O enxame sísmico de Ourense remite tras case 100 tremores en dúas semanas

Desde o pasado 13 de maio producíronse 98 sismos, dos cales seis superaron a magnitude 3

A situación parece volver pouco a pouco á calma no subsolo do Macizo Central ourensán. O enxame sísmico que comezou o pasado 13 de maio e acadou o cumio pasada a medianoite do 20 ao 21, co tremor máis intenso da serie e centos de avisos en boa parte de Galicia, rexistra menos actividade nos últimos días. Desde o pasado luns 24, o IGN só dá conta de cinco lixeros movementos, que non foron sentidos pola poboación, e que apenas superaron a magnitude 2.

En suma, os movementos sísmicos arredor deste enxame achéganse a un cento nas últimas dúas semanas. Arredor da metade concentráronse os días 19, 20 e 21. E seis deles superaron a magnitude 3. O maior deles, segundo os reaxustes nos cálculos do IGN, foi de magnitude 3,6 na escala Mw (magnitude momento), mentres que o resto dos sismos se calcularon na escala Mblg (máis detalles sobre magnitudes, nesta ligazón).

Publicidade

Alén dos tremores na contorna do Macizo Central, o IGN rexistrou pequenos sismos de magnitude superior a 2 nos últimos días en Vilar de Santos, Láncara, Nogueira de Ramuín ou no litoral atlántico, fronte a Carnota.

A pesar da remisión deste fenómeno sísmico, os expertos avanzan que non se pode predicir a evolución dos enxames. Con todo, desde a Rede Sísmica apuntan a que é “habitual” que os episodios finalicen sen maiores consecuencias nin movementos de moita maior magnitude. O IGN non ten identificada ningunha falla activa na zona, aínda que non se descarta a súa existencia.

Publicidade

En declaracións a GCiencia, o investigador Gerardo de Vicente Muñoz, do departamento de Xeodinámica da Universidad Complutense de Madrid, explicaba a semana pasada que a actividade tectónica na contorna de Laza, Vilar de Barrio e Sarreaus podía deberse ao “sistema de fallas Penacova-Regua-Verín e o de Vilariça-Manteigas-Bragança, que son consideradas activas en Portugal e que atravesan a fronteira ata chegar en España ata o norte de Verín e o sur do Bierzo”.

A pesar da rebaixa da magnitude ata 3,6, o sismo rexistrado a pasada semana en Laza mantense entre os maiores dos últimos anos en Galicia, só superado no último lustro polo que tivo epicentro en Melgaço, ao carón da raia, en novembro de 2018. Naquela ocasión, o tremor, de magnitude 3,7, xerou tamén centos de avisos despois de percibirse en todo o sur de Galicia e norte de Portugal.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O sueste de Ourense, entre as áreas de España con maior probabilidade de sufrir grandes lumes

Un estudo da UVigo baseado en máis de 120.000 simulacións alerta do impacto do cambio climático na evolución e intensidade dos incendios forestais

▪️ Que é a cúpula de calor? O fenómeno detrás dos récords de temperatura en Galicia en pleno mes de maio

MeteoGalicia establece alertas amarelas por calor na zona do Miño de Ourense e no sur de Lugo, con previsións de ata 36 graos

Un anticiclón subtropical afecta Galicia con máximas de 36 graos e con calor prevista ata inicios de xullo

MeteoGalicia advirte dun forte ascenso térmico en toda a comunidade e da posible aparición de tormentas no interior

Unha dorsal africana rompe os termómetros e as temperaturas acadarán os 30 graos en Galicia

O ascenso dos graos impulsará valores estivais no interior e nas Rías Baixas, con ambientes máis calorosos durante as horas centrais do día