A realización de probas para confirmar a presenza do coronavirus nas persoas usuarias e persoal das residencias de maiores e persoas con discapacidade en Galicia fixo que nun só día os casos medrasen un 40%, pasando dos 370 da noite do domingo aos 520 do luns. A situación, que levou á Xunta de Galicia a tomar a xestión das residencias privadas do grupo DomusVi en Barreiro-Vigo e Aldán-Cangas, está xerando un notable malestar entre as entidades que representan aos residentes e traballadores dos centros. Segundo recolle este martes o xornal Praza, a Federación REDE, que reúne a asociacións de usuarios e familiares de residencias e dependencia, presentou unha denuncia ante a Fiscalía pola “situación neglixente e de abandono” que se agravou ante a ondada de casos dos últimos días.
Os contaxios, que afectan á meirande parte dos usuarios nos centros intervidos, provocaron xa 22 mortes ata o luns pola noite, tanto en hospitais como nas propias residencias. Son, por tanto, máis dunha quinta parte das vítimas da Covid-19 en Galicia, que ascenden a un total de 94 segundo a información de Sanidade do martes 31 á mañá. Os casos disparáronse na residencia de Aldán, onde se pasou dun día para outro de 6 usuarios e 2 traballadores a 105 e 15, respectivamente, con positivo confirmado por SARS-CoV-2.
O previsible aumento de positivos nos vindeiros días, e o especial risco das persoas de maior idade coa Covid-19 levou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, a anunciar que se ían “priorizar” as probas nas residencias de atención a maiores e discapacidade nos vindeiros días, tal e como se decidiu no comité clínico de seguimento da crise. Feijoo deu a cifra de 800 probas diarias a partir de agora.
Respecto aos datos do luns, a Consellería de Política Social tamén confirmou positivos en residencias nas que non se rexistraran anteriormente afectados, como a residencia San José de Narón, Alvetus, de Avión, a residencia de Castro de Rei e A Milagrosa (Lugo). En canto aos centros de persoas con discapacidade, o maior incremento produciuse nos CAPD de Redondela (25 usuarios e 15 traballadores) e Sarria (7 e 9).
Precariedade
Na entrevista con Praza, Francisco Bernárdez, presidente da asociación Vellez Digna e secretario da Federación REDE, explica que a situación na rede do grupo DomusVi “vén de atrás”. “Nós levamos moito tempo denunciando que situacións como a ausencia de enfermeiros pola noite, cando as residencias de máis de 40 prazas están obrigados a ter cobertura as 24 horas”, expón Bernárdez, que advirte tamén da escaseza de persoal e da falta de medidas desde as empresas ante a aparición do coronavirus, co que “debería terse incrementado o persoal por riba das ratios, para poder dar a atención extra que se necesita nestes momentos” co reforzo das medidas de limpeza e desinfección, algo que non se fixo. Conta o secretario de REDE que a empresa “decidiu non contratar máis xente contaxiara quen se contaxiara. Emperráronse en que iso se tiña que facer cos cartos de todos e así se está facendo: a UME, os Concellos, as brigadas de incendios… están dedicándose a desinfectar as residencias, porque esta empresa non gasta niso”.
As persoas afectadas por SARS-CoV-2 en Galicia: 4.039 en máis de 120 concellos














