Os dez avances da ciencia galega en 2023

Repasamos un ano de achados e logros liderados polos centros de investigación e as tres universidades públicas de Galicia

O 2023 é un ano que deixa consigo grandes avances na ciencia galega. Os fitos logrados pensáronse dende os centros de investigación da comunidade, articulados polas tres universidades galegas, e abranguen todas as áreas da ciencia: arqueoloxía, intelixencia artificial, astronomía, química, enxeñaría, matemáticas, bioloxía… Foron moitas as investigacións con selo galego que merecen revelancia este ano, algunhas delas foron portada das revistas científicas máis prestixiosas e outras tantas deron a volta ao mundo, facendo resoar nomes de científicos e científicas galegos que acadan unha gran influencia fóra de Galicia. O conxunto de achados, investigacións, teses e artigos académicos é moi amplo, por iso resulta tan complicado realizar esta escolla que pretende resumir os dez avances da ciencia galega de 2023.

Un dos maiores glaciares da península en Pena Trevinca

Pena Trevinca albergou un dos maiores glaciares da península. Situado entre as provincias de Ourense e Zamora, a masa de xeo tiña unha lonxitude de 27 quilómetros e unha profundidade de 527 metros. Augusto Pérez Alberti e Alejandro Gómez-Pazo foron os xeógrafos que recrearon as linguas de xeo do Macizo de Trevinca para o que empregaron as técnicas SIG. Gracias a estes métodos de modelización revelouse a posible localización da masas de xeo e a súa relevancia. O glaciarismo é unha cuestión importante para entender a evolución do clima da terra e as formas das montañas, malia iso, todavía non fora explorado en Galicia. Até o momento non había precedentes sobre o volume e as características destas grandes masas de xeo.

Publicidade

Lagoa da serpe, de orixe glaciar, en Pena Trevinca. Foto: turismo.gal

Cancros transmisibles en berberechos

O equipo liderado por José Tubío, integrado por investigadores do Centro de Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC, conseguiu por vez primeira secuenciar cancros transmisibles nos berberechos que poden propagarse a través da auga. O equipo investiga os cancros transmisibles como liñaxes celurares malignas que se propagan de maneira clonal entre individuos. Descubriron neoplasias transmisibles, unha enfermidade similar á leucemia nos bivalvos mariños. Este é o caso do berberecho común (Cerastoderma edule) que habita as costas atlánticas de Europa e o noroeste de África. O estudo achega datos clave sobre a súa evolución: dende o tecido de orixe ata mutacións similares ás dos tumores en humanos.

Investigadores do CiMUS estudaron os cancros transmisibles en berberechos.

O ‘xogo de mesa’ máis antigo de Galicia

A comezos de ano, o equipo de Samuel Nión-Álvarez fixo un achado arqueolóxico moi particular. Nas escavacións levadas a cabo en Castro Curbín (A Coruña) atoparon o que podería ser a expresión lúdica máis antiga de Galicia. Trátase dun taboleiro de cerámica con varias fichas que as probas de carbono 14 dataron na Idade de Ferro entre os séculos IV e II a.C. O taboleiro estaba tan fragmentado que foi imposible reconstruílo, pero atoparon dúas pezas o suficientemente grandes para poder facer unha recreación. Nión-Álvarez —investigador posdoutoral da USC— suxire a posibilidade de abrir unha liña de investigación inexplorada en Galicia, posto que non se coñecen máis exemplos deste tipo de taboleiros anteriores á época romana; para iso, terán que iniciar máis escavacións no castro que deixou un achado único.

Publicidade

Os fragmentos do taboleiro encontrados en Castro Curbín.
Os fragmentos do taboleiro encontrados en Castro Curbín.

O sistema para predicir xaquecas

A neuróloga galega Ana Gago deseñou un sistema para predicir xaquecas que ten unha taxa de éxito do 75 %. O 12 % da poboación española, sobre todo mulleres en idade fértil, sofren de xaquecas (o termo científico é migraña), unha doenza incapacitante que a día de hoxe non ten cura. O estudo da doutora en colaboración cun equipo multidisciplinar resulta prometedor. Tanto é así que a investigación foi meritoria do Premio Cefaleas que outorga a Sociedade Española de Neuroloxía.

Algúns estudos demostran que administrando o tratamento para combater a xaqueca na fase premonitoria se pode frear o inicio da dor, pero para iso é necesario atopar síntomas obxectivos que permitan detectalo sen depender da subxectividade do paciente (que pode notar un cansazo extremo ou dificultades para concentrarse varias horas antes de sufrir unha xaqueca, pero non sempre é capaz de recoñecelo como síntomas da mesma). O funcionamento do sistema de predición é sinxelo, non se precisa máis que dunha aplicación móbil e unha pulseira que permite rexistrar as variables do estudo para posteriormente ser analizadas polo equipo de Gago. Este sistema ten como obxectivo emitir unha alarma para que a paciente actúe a tempo e poida tomar o tratamento antes de que comece a dor. Deste modo, poderíase prever a crise antes de que comenzase, evitando o illamento das persoas que sofren a terrible dor da xaqueca.

A neuróloga Ana Gago, o día que recolleu o premio Cefaleas.
A neuróloga Ana Gago, o día que recolleu o Premio Cefaleas.

A vacinación de bebés contra o virus sincitial

Galicia converteuse en pioneira na vacinación de bebés contra o virus respiratorio sincitial (VRS) causante de bronquiolites e neumonías, sendo o a primeira sanidade do mundo en vacinar contra este virus. O xefe do Servizo de Pediatría do Hospital Clínico de Santiago, Federico Martinón-Torres, confirma a efectividade da vacina dun 80%, tanto para previr infeccións, como hospitalizacións, polo que se considera clave para tratar de conter o VRS.

A vacinación comezou en outubro e no mes de decembro xa se pode afirmar que houbo unha drástica caída das hospitalizacións de bebés nos hospitais de Galicia. Os últimos datos publicados confirman que a Xunta inmunizou co anticorpo monoclonal Nirsevimab un total de 8.909 bebés. Facendo comparativas con temporadas pasadas, confírmase que a caída das hospitalizacións foi considerable polo que a Xunta quere converter a Galicia na primeira comunidade autónoma en incluír a inmunización contra o virus respiratorio sincitial no calendario de vacinacións.

Galicia é a primeira sanidade do mundo en vacinar os lactantes contra o virus sincitial.
Galicia é a primeira sanidade do mundo en vacinar os lactantes contra o virus sincitial.

Os primeiros ordenadores cuánticos de Galicia

Este ano Galicia conta con dous ordenadores cuánticos, ambos adquiridos polo Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga). A primeira foi adquirida en marzo. Os computadores teñen unha maneira diferente de funcionar con respecto os tradicionais, neste caso baséanse en fenómenos cuánticos. Deste xeito, pódense avaliar “moitas combinacións de solucións ao mesmo tempo, o que se coñece como paralelismo cuántico”, tal como o explica o director xeral do Cesga, Lois Orosa Nogueira.

Qmio é a computadora máis potente e grande de España e de todo o sur de Europa, cunha capacidade de 32 cúbits. Permite resolver problemas que unha computadora clásica non pode, ademais de que sería inviable en tempo e enerxía. Ten un gran abano de aplicacións en todos os ámbitos científicos. Malia que está instalada no Cesga, poderán beneficiarse do seu uso as tres universidades galegas, o CSIC e todas aquelas empresas que estean interesadas en facer estudos nos que se poida aplicar a computación cuántica.

Dous novos computadores cuánticos en Galicia no ano 2023. Foto: Cesga.

Test rápidos: celiaquía e herpes

Os test de autodiagnóstico popularizáronse coa chegada do coranavirus, pero a súa aplicación non se limita só a iso. Neste senso, investigadores galegos deseñaron este ano dous salientables: un para diagnosticar a celiaquía e outro para o herpes.

O diagnóstico actual para a celiquía conleva probas invasivas e é probable que tarde unha media de entre seis e dez anos. Contra iso, un equipo de investigadores galegos formado por Daniel Abella López —investigador asociado ao Centro de Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago (USC)—, Adrián López Teijeiro —tamén do CiQUS— e Alejandro Failde Fiestras, vinculado ao Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), deseñou un prototipo de test rápido que podería diagnosticar esta enfermidade en tan só 20 minutos.

Pola outra banda, o equipo liderado polo científico Cesar de la Fuente deseñou un test que cun biosensor é capaz de detectar o virus do herpes cunha precisión do 95% e tan só en nove minutos. A infección do virus do herpes simple tipo 2 (VHS-2) segue a ser unha afección que se arrasta toda a vida e que ten un impacto xeralizado. Malia iso, todavía non se conta cun dispositivo de diagnóstico fiable para detectar con precisión os antíxenos do VHS-2. Neste contexto, o equipo conseguiu crear un biosensor de baixo custo, prometedor para a detección do herpes e para permitir as intervencións oportunas.

César de la Fuente.
O equipo de César de la Fuente deseña un test rápido para diagnosticar o herpes.

Predicir reacídas en pacientes con cancro

Un novo sistema galego basado na intelixencia artificial é capaz de predicir recaídas en pacientes que padeceron cancro de colon e mama. O equipo desenvolveu este sistema ao longo de tres anos e no mes de febreiro presentou os seus primeiros resultados clínicos. A clave do seu modelo: o uso de imaxes de biopsias líquidas, para así identificar automaticamente células tumorais circulantes en mostras de sangue. Este modelo naceu ao abeiro do proxecto Persist, capitaneado polo centro tecnolóxico galego Gradiant.

Presentación do proxecto Persist en febreiro.

Medicións de microplásticos

Un estudo publicado na revista Nature identificou en lagos galegos unha concentración de ata catro partículas de microplásticos por metro cúbico. Co obxectivo de atopar a orixe e determinar o impacto destes residuos plásticos nas augas superficiais, analizáronse 38 lagos e encoros distribuídos en 23 países. Entre eles, analizáronse as augas de MeiramaCecebre e Doniños. O estudo, no que participaron cinco científicos galegos, revelou que nos seis continentes estudados non se atopou un só lago ou encoro sen plásticos.

A investigación posta en marcha permitiu establecer unha metodoloxía estandarizada para poder comparar as medicións de microplásticos de calquera parte do mundo. O estudo demostrou por vez primeira que as concentracións de plásticos nalgúns lagos son máis altas que algunhas das partes máis contaminadas do océano, como por exemplo as illas de lixo do Océano Pacífico.

Contaminación por plásticos nas augas de Doniños. Foto: Rafael Carballeira

A exposición ao radon en Galicia

O radon (radon-222) é un gas radioactivo natural incoloro, inodoro e insípido. Ten a súa orixe na desintegración do uranio que se atopa no solo e nas rochas e pode chegar aos edificios atravesando o solo a través de fendas dos cimentos ou, en menor medida, dende materiais de construción. A súa inhalación en exceso pode provocar cancro de pulmón, especialmente en persoas fumadoras. É por iso que varios estudos galegos realizados ao longo deste ano centraron as súas investigacións na exposición ao radon dos galegos. O primeiro, publicado en abril, atopou un exceso deste gas nun terzo das aulas de Galicia e Portugal. O segundo, determinou que os galegos son os máis expostos ao radon nos seus postos de traballo.

Os niveis de radon alcanzados en interior teñen unha relación directa coas características propias da habitación ou do edificio, a súa localización ou o material de construción. Neste sentido, fixéronse investigacións para poder determinar cales son as zonas con maior exposición ao radon para así poder levar a cabo as medidas necesarias para protexer a saúde das persoas.

Mapa Nacional do radon empregado no estudo sobre a exposición ao radon nos postos de traballo. Foto: Consello de Seguridade Nuclear.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do formigón de Ourense aos parques de Santiago: un estudo contrasta os dous modelos de zonas verdes

A cidade do sur galego é unha das tres con peor cobertura, con 4,6 metros cadrados por habitante, moi por debaixo da media de 14,15

Identificados novos factores xenéticos da fatiga persistente tras a radioterapia por cancro de próstata

Un estudo publicado en 'Nature Communications' e con participación galega descobre unha variante no xene ACTR3 asociada a un risco tres veces maior de desenvolver a sintomatoloxía despois do tratamento

GCiencia lanza a décima edición dos premios Galicia Spin-Off

Os galardóns recoñerán un ano máis a empresas innovadoras xurdidas das universidades e a un grupo de investigación

O festival Pint of Science achega a ciencia aos bares na súa undécima edición

En Vigo celebrarase os días 19, 20 e 21 de maio nos locais El Castro e De Catro a Catro e, por primeira vez, chega Pint Kids