Un movemento sísmico de magnitude 3,9 rexistrado arredor das 00.35 horas deste venres 21 de maio, con epicentro no municipio ourensán de Laza, sentiuse en boa parte de Galicia. Arredor da 1 da madrugada, o cálculo revisado da Rede Sísmica do Instituto Geográfico Nacional (IGN) situaba a magnitude (á espera de posibles correccións posteriores) en 3,9, o que o converte no sismo máis intenso dos últimos 30 anos na provincia, por riba do de magnitude 3,5 rexistrado en Valdeorras en 2019 e o de 3,8 localizado en Sarreaus en 1989. Apenas unha hora despois do principal sismo, o IGN xa dera conta de cinco novos tremores máis leves (2,3 e 1,8, 1,6, 1,7 e 2,3) tamén en Laza.
#terremoto 20/05/2021 22:35:32UTC NW LAZA_OU mag=3.9 prof=0km cálculo revisado https://t.co/6ZPhDF4eE1
— IGN Sismología (@IGN_Sismologia) May 20, 2021
O movemento coincide cun enxame sísmico que desde hai algo máis dunha semana se vén producindo na contorna dos concellos de Laza, Sarreaus e Vilar de Barrio. Máis de 60 tremores, varios deles por riba da magnitude 3, están a ser percibidos na área. Desde a Red Sísmica Nacional apuntan que estas series en zonas de baixa actividade adoitan terminar, habitualmente, sen maiores consecuencias.
Os sismos volven axitar Galicia un 21 de maio, 24 anos despois do terremoto de Lugo
Intensidade IV
Con todo, o tremor da madrugada do venres foi sentido por numerosas persoas que deixaron constancia do mesmo a través das redes sociais, xa que coincidiu cunha hora de repouso e menor actividade humana, por tanto, máis acaída para percibir estes sismos.
En menos dunha hora, ata a 1.30 da madrugada, o IGN recibiu máis de 250 notificacións de informantes que sentiron o tremor desde numerosos puntos de Galicia. Ao outro lado da raia, o Instituto Português do Mar e da Atmosfera (IPMA) rexistrou na súa rede sísmica o tremor de Ourense, que sitúa en magnitude 3,5. Foi sentido en Portugal no concello de Terras de Bouro e en Braga.

A intensidade, escala que mide os efectos do sismo nas persoas, os obxectos ou a natureza, sitouse en IV, segundo as primeiras notificacións ao IGN e o IPMA. Neste nivel, no que os sismos se cualifican como “amplamente observados”, os terremotos son sentidos por moita xente dentro de edificios, e por algunhas persoas no exterior. Neste nivel de intensidade, as persoas que o perciben senten un pequeno temblor no edificio, a habitación, a cama ou a cadeira, así como as vaixelas, xanelas ou portas a renxer. Os obxectos pendurados poden oscilar e, nalgúns casos, os mobles lixeros poden tremer. Con todo, non se adoitan producir danos nas estruturas.
ACABA DE HABER UN TERREMOTO EN VIGO
— ❥ Ginger ¦ JJK ×pr໐໐f× (@Bourm0nt) May 20, 2021
Acabo de sentir un pequeno tremor de terra en Lugo
— Isaac González ❄️ (@IsaacGonzalezEU) May 20, 2021
Acaba de temblar la casa en #vigo #terremoto
— Alberto de Haro (@AlbertodeHaro1) May 20, 2021
Curiosamente, o sismo de magnitude 3,9 coincide practicamente en data cun dos tremores máis recordados en Galicia, o rexistrado na noite do 21 ao 22 de maio de 1997 en Triacastela, e que acadou a magnitude 5,1.
En Tui tamen o sentin