Os datos de 2018 expoñen que máis do 20% dos municipios galegos ten máis vacas ca persoas.
Os datos de 2018 expoñen que máis do 20% dos municipios galegos ten máis vacas ca persoas.

Como chegaron 65 concellos galegos a ter máis vacas ca persoas?

O desenvolvemento do sector desde a aposta polas razas produtoras de leite, a partir da metade do século XX, ofrece un interesante mapa do país

Nos últimos decenios, a evolución demográfica de Galicia, por unha parte, e a do sector primario, aínda que moitas veces parellas, foron configurando un peculiar mapa. Segundo as as últimas cifras que achegaba en 2018 o SITRAN (Sistema Integrado de Trazabilidade Animal), un censo destinado a garantir o seguimento do gando vivo presente en todo o territorio español, hai 65 municipios galegos, un de cada cinco dos 313 concellos do país, nos que habitan máis vacas ca persoas. Se no cálculo se inclúen, ademais das vacas, todas as reses de vacún de cada concello (bois, touros ou tenreiros), case un terzo dos concellos (31,3%, 98 en total) terían máis cabezas de vacún ca de seres humanos empadroados neles.

Comarcas gandeiras

O mapa amosa un patrón semellante, tanto na proporción de vacún-persoas como nos números absolutos de gando bovino. Unha franxa que percorre o interior das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra aglutina a gran maioría destes municipios. Desde o Xallas e a Barcala ata A Fonsagrada, pasando por Ordes, Melide, Arzúa, o Deza, a Ulloa, Sarria, Chantada, Lugo ou a Terra Chá, o potencial do sector primario, sobre todo relacionado coa produción e transformación do leite (Galicia segue sendo unha das principais rexións produtoras de Europa).

Así, en termos absolutos, Lalín é o municipio con máis vacas de Galicia, con 14.992, o que supón unha relación de 0,75 fronte aos 20.103 habitantes que tiña en 2018. Con todo, ao incluír todos os bovinos, a cabeceira da comarca do Deza contaría con máis bóvidos (26.870) ca persoas. Outras cabeceiras de comarca, como Sarria, Vilalba, Santa Comba ou Lugo, aínda que manteñen unha proporción de vacas menor cá de persoas (xa que seguen atraendo poboación, ou perden menos, en todo caso, ca municipios máis pequenos) atópanse no ‘top 10’ en termos absolutos.

Con todo, ao tomar en conta a ‘taxa’ entre animais e humanos, son os municipios pequenos e máis centrados no sector primario os que amosan maiores cifras. Así, Muras (5,16 vacas /habitante), A Pastoriza (4,79), Montederramo (4,27, aínda que neste caso se centra na produción de carne e non de leite), ou Pol (4,1) están por riba da proporción 4 a 1. Pero varias vilas que son capitais comarcal aínda están por riba do 1, como Santa Comba, a máis poboada en canto a humanos que supera este limiar, (1,14), Arzúa (1,52) ou A Fonsagrada (1,64). Así, ata 65 na suma de Galicia, no límite que marca As Somozas, con 1.137 vacas e 1.103 habitantes en 2018 fronte a Becerreá (2.762 fronte a 2.827). Nos últimos anos, foron sumándose concellos por riba desta cifra (63 en 2014 e 64 en 2017). É de agardar que, de manterse a tendencia, se vaian achegando ás cifras de 2002, cando eran 75 os municipios con máis vacas ca habitantes, nun contexto bastante distinto ao actual en canto á situación do sector e a distribución da poboación en Galicia.

Como curiosidade, no outro extremo da listaxe sitúanse A Illa de Arousa, Ribadavia, A Arnoia, Pontedeva, Larouco e Beade, onde non hai ningunha vaca segundo o SITRAN. Nas sete principais cidades, constátase que hai 46 vacas en Vigo, 17 na Coruña, 11 en Ourense, 65 en Pontevedra e 237 en Ferrol. Santiago e Lugo, concellos máis extensos e cunha parte do territorio dedicada ao sector primario, rexistran, respectivamente, 2.821 e 9.536 vacas. Nesta lista podes consultar o número de vacas, bovinos e persoas, e a relación entre cada unha das cifras, que hai no teu concello.

As orixes da especialización láctea, cando e por que?

Estas peculiares proporcións entre gando e habitantes esténdense por todo o mundo. Por exemplo, Australia e Nova Zelandia teñen unha enorme proporción de ovellas sobre o total da súa poboación humana. Son cifras que falan moito sobre o pulo do sector gandeiro nestes países. Mesmo en Galicia, a pesar de que as vacas sexan consideradas un dos elementos clave da paisaxe, é maior a cifra de porcos, que superan o millón, e que son máis cás persoas en arredor de 75 municipios.


Telmo Otero: “O momento clave relacionado coa introdución do gando frisón chega nos anos sesenta”

No caso do gando vacún e, en especial, da aposta polos animais produtores de leite, as orixes aparecen a comezos do século XX, segundo explica o historiador Telmo Otero, membro do grupo Histagra (Historia Agraria e Política do Mundo Rural) da Universidade de Santiago de Compostela, que actualmente estuda na súa tese de doutoramento o proceso da especialización láctea en Galicia durante o pasado século.

– Que escenario histórico impulsa a introdución do gando frisón e outras razas produtoras de leite en Galicia?

– Observando dende un contexto máis amplo, o leite comeza a gañar importancia na alimentación da poboación dende finais do século XIX. Así o mostra a maior afluencia de leiteiras ás cidades dende zonas rurais próximas ou que os concellos aumenten as medidas de control sanitarias do leite introducido neles. Dende ese momento é tamén unha constante nas publicacións médicas e científicas a posta en valor das propiedades do leite levándose a cabo unha labor de difusión como alimento saudable. Que nos anos vinte aparezan as primeiras cooperativas, ou que desde institucións como a Misión Biolóxica de Galicia, se leven a cabo iniciativas para mellorar a produción, é síntoma da continuidade desta tendencia. Nos anos trinta teremos as primeiras industrias de transformación como é Ilepsa en Pontecesures ou Arxeriz en Chantada, e nos cincuenta os organismos estatais seguen perseguindo a mellora da produción láctea do gando.

Telmo Otero.
Telmo Otero.

O momento clave relacionado coa introdución do gando frisón chega nos anos sesenta, relacionado co aumento da poboación das cidades e polo tanto tamén da demanda de alimentos, entre eles o leite. É nese momento cando o Estado impulsa a introdución de gando de raza frisoa en Galicia, que posúe un alta capacidade de produción de leite. Que sexa posible facelo  explícase por outros procesos parellos como  é mecanización, de forma que o gando xa non tería que ser dedicado a traballar.  Ó mesmo tempo a presencia do sector da transformación láctea é maior coas Centrais Lácteas estatais pero sobre todo coa expansión das industrias privadas como é o caso da xa citada Ilepsa ou a formación neste momento de Larsa, tamén con amplo apoio estatal.

 E como se fomentou desde as Administracións e empresas do sector este proceso?

– O proceso de modernización impulsado nos anos sesenta alcanza a tódolos elementos que constitúen o sistema agrario: xunto á introdución do gando frisón,  foméntase a compra de maquinaria e outras tecnoloxías nas explotacións como son as muxidoras ou os tanques de frío, procúrase que os terreos sexan dedicados a pastos e forraxes, como a base alimenticia do novo gando. Aquí, non sorprende que as comarcas que pola súa propia xeografía eran as máis favorables a estes cambios sexan nas que predomina o sector lácteo.

Este proceso estará impulsado tanto polo Estado como polas empresas privadas de transformación láctea.  Interesados ambos actores en que as explotacións cada vez produzan máis leite, levan a cabo iniciativas baseadas, fundamentalmente en subvencionar a incorporación destas novidades produtivas das que vimos falando. Así, por exemplo, se o gandeiro compra unha cabeza frisoa, o Estado págalle a metade e, a cambio, o gandeiro entrégalle a primeira cría femia, que á súa vez o Estado cederá posteriormente a outra explotación, e así sucesivamente.

E cal é hoxe o panorama?

– A transformación que se iniciou a mediados do século XX deu lugar a que moitas menos explotacións producisen moito máis, sendo as menos vulnerables as que lograron manter un nivel constante de innovación tecnolóxica. Máis é tamén unha cuestión tan económica como social, xa que non dependía só da adaptación ao novo modelo, senón tamén de cuestións que escapan ós números como que as seguintes xeracións querían seguir ou non no sector.

Segundo avanzamos cara os anos 80 e 90, alcanzouse un alto nivel produtivo que só frearía no marco das cotas lácteas, sen embargo, no escenario que se crea trala supresión destas no ano 2015, as explotacións dependen máis que nunca da súa capacidade de aumentar a produción a un menor custe. Xunto a isto xa non só falamos de explotacións ou gandería de leite, senón de sector lácteo,  o que inclúe industrias transformadoras e cadeas de distribución cunha ampla capacidade de determinar  as características e condicións que debe cumprir a materia prima obtida polas explotacións.

Por exemplo, de acordo coa crecente preocupación do consumidor polos produtos naturais e as condicións dos animais, búscase que as explotacións teñan o seu gando en pastoreo, o que despois reverte nunha virtude que a industria ofrece cara o consumidor. Por outra parte, non se poden esquecer as realidades que xorden vinculadas a un modelo produtivo caracterizado pola concentración das explotacións e a intensificación da produción obtida, trátase das crises ambientais derivadas da contaminación e incendios, ou socias como o despoboamento. Galicia segue sendo unha das rexións que máis leite produce en Europa, pero estas cuestións supoñen serias eivas a ese modelo de desenvolvemento.

“Consumir produtos obtidos de forma máis natural non só repercute na saúde, senón tamén no medio rural que temos”

– E co coñecemento da evolución histórica, que previsións se poden establecer cara ao futuro?

– Nun futuro, canto menos a curto prazo, a dinámica que vemos ata o día de hoxe vaise manter: vai haber menos explotacións, menos xente dedicándose á agricultura e a gandería e polo tanto, menos xente vivindo no rural. Neste sentido, inevitablemente máis territorio será abandonado e propenso a que arda.  Dende a política só se vai actuar para diminuír o efecto das consecuencias que vimos indicando. Por exemplo, aumentando os fondos destinados á extinción de lumes.

A posibilidade de que se dea un cambio disto dependerá dunha conxunción de factores que inclúen a unha sociedade que debe ser consciente das consecuencias do modelo de produción de alimentos que se construíu ata agora, e da necesidade dunha agricultura sostible. De que consumir produtos obtidos de forma máis natural non só repercute na saúde, senón tamén no medio rural que temos. Efectivamente a decisión de escoller un produto de proximidade fai viable outro modelo de produción de alimentos. E isto inclúe unha compoñente de educación no consumo, sobre todo de cara as xeracións futuras, para facer consciente á cidadanía que apostar por determinados produtos garantirá a xeración de postos de traballo nas zonas que temos máis próximas e, por tanto, isto redundará en beneficio da comunidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.