isto é, de non muxidura, fronte a pouco máis de 600 habitantes. A Pastoriza, que se achega tamén á proporción 5 a 1 a prol das vacas fronte a humanos, destaca polas explotacións leiteiras. Montederramo (4,41 vacas/persoa) ten predominancia de aproveitamento cárnico do gando bovino, mentres que en Paradela (4,17) a proporción é case que do 50% entre leite e carne. E así ata os 65 concellos que suman máis vacas ca persoas. Meira é o máis axustado por riba, con 1.813 vacas e 1.748 habitantes, mentres que A Mezquita, con 998 e 1.013, respectivamente, está ao 0,99.

O mapa reflicte claramente a distribución das comarcas con máis puxanza do sector vacún en Galicia. O Xallas, a Terra Chá, Lugo, Melide, Sar ou A Ulloa destacan tanto polas súas cifras en termos absolutos como pola proporción respecto ao total de habitantes. Na provincia de Ourense, a recuperación de razas autóctonas como a caldelá, a limiá ou a cachena fan que a proporción de bóvidos/persoas sexa igualmente notable.


Tal e como explicaba o ano pasado a GCiencia o investigador Telmo Otero, especializado en historia agraria, a introdución do gando frisón, destinado á produción de leite, a través do século XX, incrementou notablemente a cabana bovina en Galicia ata as cifras actuais.

A comparativa entre a gran presenza de bóvidos e humanos en Galicia enchoupa notablemente a cultura popular, desde o país do millón de vacas do que falaba Manuel Rivas ata enxeñosas ideas xurdidas nos últimos anos nas redes sociais. Como exemplo, a conta @cantasvacashai, un bot que publica en Twitter o número de vacas, habitantes e vacas por habitante de todos os concellos galegos. Desde esta semana, a raíz de publicarse os datos do SITRAN pertencentes a 2020, anunciou que ía comezar de novo a difundir a relación dos 313 municipios:

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses