Para comprender as formas que teñen as montañas que nos rodean é preciso coñecer o pasado. No caso de Pena Trevinca, o teito do noso país, hai que retrodecer uns 40.000 anos. Era a idade do Pleistoceno superior e o glaciarismo vestía este conxunto montañoso que terminou por moldear a paisaxe en forma de circos, morenas e lagoas. É agora, co emprego de softwares especializados, cando se poden reconstruír as capas de xeo para coñecer a extensión, lonxitude e profundidade dos glaciares nos vales de Xares, Canda e Bibei. Foron os xéografos Augusto Pérez Alberti e Alejandro Gómez-Pazo os que recrearon as linguas de xeo do Macizo de Trevinca e os resultados acaban de ser publicados na revista Land. Non se imaxinaban cando comezaron cos traballos que estaban ante un dos glaciares máis grandes de toda a península.
É o glaciar do Bibei, situado entre as provincias de Ourense e Zamora. Chegou aos 27,26 quilómetros de lonxitude e a unha profundidade de 527 metros. No ranking de glaciares do Estado, supérao Valira (43 km), o Glaciar do Gállego (43,4 km) e os antigos glaciares pirenaicos do Noguera Pallaresa (63 km e 700 metros de profundidade). “Hai moitas evidencias do glaciarismo do Pleistoceno en moitos lugares de Galicia, faltábanos reconstruír as capas de xeo. Antigamente non existían técnicas que o permitisen, mais agora é posible cos sistemas de información xeográfica”, explica Pérez Alberti. Coñecidas como técnicas SIG, son métodos de modelización que revelan a posible localización de masas de xeo e a súa relevancia. Nos últimos anos aumentaron as publicacións ao respecto do glaciarismo e as súas formas no presente, porén, en Galicia non había precedentes sobre o volume e as características destas grandes masas de xeo.
Para coñecer o pasado xélido de Pena Trevinca, os expertos comezaron co traballo de campo e co mapeado: identificar aquelas formacións na actualidade —como as morenas ou lagoas— que teñen a súa orixe nas linguas de xeo. Unha vez identificada a zona que presumiblemente puido abarcar o glaciar hai miles de anos e a partir do fluxo dos ríos, aplícase unha tecnoloxía que “rechea” o espazo que puido ocupar o glaciar. “É un software que ten en conta como é o terreo e emprega os datos recompilados para encher o xeo”, explica Gómez Pazo. Chámase GlaRe e é unha ferramenta informática que permite unha maior precisión para a datación, o que facilita no ámbito da xeografía a estimación da superficie ocupada por masas de xeo en diferentes momentos do pasado. Os autores publicaron os mapas onde se pode apreciar a profundidade do glaciar en Pena Trevinca.

Para a reconstrución paleoglaciar e a análise destas tres concas hidrográficas empregáronse estudos dos últimos 40 anos, o que permitiu localizar formas, depósitos e lagoas de orixe glaciar. A identificación de morenas en diferentes fases glaciares e a súa xeolocalización facilitaron a posterior cartografía detallada da extensión do xeo. O paleoglaciar de menor tamaño foi o de Canda, con 14,85 km2 de xeo, mentres que o de Bibei alcanzou os 143,74 km2. O valor mínimo de espesor foi para Xares, con 292,51 metros. O artigo da investigación, Paisaxes de glaciares durante o Pleistoceno no Macizo de Trevinca, conclúe a facilidade das novas tecnoloxías para reconstruír estes ambientes. “Os Ancares, O Courel, A Capelada, o val da Ponte ou o alto Xares son lugares en Galicia con historia glaciar. O glaciarismo tanto da serra galega como da portuguesa foi realmente excepcional”, continúa Pérez Alberti.

Aproveitar a riqueza xeomorfolóxica
O xeógrafo fala dun glaciarismo “descoñecido” para a maioría da poboación, cando é unha cuestión importante para entender a evolución do clima da terra e as formas das montañas: como Piornedo (Os Ancares), unha aldea que se localiza enriba dunha morena glaciar, os depósitos do monte do Cebreiro (Lugo) ou o val glaciar da Queixa (Ourense). Na súa opinión, hai múltiples exemplos en Galicia de grande importancia paleoclimática que explican a evolución xeomorfolóxica e non teñen presenza nos centros educativos, e sinala a importancia de divulgar as investigacións neste eido para que non queden relegadas ao mundo científico. O Val do Bibei achegou tamén un dos poucos rexistros sedimentarios do oeste da península da glaciación do Alto Pleistoceno, o que permitiu outorgar unha idade de entre 27.000 e 33.000 anos de antigüidade.
Referencia: Glaciers Landscapes during the Pleistocene in Trevinca Massif (Northwest Iberian Peninsula) (Publicado en Land)