Non son poucas as persoas que experimentan misofonía; isto é, unha reacción de ansiedade e malestar ao escoitar determinados ruídos que son máis ou menos cotiáns producidos por outras persoas. É unha patoloxía que afecta, nalgunha das súas variantes, a entre un 6 e un 20% da poboación, e que nas formas máis severas pode dificultar as relacións familiares, sociais ou laborais. Pode ser, por exemplo, o feito de escoitar a alguén mastigar, beber ou respirar. É un proceso con implicacións neurolóxicas que un equipo de científicos conseguiu, en parte, desentrañar nunha investigación que publican no Journal of Neuroscience.
Os autores deste artigo expuxeron a hipótese de que o sistema de neuronas-espello relacionado cos movementos orofaciais podería ser a base da misofonía, e para isto analizaron as reaccións de persoas afectadas por este problema. Coas súas análises, confirmaron que esta condición non se debe a abreaccións (descarga de emocións ou afectos ligados a, por exemplo, experiencias traumáticas) senón que é unha manifestación da actividade en partes do sistema motor involucradas na produción destes sons. Apuntan, por tanto, que este novo marco podería explicar as respostas conductuais na misofonía e axudar, por tanto, no deseño de terapias máis efectivas.
A conexión que estudaron os investigadores vai desde a codia auditiva do cerebro ata a codia motora orofacial, que controla o movemento da cara, a boca e a gorxa. Isto ten sentido, din, pois a maioría dos sons que desencadean a misofonía están causados por accións que involucran os músculos do rostro humano, como a mastigación ou a deglutición. E foi en relación a esta conexión como os científicos acadaron os seus avances: postulan que as persoas con misofonía están experimentando, en realidade, unha estimulación da mesma parte da codia motora que está causando o son da outra persoa.
“Os nosos achados indican que nas persoas con misofonía hai unha comunicación anormal entre as rexións do cerebro motor e auditivo”, explica o neurocientífico Sukhbinder Kumar, da Universidade de Newcastle (Reino Unido). É, segundo os autores do artigo, unha “conexión supersensibilizada”. “É a primeira vez que se identifica unha conexión deste tipo no cerebro”, apuntan. Alén disto, conseguiron
Para acadar estes descubrimentos, o equipo analizou resonancias magnéticas de 75 persoas, con e sen misofonía. Tomaron datos con ausencia de ruídos, con sons que activan a misofonía (como a mastigación), outros son desagradables, como berros, e sons neutros como o da chuvia.
“O que nos sorprendeu foi atopar tamén un patrón semellante de comunicación entre as rexións visual e motora, o que reflicte que a misofonía tamén pode producirse cando se desencadea por reaccións visuais”, apunta Kumar. Este achado levou aos investigadores a crer que detrás disto pode estar a activación do chamado ‘sistema de espello’, “que nos axuda a procesar os movementos realizados por outras persoas activando o noso propio cerebro dun xeito semellante, como se estiveramos facendo nós mesmos esa acción”.
Esta idea, engaden os investigadores, está respaldada por unha das formas nas que a misofonía pode controlarse nalgunhas persoas: imitando a acción que crea o son da persoa que está a facer os ruídos e, deste xeito, ‘recuperando o control’.
No referente á mellora nas terapias, o neurólogo Tim Griffiths, da Universidade De Newcastle, apunta: “O estudo achega novas formas de pensar en tratamentos para a misofonía; no canto de centrarse nos ‘centros’ do son no cerebro, como fan moitas terapias, os tratamentos deberían considerar tamén as áreas motoras”.
Referencia: The motor basis for misophonia (Publicado en Journal of Neuroscience).