“En Galicia, de momento, non circula o coronavirus“. Así de categórico foi hoxe o subdirector xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, Xurxo Hervada, na comparecencia de prensa na que se deron máis detalles sobre o primeiro caso positivo no país. Hervada destacou que o primeiro paciente ingresado que deu positivo, un varón de 49 anos que viaxou dende Madrid á Coruña, “é un caso importado”.
“Galicia está en fase de contención pero preparada por se houbese que enfrontarse a unha seguinte fase”, engadiu o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, na rolda de prensa en Santiago de Compostela para explicar o primeiro positivo na comunidade por COVID-19.
Na comparecencia, os responsables sanitarios aseguraron que o paciente está “grave pero estable”. Os médicos esperan a coñecer a súa evolución pero nas primeiras 24 horas desde que se iniciou o tratamento sinalan que se mantén dentro da estabilidade, illado nun módulo de hospitalización convencional. A xefa de Medicina Preventiva do CHUAC, María José Pereira, trasladou unha mensaxe de “tranquilidade” e afirma que todos os centros sanitarios de Galicia están preparados para esta situación.
O paciente, que reside en Madrid, veu a Galicia para unha entrevista de traballo. O luns ingresou en Urxencias ás 13.00 horas con síntomas de pneumonía e fixéronselle as probas pertinentes para o COVID-19 no Servizo de Emerxencia do CHUAC, unhas análises que logo serían enviadas ao Centro Nacional de Microbioloxía, como dita o protocolo. Alí confirmáronse como positivas.
O home, de 49 anos, estivo un ou dous días en Galicia antes do seu ingreso. Están a investigar como se contaxiou do coronavirus pero non consta que estivese en Italia. O Sergas xa se puxo en contacto con todas as persoas que estiveron en contacto co paciente, tanto os profesionais sanitarios como os non sanitarios. Os contactos de baixo risco recibiron indicacións das autoridades sanitarias: que se tomen a temperatura e se presentan síntomas, que chamen ao 061 para que se lle fagan as probas necesarias. Mentres tanto, poden facer vida normal.
O Sergas non informou sobre cantas son as persoas consideradas contactos de alto risco, que pola contra xa se atopan illados. Son aquelas persoas que estiveron a menos de 2 metros do paciente sen protección.
O hospital coruñés incorporará agora unha nova técnica para diagnose do COVID-19 que detecta o coronavirus nunha soa hora, canto anteriormente a demora era de dúas ou tres horas para confirmar resultados. Despois do CHUAC, a técnica vai incorporarse ao resto dos hospitais galegos.
En Galicia, fixéronse ata o de agora 142 probas de coronavirus a pacientes sospeitosos e todos, excepto o paciente da Coruña, deron negativo.














