O Sergas confirma o primeiro caso de coronavirus en Galicia

Trátase dun home de 49 anos que se atopa illado no CHUAC da Coruña, e que chegara procedente de Madrid

A Xunta de Galicia informou este mediodía, a través do Sergas, que as análises realizadas no Servizo de Urxencias do CHUAC da Coruña e confirmadas polo Centro Nacional de Microbioloxía a un paciente de 49 anos procedente de Madrid confirman a infección por coronavirus. O home atópase en estado grave, pero estable no hospital, en cumprimento dos protocolos acordados co Ministerio de Sanidade. Trátase do primeiro caso positivo confirmado en Galicia.

Nunha comparecencia de prensa que tivo lugar esta tarde en Santiago de Compostela, a Xunta informou deste caso a través do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, o subdirector xeral de Información sobre a Saúde, Xurxo Hervada,  e a xefa de Medicina Preventiva do CHUAC, María José Pereira.

Publicidade

Segundo relatou Pereira, o paciente, que está a ser atendido da doenza no hospital coruñés, chegou de Madrid, onde reside, para unha entrevista de traballo, e estivo “un ou dous días” na cidade. O luns arredor das 13 horas ingresou no hospital cun cadro de pneumonía de posible orixe vírica.

“En Galicia, de momento, non circula o coronavirus”, di Sanidade

Atendendo aos protocolos establecidos en vista da posible aparición dun caso, o médico que o atendeu e arredor dunha decena de traballadores do hospital que estiveron en contacto con el, así como outras persoas coas que se relacionou na súa estadía na cidade, xa están controlados e illados de forma preventiva nas súas casas, e baixo seguimento médico.

Publicidade

Desde o momento no que xurdiron as sospeitas sobre a posibilidade de que o paciente se atopase afectado polo coronavirus, púxose en marcha o procedemento para o manexo de casos (ver PDF). Así, tal e como se fai con todas as análises sospeitosas que se realizan en España, a confirmación realizouse nas instalacións do Centro Nacional de Microbioloxía, en Majadahonda (Madrid). Ata o de agora, analizáronse 142 mostraxes, das que 141 deron negativo.

Recomendacións ante un posible caso

Así, ante a aparición de posibles síntomas (febre, tose ou sensación de falta de aire), o Sergas recomenda contactar por teléfono a través do 061 cos servizos sanitarios. Esta mesma semana, a Consellería de Sanidade reforzou o persoal para recoller mostraxes a domicilio, e na atención dos servizos de prevención dos hospitais e as análises de microbioloxía.

Como medidas de prevención no que atinxe á hixiene, é recomendable lavar as mans frecuentemente con auga e xabón, evitar tocar os ollos, o nariz e a boca se as mans non están limpas, e practicar unha boa hixiene respiratoria, tapando a boca e o nariz ao tusir cun pano de papel ou ben coa cara interna do cóbado. Despois de tocar as secrecións respiratorias, ou obxectos contaminados, cómpre lavar de novo as mans.

Do mesmo xeito, non se recomenda o uso de máscara como medida de protección a persoas que non estean enfermas, xa que ademais dos posibles problemas pola carencia que pode xerar nas persoas que si o precisan, pode xerar unha sensación de falsa seguridade, motivando máis risco por contacto con posibles persoas, obxectos ou superficies onde estea presente o virus.

Está aberto o teléfono gratuíto 900 400 116 (o anterior retirouse ante as protestas por ser de pago) para atender calquera consulta arredor do coronavirus.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla