Publicidade
Domingo 25 Maio 2025
Publicidade

O que pasou e o que está por vir: así é a situación do coronavirus en Galicia

Alén das cifras diarias sobre a doenza e as comparacións entre países e comunidades, a situación da epidemia a nivel rexional ten varias peculiaridades

Este sábado 4 de abril cúmprese un mes desde que un home procedente de Madrid e ingresado por pneumonía no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña foi confirmado como o primeiro caso coñecido de coronavirus en Galicia. Ás horas na que está lendo isto, é posible que arredor de 5.000 persoas recibiran xa a noticia de que padecen a doenza Covid-19, e máis de 120 perderon a vida debido a ela. Os recintos de Expocoruña ou o Multiusos do Sar, que acollían a comezos de marzo a milleiros de persoas no seu tempo de lecer, vanse converter nos vindeiros días en hospitais provisionais para afectados pola enfermidade. Que pasou dende entón en Galicia, como afecta o que está acontecendo no resto da península ibérica e no mundo, e que podería acontecer a partir de agora? Ademais da sucesión de cifras diarias, as circunstancias nas que se está a desenvolver a epidemia en Galicia inflúen na lectura da situación. Estes son algúns dos aspectos a ter en conta.

En que momento estamos?

O 4 de marzo, despois do primeiro caso en Galicia, o mesmo día no que se confirmou o primeiro positivo en Aragón, só Ceuta, Melilla e Murcia seguían sendo as únicas comunidades sen afectados. Había arredor de 200 casos en España (xa son máis de 100.000) e preocupaban sobre todo os focos de País Vasco e La Rioja. Este punto é unha das claves, pero non a explicación única, para coñecer a evolución da epidemia nas distintas comunidades de España. Os focos desenvolvéronse en momentos distintos en cada territorio, pero as medidas de contención coincidiron no tempo, con pequenos matices, sobre todo despois da declaración do estado de alarma o día 13 de marzo, 9 días despois da confirmación do primeiro positivo en Galicia. Por tanto, se a transmisión comunitaria nalgunhas zonas aínda era menor ca noutras cando comezou a corentena, máis posibilidades hai de que se cortara o crecemento exponencial de contaxios.

Publicidade

O momento dos primeiros casos confirmados non pode explicar, por exemplo, a baixa incidencia que amosa Canarias, comunidade autónoma con poboación semellante a Galicia, onde se detectou o primeiro caso en territorio español o 31 de xaneiro, ou Balears, outra das rexións con menos casos, e que tamén rexistra unha incidencia menor cá galega a pesar de ter positivos desde finais de febreiro.

Do mesmo xeito, a explosión de focos en distintos momentos e as circunstancias de cada un deles ocasiona, por exemplo, a situación crítica que se vive en Madrid e en municipios como Igualada (Barcelona), unha das cidades máis afectadas pola pandemia. A “non detección” de persoas transmisoras da doenza nas primeiras fases, como xa acontecera en Wuhan (China), fixo posible que nos días anteriores ao confinamento os contaxios medraran de forma exponencial.

Publicidade

Coronavirus en Galicia: 115 mortes, 259 altas e 4.058 casos activos

Coronavirus en Galicia respecto a España e outras CCAA

Os datos que se ofrecen diariamente desde o Goberno español e a Xunta de Galicia levan a comparar a situación entre comunidades autónomas. Porén, aínda que si se poden tirar algunhas conclusións por comparación, algúns expertos apuntan ao risco de establecer símiles entre distintos territorios e distintas formas de proceder. Nos últimos días, o epidemiólogo do Instituto de Salud Carlos III Carlos Fernández vén explicando a través das redes sociais o risco de poñer en relación as cifras de distintas zonas, cada unha cos seus protocolos e criterios para recoller datos. “Cada país, e mesmo cada comunidade autónoma, fai probas e conta casos de forma un pouco (ou moi) diferente”, expón. As propias circunstancias da crise obrigan tamén ás autoridades a mudar os seus criterios, priorizando as probas en determinados grupos de risco a medida que evoluciona a crise.

Así explica Carlos Fernández a pirámide das persoas afectadas por coronavirus, desde o cumio cos positivos confirmados mediante a proba PCR ata a base das persoas que son portadoras da doenza de forma leve ou mesmo asintomática, o que evidencia que o número maior de portadores do virus é meirande cás cifras oficiais.

Galicia, por exemplo, informa desde hai días do número de probas realizadas desde o comezo da crise, pero o Ministerio de Sanidad non centraliza os datos e, por tanto, non é posible coñecer e comparar as cifras entre as distintas comunidades autónomas.

Tendo en conta estas precaucións, os informes epidemiolóxicos que está a difundir deste este martes o Instituto de Salud Carlos III (neste artigo poden verse os que usan os datos do 31 de marzo) poden valer para ver a situación actual de Galicia. Un deles é o da taxa de crecemento da epidemia, que representa o incremento medio en porcentaxe nas últimas dúas semanas. Galicia (12,68%) é, xunto a Aragón e Ceuta, a comunidade na que máis medraron os casos neste aspecto. Pode deberse á aparición tardía dos primeiros focos nas dúas comunidades e a cidade autónoma. Ademais, no caso de Galicia percíbese un lixeiro freo nos últimos días neste incremento, pero non anticipa nada sobre os vindeiros datos.

Outro dos indicadores epidemiolóxicos para ver a evolución da epidemia é o tempo de duplicación de casos. Debido á tardía propagación do coronavirus en Galicia, por este mesmo motivo os casos estanse duplicando máis rápido nestes días. En relación ao gráfico anterior, de novo Galicia (4,6 días), Aragón e Ceuta, xunto a outras comunidades como Cantabria ou Castilla-La Mancha, son as que menos tempo precisan para duplicar casos. É dicir, canto máis tempo tarden en duplicarse, mellor, xa que a chamada ‘curva’ de positivos acumulados dispárase menos. De novo, está por ver o escenario nos vindeiros días, pero cómpre seguir botando un ollo.

A mortalidade

Un dos aspectos nos que incidiu nos últimos días a Xunta, e que tamén recollen os informes do ISCIII, é o da taxa de letalidade en Galicia, a máis baixa das comunidades autónomas (2,32%). De novo, son datos a tomar con cautela, debido aos distintos criterios na recollida de información, pero parecen constatar, segundo expón Juan Gestal, profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, “a que en Galicia se adoptaron as medidas de confinamento social máis precozmente, o que diminuíu o número de contaxios evitando, polo momento, que se conxestionase o sistema sanitario, e permitindo unha mellor atención a todos os casos”.

Por agora, Sanidade non matizou como se están a contabilizar os mortos de coronavirus en Galicia. Os diversos países e mesmo as comunidades usan distintos criterios que fan oscilar as cifras. Non é o mesmo, por exemplo, morrer “con coronavirus” (a Covid-19 non é a causa última da morte, casos nos que se adoita utilizar a aclaración de “patoloxías previas”) ou “por coronavirus” (debido a un proceso directamente ocasionado pola Covid-19 que leva ao óbito en persoas relativamente sas e que facían vida normal). Preguntado por este aspecto, Gestal sostén que en Galicia “están contabilizándose todos os casos de enfermos de Covid-19 que falecen, con independencia de cal sexa a causa última de falecemento, que se debe a complicacións desencadeadas pola enfermidade”.

Que vai pasar en abril?

O aumento dos números absolutos, aínda que as porcentaxes sexan menores, amosan que aínda queda por diante un abril complicado. Así o adiantou o presidente da Xunta o martes, dicindo que este mes será peor có de marzo. É probable que en poucos días haxa máis de 1.000 camas de hospitais galegos ocupadas por afectados de coronavirus que requiren de atención médica, o que levou a habilitar para os pacientes Expocoruña e o Multiusos do Sar. Do mesmo xeito, nalgúns hospitais hai preocupación polo aumento de ocupación nas UCI.

O incremento de casos que requiran UCI vai continuar, polo que están por vir semanas críticas para os hospitais

Os modelos matemáticos están a axudar ás autoridades a tomar decisións, pero tamén dependen do contraste cos novos datos que se van coñecendo para ir perfeccionándose. Juan Gestal aclara os matices que hai respecto ás diferentes cifras da onda epidémica, como os casos novos diarios, o número de persoas que requiren coidados críticos. Así, Gestal expón que “en España posiblemente xa se chegou a mediados da semana pasada á onda de infeccións, e que en Galicia estímase que poida ser a finais desta semana ou principios da que vén”.

Pero isto non quere dicir que o peor da crise xa pasara. “O incremento de casos que poden precisar tratamento na UCI vai continuar, e a acumulación de pacientes nestas unidades vai ter lugar nas próximas tres ou catro semanas, pois a estancia media deste pacientes na UCI pode ser larga, duns 20 días”, di o experto. Por este motivo “esas semanas van ser as máis críticas para os nosos hospitais”, expón Gestal.

E despois? Canto durará o confinamento?

Ata o de agora, é seguro que a corentena se estenderá ata o 11 de abril, aínda que cada vez máis voces apuntan a que o confinamento será máis longo. A medida de que os datos vaian botando luz sobre a situación real da pandemia en España e cada unha das comunidades autónomas, iranse tomando as decisións, sobre as que ata o de agora é difícil facer predicións.

“Cando se consiga a diminución de novos casos, comezará a pensarse na saída gradual do confinamento”, di Juan Gestal

Con todo, Juan Gestal explica que despois dos momentos críticos nos hospitais e a redución do número de infeccións novas e activas, abrirase unha nova etapa. “Cando se chegue á parte baixa da curva de casos novos, quizais a mediados de maio, a atención estará centrada en tratar de diminuír a aparición de novos casos autóctonos; cando isto se consiga comezará a pensarse na saída gradual da situación de confinamento”.

Por que tantos casos e mortes nas residencias?

Cos datos difundidos na mañá do 1 de abril, o 14% dos casos do cumio da pirámide dos afectados polo coronavirus en Galicia (as persoas con positivo confirmado) están en residencias de maiores e persoas con discapacidade, sexan usuarios ou traballadores. E nos seguintes chanzos da pirámide (enfermos á espera de proba, asintomáticos ou falsos negativos) pode haber máis. A Xunta xa manifestou esta semana que serán prioritarias as probas nestes centros, o que con probabilidade repercutirá nunha maior proporción de novos positivos.

A taxa de letalidade nas persoas maiores é moito maior nas infeccións respiratorias, e en especial na pandemia da Covid-19. Esa é unha das explicacións do elevado número de mortes (estímanse polo baixo máis de 1.000 óbitos en residencias de toda España).

As residencias de maiores e discapacidade en Galicia suman 30 mortes e 619 casos

Porén, a situación das residencias con casos en Galicia, case todas elas privadas, aínda que con prazas concertadas pola Administración autonómica, require incluír máis elementos na ecuación. Os escasos desprazamentos que fan a maioría dos usuarios das residencias, así como a limitación precoz das visitas a estes centros (foi unha das primeiras medidas tomadas pola Xunta), levan a poñer o foco no persoal como fonte de boa parte dos contaxios. Debido ás precarias condicións laborais destes centros privados (con mobilizacións desde hai tempo) moitas traballadoras vense obrigadas a moverse entre distintas residencias ou facer días na sanidade pública. As propias enfermeiras denunciaban hai dúas semanas en Galicia que tiñan a sensación de ser “vectores de transmisión” do coronavirus debido a esta situación e á falta de equipamento de protección axeitado en días que foron críticos para a propagación do virus nestes espazos.

Por que seguen confirmándose casos se estamos confinados?

Unha das cuestións que xorde ao pasar xa preto de tres semanas de confinamento é por que seguen aparecendo novos casos. Aínda que a restrición de movementos afecta á maioría da poboación, hai unha parte das persoas que seguen desenvolvendo as actividades esenciais, algunhas delas en zonas sensibles como os hospitais e outros centros asistenciais e por tanto expostos en primeira liña aos posibles contaxios. Unha das mellores explicacións ao respecto foi esta explicación do equipo de visualización de información do Washington Post. Segue habendo novos afectados pero, en calquera caso, son moitos menos dos que habería se non se tomaran medidas.

Quen padece a Covid-19 en Galicia?

Alén dos centros de maiores e discapacidade, existe pouca información sobre o resto dos focos de contaxio que contribuíron á transmisión comunitaria despois dos primeiros casos importados. Ao parecer, un deles ten orixe en varias viaxes do Imserso á costa mediterránea, que propagaron máis tarde a doenza en Galicia xusto antes do confinamento. Entre estes afectados xa se produciron varias mortes, mesmo en persoas que non fixeron a viaxe pero resultaron contaxiadas na cadea comunitaria. Por outra banda, algúns concellos confirmaron a existencia de casos importados desde zonas con maior incidencia, como Madrid ou Cataluña.

A Consellería de Sanidade non informa das idades das persoas afectadas nin ofrece datos sobre a orixe dos positivos, como si fan outras comunidades autónomas. Só dá idades e sexo das persoas falecidas e dos casos das residencias. Algúns concellos veñen reclamando desde o comezo da crise da falta de información que reciben por parte das autoridades sanitarias, ao non coñecer de forma oficial o número de afectados nos seus municipios. Por agora, hai un mínimo de 130 concellos en Galicia con casos confirmados.

Saberemos canta xente se contaxiou?

A urxencia desta fase da epidemia fai moi difícil a toma de mostraxes aleatorias para coñecer o número real de persoas ao longo de todos os chanzos da pirámide que estiveron en contacto co virus. Neste sentido, os científicos do CSIC xa traballan, como os seus colegas alemáns, en análises a gran escala da poboación para coñecer a proporción real de infectados en todos os chanzos e, deste xeito, ter máis información para a futura toma de decisións e as investigacións.

“Canto máis elevado sexa o número de de inmunes, máis protexidos estaremos para unha nova circulación do virus”

“A realización masiva de probas rápidas, así como de estudos seroepidemiolóxicos, que deben comezar a realizarse en canto se dispoña de medios e no maior número posible de persoas, permitirá coñecer a porcentaxe da poboación que sofriu a infección e que por tanto está inmune”, explica neste punto Juan Gestal.

Hai uns días, un informe do Imperial College de Londres presentaba os cálculos de contaxios en distintos países. En España apuntaba aos sete millóns, aínda que con marxe de erro. Estes datos non son extrapolables a Galicia xa que habería que introducir moitas máis variables rexionais na ecuación. Porén, Gestal conclúe que “canto máis elevado sexa este número de inmunes, máis protexidos estaremos todos fronte a unha nova circulación do virus e maís rápida será a volta a vida normal”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UVigo leva a Lalín a cuarta edición da feria ‘A ciencia que vén ten nome de muller’

A actividade inclúe obradoiros, xogos e experiencias interactivas para espertar vocacións científicas na mocidade

Identificadas dúas novas especies de mosquito en Galicia

A confirmación das novas variedades, endémicas de Galicia e potenciais transmisoras do virus do Nilo, eleva o cálatogo a 26

O longo camiño do ualabí que apareceu en Oia

O animal é coñecido por varios veciños da zona, que teñen un núcleo zoolóxico cos permisos adecuados para o seu coidado e mantemento

O castro do Castelo dos Mouros, en Ons, estivo densamente poboado durante nove séculos

Unha nova campaña arqueolóxica afonda no coñecemento sobre os asentamentos na illa entre a época castrexa e a romana