Un xigantesco bloque de xeo cunha superficie de 4.320 km2 separouse da plataforma antártica de Ronne, no mar de Weddell. O colosal iceberg, bautizado como A-76, foi detectado por satélites da Axencia Espacial Europea.
Non é tan grande como o iceberg A-68 que, cos seus preto de 6.000 km2, quedou derretido o ano pasado no Atlántico Sur, pero o que se acaba de desprender na Antártida posiciónase como o maior do mundo na actualidade.
A-76 supera os aproximadamente 3.880 km2 que tiña o iceberg activo que ata o de agora ostentaba o récord, A-32A. Por comparar, o iceberg A-76 é maior que a illa de Mallorca (3.640 km2) e o triplo que A-74, que se desprendeu da plataforma de xeo Brunt en febreiro e cuxo tamaño roldaba o 1.270 km2. Para traer a comparación a Galicia, este novo iceberg tería aproximadamente o tamaño da provincia de Pontevedra.
O novo iceberg, que mide un 170 km de longo e 25 km de ancho, foi detectado polo British Antarctic Survey e confirmado polo Centro Nacional de Xeo dos Estados Unidos utilizando imaxes de Sentinel-1, unha misión do programa Copernicus da UE e da Axencia Espacial Europea.
Unha parella de ‘sentinelas’ europeos
Sentinel-1 consta de dous satélites en órbita polar que se basean en imaxes de radar de apertura sintética de banda C, que devolven datos independentemente de se é de día ou de noite, o que permite observar durante todo o ano rexións remotas como a Antártida.
Os icebergs noméanse tradicionalmente a partir do cuadrante antártico no que foron avistados orixinalmente, despois un número secuencial e, logo, se o iceberg racha, unha letra secuencial.














