Coronavirus en Galicia: 115 mortes, 259 altas e 4.058 casos activos

Aumenta a porcentaxe de persoas atendidas no domicilio e a de altas, mentres que se ralentiza o número de hospitalizacións

As altas e os casos atendidos no domicilio medraron en porcentaxe nas últimas horas.

(en actualización – 13 horas) – Galicia superou na noite do luns os 4.000 casos activos de persoas afectadas polo coronavirus SARS-CoV-2, é dicir, as que están con positivo confirmado e en seguimento das autoridades sanitarias. Desde o comezo da crise, tal e como informou o Ministerio de Sanidad na mañá do mércores, son 4.432 as persoas que deron positivo nas probas diagnósticas, cifra á que hai que descontar os falecementos e as altas. A boa nova da información achegada este mércores pola Dirección Xeral de Saúde Pública é o aumento do 38,5% no número de altas, que xa son 259, aínda que tamén hai que lamentar un total de 115 óbitos, 21 máis ca nas anteriores 24 horas, o que supón un 22,34% máis. Segundo o Goberno español, houbo 393 casos novos en Galicia entre a noite do luns e o martes, e tal e constatan diversas fontes, son xa arredor de 130 os concellos galegos afectados por casos de coronavirus. Máis do 10% dos casos documentados rexístranse en residencias de maiores e persoas con discapacidade.

En atención ás cifras que achega a Xunta, informando por cada unha das sete áreas sanitarias nas que se reparte o territorio galego, actualmente estanse atendendo 906 persoas na área da Coruña-Cee, 456 na de Lugo-A Mariña-Monforte, 559 na de Ourense-Verín-O Barco, 382 na de Pontevedra-Salnés, 955 na área de Vigo, 581 na de Santiago-Barbanza, e 219 na de Ferrol.

Respecto aos datos do martes, é salientable un día máis o incremento en porcentaxe dos casos na área sanitaria de Lugo (un 23% e 85 casos activos máis có martes). A Coruña, con 89 positivos máis, supón o maior incremento da xornada.

Así foi a evolución de casos activos por áreas sanitarias nas últimas dúas semanas.

En canto aos concellos, é posible, por tanto, que existan persoas afectadas en máis municipios, aínda que non trascenderan por diversos motivos, xa que boa parte dos pacientes da Covid-19 (un 75% dos casos documentados) están sendo atendidos nos seus domicilios. Algúns concellos recoñecen a presenza de casos e fanos públicos para informar á veciñanza, pero outros optan por remitirse aos datos que ofrece a Xunta ante a falta de confirmacións oficiais.

A incidencia en cada municipio é moi cambiante, toda vez que existen focos meirandes nalgunhas residencias de maiores e persoas con discapacidade, persoal sanitario, ou relacionados con viaxes do Imserso realizados nas datas previas ao confinamento ao Mediterráneo, así como casos importados desde zonas máis afectadas ata o de agora pola doenza. Nas últimas horas confirmáronse casos en concellos como Bóveda, Vilanova de Arousa ou Ponteceso. Este é o mapa no mediodía do mércores 1 de abril:

(Preme sobre cada un dos concellos para ver máis detalles).

Máis altas, máis xente na casa

Do total de pacientes que cos datos consolidados o martes ás 21 horas estaban sendo atendidos polo novo coronavirus, 157 deles permanecen en UCI (un 3,87%), 807 están en unidades de hospitalización (18,21%) e 3.094 no domicilio (76,24%). Ao peche dos datos difundidos na mañá do mércores, o Sergas informaba de 115 falecementos, 21 máis có martes á mesma hora. O número de altas, que este martes son 257, medrou tamén de forma considerable nos últimos días.

As cifras e porcentaxes de altas e persoas atendidas no domicilio son dúas das boas noticias que se poden tirar da situación en Galicia, alén das tristes novas de falecementos e  o alto número de persoas ingresadas en hospital e UCI, que posiblemente aumentará nos vindeiros días. Así, segundo se pode ver baixo estas liñas, 3 de cada 4 positivos confirmados están sendo atendidos na casa (área amarela) e aumenta o groso da liña verde (o das altas).


Ante o previsible aumento dos ingresos hospitalarios que terá lugar nos vindeiros días debido ao agravamento dunha parte dos casos confirmados (que en termos absolutos vai sendo maior), o presidente da Xunta anticipou o martes a posta en marcha de hospitais provisionais en Expocoruña e o Multiusos do Sar de Santiago de Compostela, e non descarta o uso do Ifevi en Vigo. 

As residencias de maiores e discapacidade en Galicia suman 30 mortes e 619 casos

Sanidade informou, como vén facendo desde hai case dúas semanas do número de probas PCR realizadas, que é de 19.332 desde o comezo da crise (2.056 máis có martes). Esta é a relación entre os casos novos confirmados cada día por Sanidad e as probas novas respecto aos datos do día anterior.

Esta é a situación en España segundo os últimos datos de Sanidad:

España supera os 100.000 casos e novo máximo de 864 mortes

En Portugal:

 

E no resto do mundo, onde os Estados Unidos  se achegan aos 200.000 casos e Italia sobre pasou os 105.000.

6 COMENTÁRIOS

  1. Hay que poner os activos . Hospitalizados o día e pasitivos o día por que eso e a realida

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.