Un tremor de magnitude 3,9 no enxame de Ourense é percibido en boa parte de Galicia

O sismo produciuse sobre as 0.35 horas da noite do xoves ao venres, e tivo o seu epicentro preto de Laza; é o maior das últimas décadas na provincia

Un movemento sísmico de magnitude 3,9 rexistrado arredor das 00.35 horas deste venres 21 de maio, con epicentro no municipio ourensán de Laza, sentiuse en boa parte de Galicia. Arredor da 1 da madrugada, o cálculo revisado da Rede Sísmica do Instituto Geográfico Nacional (IGN) situaba a magnitude (á espera de posibles correccións posteriores) en 3,9, o que o converte no sismo máis intenso dos últimos 30 anos na provincia, por riba do de magnitude 3,5 rexistrado en Valdeorras en 2019 e o de 3,8 localizado en Sarreaus en 1989. Apenas unha hora despois do principal sismo, o IGN xa dera conta de cinco novos tremores máis leves (2,3 e 1,8, 1,6, 1,7 e 2,3) tamén en Laza.

O movemento coincide cun enxame sísmico que desde hai algo máis dunha semana se vén producindo na contorna dos concellos de Laza, Sarreaus e Vilar de Barrio. Máis de 60 tremores, varios deles por riba da magnitude 3, están a ser percibidos na área. Desde a Red Sísmica Nacional apuntan que estas series en zonas de baixa actividade adoitan terminar, habitualmente, sen maiores consecuencias.

Publicidade

Os sismos volven axitar Galicia un 21 de maio, 24 anos despois do terremoto de Lugo

Intensidade IV

Con todo, o tremor da madrugada do venres foi sentido por numerosas persoas que deixaron constancia do mesmo a través das redes sociais, xa que coincidiu cunha hora de repouso e menor actividade humana, por tanto, máis acaída para percibir estes sismos.

En menos dunha hora, ata a 1.30 da madrugada, o IGN recibiu máis de 250 notificacións de informantes que sentiron o tremor desde numerosos puntos de Galicia. Ao outro lado da raia, o Instituto Português do Mar e da Atmosfera (IPMA) rexistrou na súa rede sísmica o tremor de Ourense, que sitúa en magnitude 3,5. Foi sentido en Portugal no concello de Terras de Bouro e en Braga.

Publicidade

Mapa de notificacións do sismo ata as 1.30 da madrugada, con cadansúa escala de intensidade. Fonte: IGN.

A intensidade, escala que mide os efectos do sismo nas persoas, os obxectos ou a natureza, sitouse en IV, segundo as primeiras notificacións ao IGN e o IPMA. Neste nivel, no que os sismos se cualifican como “amplamente observados”, os terremotos son sentidos por moita xente dentro de edificios, e por algunhas persoas no exterior. Neste nivel de intensidade, as persoas que o perciben senten un pequeno temblor no edificio, a habitación, a cama ou a cadeira, así como as vaixelas, xanelas ou portas a renxer. Os obxectos pendurados poden oscilar e, nalgúns casos, os mobles lixeros poden tremer. Con todo, non se adoitan producir danos nas estruturas.

Curiosamente, o sismo de magnitude 3,9 coincide practicamente en data cun dos tremores máis recordados en Galicia, o rexistrado na noite do 21 ao 22 de maio de 1997 en Triacastela, e que acadou a magnitude 5,1.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha masa de aire africano trae temperaturas por enriba dos 30 graos en Galicia a partir do xoves

O fenómeno elevará as máximas ata 37ºC en Ourense e deixará valores próximos aos 30ºC en boa parte do territorio, con aviso amarelo no interior

Aínda non sabes onde ver a eclipse en Galicia? Estas son as cinco mellores aplicacións para descubrilo

A previsión meteorolóxica, a orografía e a posición do Sol son algúns dos factores que permiten consultar para escoller o punto de observación

A eclipse total de Sol xa está aquí: a guía definitiva sobre a cita astronómica do ano en Galicia

O territorio será protagonista máis dun século despois do último fenómeno, coa Coruña e Lugo na totalidade e as nubes como principal incógnita para a observación

Haberá nubes durante a eclipse? A ferramenta definitiva para decidir onde ver o fenómeno en Galicia

A actualización dos modelos apunta a ceos cubertos no litoral e no norte, con diferenzas segundo a localidade e a evolución atmosférica do mércores