Venres 29 Marzo 2024

Os sismos volven axitar Galicia un 21 de maio, 24 anos despois do terremoto de Lugo

O tremor da pasada noite en Laza foi o que acadou maior magnitude desde o ano 2000, cando se produciu un de 4,1 en Triacastela

A terra seguía tremendo na mañá do venres 21 de maio na contorna dos concellos de Laza, Vilar de Barrio e Sarreaus. Nas abas do Macizo Central que caen cara ao val que forma o río Támega, moi preto de aldeas como Prado, Alberguería, O Castro, O Navallo, Correchouso ou Tamicelas, está a rexistrarse desde o pasado día 13 un dos enxames sísmicos máis intensos dos últimos anos en Galicia. Ata onte, apenas catro movementos superaran a magnitude 3, e só se sentiron na contorna máis próxima. Pero na madrugada do xoves ao venres, arredor das 0.35 horas, un estrondo foi percibido en boa parte de Galicia.

Ata a mañá do venres, o tremor, de magnitude 3,9, provocou máis de 350 avisos que recolleu a Rede Sísmica do Instituto Geográfico Nacional (IGN). En declaracións a La Región, o sismólogo Javier Fernández Fraile falaba xa de 600 cuestionarios remitidos ao IGN. A este sismo sucedérono outros 14 tremores nas horas seguintes, o maior de magnitude 2,9. Desde este organismo explican: “Se ben todos os sismos de orixe natural prodúcense pola liberación da enerxía que se foi acumulando lentamente nas fallas, nas zonas de baixa sismicidade, como é o caso de laza, é moi frecuente que a actividade que se produza non estea asociada a ningunha falla activa identificada”. E engaden que “é habitual que pequenas series sísmicas como a actual terminen sen maiores consecuencias”. Desde o pasado 13 de maio, o IGN contabilizaba máis de 80 movementos cunha magnitude de 1,5 ou superior.

Publicidade

Na escala de intensidade, que mide os efectos dos tremores sobre persoas, obxectos ou a natureza, acadouse o nivel IV. Neste rango, os sismos son “amplamente observados”, e poden oscilar as vaixelas e obxectos pendurados, tremer as xanelas e as portas ou os mobles poden renxer. Con todo, non se adoitan producir danos nas estruturas.

Un tremor de magnitude 3,9 no enxame de Ourense é percibido en boa parte de Galicia

A pesar de que os sismos non produciron danos materiais nin persoais, o feito de que miles de persoas percibiran o tremor na pasada noite devolveu a memoria a unha efeméride da que este venres se cumpren exactamente 24 anos. Na madrugada do 21 ao 22 de maio de 1997, despois dunha ‘escalada’ de movementos, un terremoto de magnitude 5,1 rexistrado preto de Triacastela ergueu da cama, pasada a 1.30 da madrugada, a boa parte da poboación de Galicia, Asturias ou León. Na zona leste de Lugo, a presenza de fallas activas está documentada. Segundo o IGN, entre as vilas de Becerreá, Triacastela e Sarria hai varias fracturas activas en dirección nordeste-suroeste, as coñecidas como fallas de Vilachá-Baralla.

Mapa xeolóxico e tectónico da zona de Becerreá, Sarria e Tricastela, onde se concentra a maior actividade sísmica de Galicia. Fonte: IGN.
Mapa xeolóxico e tectónico da zona de Becerreá, Sarria e Tricastela, onde se concentra a maior actividade sísmica de Galicia. Fonte: IGN.

Por que se produce o enxame sísmico en Ourense?

O investigador Gerardo de Vicente Muñoz, do departamento de Xeodinámica da Universidad Complutense de Madrid, explica o contexto do enxame sísmico de Ourense: “A península ibérica ten unha velocidade de aproximación lenta respecto a África, a un ritmo de 3-5 milímetros/ano. Isto quere dicir que, por exemplo, temos menos sismos ca Grecia ou Italia, pero aquí tamén hai terremotos”.

Así, “no oeste da península hai un sistema de fallas que se moveron moito en tempos recentes (en termos xeolóxicos) durante o Cenozoico e tamén no Cuaternario”, explica De Vicente. O científico menciona o “sistema Penacova-Regua-Verín e o de Vilariça-Manteigas-Bragança, que son consideradas activas en Portugal e que atravesan a fronteira ata chegar en España ata o norte de Verín e o sur do Bierzo”.

Para Gerardo de Vicente, “é o sistema de fallas que, probablemente, produciu a sismicidade en Laza. Estas cousas pasan e volverán pasar; o problema é que non podemos dicir cando“, conclúe.

Os maiores sismos das últimas décadas en Galicia

O tremor do que se cumpren hoxe 24 anos estivo sucedido, apenas uns minutos despois, por outro de 4,9 rexistrado cun epicentro moi próximo. Nesta mesma zona, entre Triacastela, Baralla, Sarria ou Samos, tiveron lugar os únicos cinco sismos que desde 1979 superaron en Galicia a magnitude 4,5.

Con todo, o rexistrado na madrugada do 21 de maio de 2021 en Laza é o meirande desde xaneiro do ano 2000, cando se produciu en Triacastela un tremor de 4,1. Xa no océano, fronte á costa da Coruña produciuse un de 4,3 en abril de 2006. E fóra do ‘triángulo sísmico’ de Lugo, destacan movementos en Montalegre, Portugal (4,3 en outubro de 1978) ou Burela (4,1 en abril de 1994). Aquí podes ver os sismos de magnitude superior a 3,5 nas últimas décadas en Galicia:

Cómpre salientar que para calcular a magnitude, na sismoloxía úsanse diferentes fórmulas matemáticas que miden a amplitude das ondas que producen os tremores. As máis comúns, MbLg (M-MS) e MbLg (L) son as que se utilizaron nos últimos decenios para cuantificar os tremores rexistrados na península.

O maior sismo da península nos últimos 30 días

O enxame sísmico de Ourense provocou, ademais, que o tremor deste 21 de maio en Laza sexa un dos máis intensos dos últimos meses en toda a península ibérica. De feito, só está superado por varios dos tremores que tiveron lugar entre final de 2020 e comezos de 2021 ao noroeste da cidade de Granada, e que chegaron á magnitude 4,4. O enxame de Granada foi, con todo, moito maior có de Ourense, xa que o IGN chegou a contabilizar desde o 1 de decembro de 2020 ata o 30 de abril de 2021 un total de 2.274 terremotos, 33 deles de magnitude maior ou igual ca 3. En outubro de 2020, outro importante enxame sísmico produciuse ao leste da cidade de Pamplona, chegando a acadar a magnitude 4,6.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A falsa endemia de malaria e outros intentos para desecar a lagoa de Antela

A partir do século XVIII a zona húmida foi considerada inimiga da agricultura. Os veciños intentaron evitar o desaugamento das terras que utilizaban para o pastoreo

Canto cambiou a rúa na que vives nos últimos 60 anos? Compróbao neste mapa

Un mapa do Instituto Xeográfico Nacional permite comparar imaxes aéreas captadas nos anos 50 con ortofotos actuais

Estes foron os terremotos máis intensos rexistrados en Galicia

O de Triacastela en 1997 foi o de maior magnitude, pero os que máis danos causaron foron os de Ferrol en 1910 e o de Pontevedra en 1920

Galicia superará os 40 graos durante a cuarta onda de calor da península

O sur de Pontevedra a Ourense serán as zonas máis afectadas durante un episodio de calor intenso que durará ata o xoves