Un equipo de científicos españois vén de acadar relevantes avances no estudo de terapias contra o cancro de páncreas, un dos tumores máis agresivos e difícil de tratar na actualidade. Fixérono a través da hipertermia magnética, un tratamento antitumoral que aplicaron de forma experimental en ratos. Este procedemento usa nanopartículas magnéticas que xeran calor ao seren expostas a un campo magnético alterno e externo, que é inocuo para os tecidos sobre os que se usa. Nun experimento en ratos, os científicos observaron un aumento da resposta inmune e unha maior inhibición no crecemento dos tumores.
O traballo publícase na revista ACS Applied Materials and Interfaces, e asínano investigadores do Instituto de Nanociencia e Materiais de Aragón (INMA), centro mixto do CSIC e a Universidade de Zaragoza, e do Centro de Investigación Biomédica en Rede (CIBER) na área de Bioenxeñaría, Biomateriais e Nanomedicina.
Tal e como explican os autores, unha das peculiaridades do cancro de páncreas, que obstaculiza o éxito dos tratamentos, é a presenza dunha matriz extratumoral moi densa, a coñecida como estroma, que supón unha importante barreira para a chegada dos fármacos ao seu obxectivo. “A hipertermia magnética é de especial interese neste tipo de tumores porque pode ter un efecto dual axudando á matriz extracelular a ser máis permeable e provocando a morte das células tumorales. A sinerxia deste tratamento con terapias convencionais podería resultar de gran relevancia”, explica ao CSIC Laura Asín, investigadora do INMA e o CIBER.
Nestes experimentos en murinos usáronse distintos tipos de modelos biolóxicos. Mediante modelos celulares 3D baseados en xeles de coláxeno, onde se aloxan as células de cancro de páncreas, optimizáronse as condicións do campo magnético alterno para obter a máxima morte celular posible. A continuación, realizáronse experimentos nun modelo de cancro de páncreas de rato, que demostraron, de forma preliminar, que o tratamento de hipertermia magnética é capaz de estimular a produción de moléculas relacionadas coa activación da resposta inmune.
“A activación das propias defensas do individuo tratado con hipertermia magnética podería supoñer unha gran vantaxe xa que achegaría unha resposta antitumoral extra coa que combater as células tumorales”, engade Valeria Grazú, outra das autoras do traballo.
Neste tratamento as nanopartículas magnéticas inxéctanse directamente no tumor para asegurar a súa presenza en maiores cantidades nesa zona e obter unha mellor resposta. Así, un dos avances máis novos e relevantes deste traballo é que as nanopartículas magnéticas presentan unha biodistribución impredicible e heteroxénea nos animais.
Nalgúns ratos detectouse a presenza destas nanopartículas en órganos como o bazo e o fígado, mentres que noutros casos os niveis foron indetectables e mantivéronse principalmente no tumor. A diferenza nesta distribución podería estar relacionada coa efectividade do tratamento, xa que nos animais que presentaban maior carga de nanopartículas no tumor este creceu menos.
Referencia: Critical Parameters to Improve Pancreatic Cancer Treatment Using Magnetic Hyperthermia: Field Conditions, Immune Response, and Particle Biodistribution (Publicado en ACS Applied Materials and Interfaces).