Os 8 lugares para desfrutar da neve en Galicia (e doutras cousas máis)

Grazas á súa altitude, estes enclaves galegos permiten pasar unha xornada entre folerpas e descubrir a biodiversidade e patrimonio cultural que ofertan

Malia ser famosa polo seu mal tempo e baixas temperaturas, Galicia non adoita padecer fortes nevaradas. Con todo, e sempre que a cota de neve o permita, albiscar mantos brancos si que é posíbel en certos puntos da xeografía galega nos que se superan os 1.000 metros de altitude. Aquí tes os 8 lugares nos que gozar da neve en Galicia.

Pedrafita do Cebreiro e os Ancares

Situado a 1.098 metros sobre o nivel do mar, Pedrafita do Cebreiro é o municipio a maior altura de todo o país. Unha característica que o converte non só no punto ideal para ver neve na tempada fría, senón nun miradoiro con vistas privilexiadas á Serra dos Ancares. Amais, o concello tamén oferta múltiples rutas polas terras que o rodean, como a dos Muíños, a do Pozo do Lago Maior ou a que discorre desde Brañas a Chandepena.

A nivel turístico, no municipio destacan as pallozas, construcións de orixe celta con planta circular e cuberta vexetal, símbolo da arquitectura tradicional adaptada ao clima da zona. No que respecta á gastronomía, o concello destaca pola elaboración caseira e o uso de alimentos naturais típicos da zona. Con todo, o produto máis destacado é o Queixo do Cebreiro, cuxa orixe se remonta aos primeiros monxes que se instalaron no poboado a finais do Século IX.

De igual xeito, no concello veciño do Cervantes pódese visitar o dolmen a maior altitude de Galicia, a 1.655 metros de altitude e moi preto do cumio dos Tres Bispos. No municipio tamén se atopa o Conxunto Histórico-Artístico de Piornedo e as súas pallozas, habitadas até os anos 70 do século pasado e catalogadas como Ben de Interese Cultural (BIC).

O Courel

A cordilleira lucense, con cumios que chegan aos 1.638 metros, é outro punto de referencia para aqueles que non queiran perder a súa cita coa neve. Con todo, a serra na que vive o ser humano desde a prehistoria ofrece moito máis.

Toda a arquitectura rural do Courel é o mellor exemplo histórico-artístico da zona. Desde o ano 2019 é posíbel percorrer o Roteiro das aldeas paleozoicas, un itinerario único no Estado. A arquitectura tradicional destas vilas, que abarca seis localidades dos municipios de Folgoso do Courel e Quiroga, empregou as rochas formadas en distintos períodos da era Paleozoica, que comezou fai 541 millóns de anos e rematou fai 252 millóns. A estas únense as casas de lousa entre rúas empedradas de Esperante e Seceda, as construcións de esquinas redondeadas e balcóns de madeira en Vilamor, as ferrerías de Lousadela, Seoane e Visuña ou os numerosos muíños presentes en aldeas como Ferramulín.

Pola súa banda, o patrimonio xeolóxico está composto por lugares como a Cova da Buraca das Choias, o Val das Mouras, a Lagoa da Lucenza ou Depósito Glaciar da Seara. Conta tamén con rutas como a da Devesa do Cervo, a da Rogueira ou a da Cubela, na que apreciar o meandro do mesmo nome ou algunhas das microrreservas de plantas da zona.

O manto branco no Courel. Foto: As Triegas - Casa Rodrigo
O manto branco no Courel. Foto: As Triegas – Casa Rodrigo

Serra do Faro

Debido á súa situación xeográfica, no corazón do país, e os seus 1.187 m de altitude, a serra do monte Faro é unha solaina privilexiada desde onde divisar as catro provincias galegas. Nela atópase unha gran reserva de bosque autóctono, maioritariamente carballo, así como campos de cultivo, que co frío é posíbel ver cubertos polas folerpas.

Asemade, a presenza de varios gravados rupestres en forma de petróglifo e mámoas, túmulos funerarios distintivos da cultura megalítica na súa vertente oeste, vólveo tamén un espazo arqueolóxico de relevancia. A actividade destas sociedades, cuxos enterramentos delimitaban a súa presenza espacial, denotan a calidade da serra do Faro como fronteira natural.

Unhas poucas folerpas na Serra do Faro. Foto: PresumedeGalicia
Unhas poucas folerpas na Serra do Faro. Foto: PresumedeGalicia

No cumio do monte Faro sitúase a ermida de Nosa Señora de Faro, un dos elementos máis importantes do patrimonio artístico e relixioso da comarca. Nos seus montes, polos que transcorre o Camiño de Inverno, atópase tamén a Fonte dos Meniños, á que os máis vellos lle atribúen poderes curativos. Toda unha conxunción de elementos que converten ao Monte Faro nun lugar de grande espiritualidade.

Pena Trevinca

Cunha altura máxima de 2.127 metros, Pena Trevinca é o pico máis alto non só do macizo homónimo no que se atopa, senón de toda Galicia. Amais, este é, após os Pirineos, o segundo con máis lagoas glaciares da Península Ibérica nos seus cumios. Entre elas, a lagoa da Serpe, custodiada polo Alto do Turrieiro e o monte O Fial, ou a lagoa de Ocelo, ambas de augas puras e cristalinas.

Pena Trevinca é o único punto de Galicia que conta cun certificado de destino turístico Starlight. Unha distinción que elixe os mellores puntos do planeta para contemplar as estrelas. Entre as súas características destacan a baixa contaminación lumínica e a altitude, o que fai que a atmosfera presente as súas mellores condicións para a observación, facendo que algúns astrónomos afirmen que desde aquí “pódese ver a Vía Láctea de lado a lado“.

Amais, e desde o pasado mes de novembro, Trevinca conta co seu propio Centro Astronómico, cunha extensa oferta de actividades vencelladas á observación dun dos ceos máis limpos do país. Un centro que complementa os previos miradoiros astronómicos da Tablilla das Lagoas e O Rañadoiro.

Lagoa conxelada en Pena Trevinca. Foto: Turismo.gal
Lagoa conxelada en Pena Trevinca. Foto: Turismo.gal

Manzaneda

Os picos do Macizo Central Ourensán alcanzan, no seu punto máis elevado, os 1.778 metros de altura. E é en Cabeza de Manzaneda onde se atopa a única estación invernal de Galicia, que situa as pistas de esquí neste cumio e nas ladeiras orientadas ao norte.

Unha das pistas da Estación de Montaña en Manzaneda. Foto: Facebook
Unha das pistas da Estación de Montaña en Manzaneda. Foto: Facebook

O propio pobo de Manzaneda é unha visita en si mesma, onde atoparse con importantes vestixios medievais. Malia ser practicamente destruída polas Guerras Irmandiñas no século XV, a muralla e fortaleza da vila datan do XII. Ademais, no concello atópase o Souto de Rozavales, declarado Monumento Natural pola Xunta xa no ano 2000 e incluido no catálogo de “Arbores e Formacións Senlleiras de Galicia”. Neste lugar de reliquias botánicas atópase, xunto a outros especimes, o castiñeiro de Pumbariños, unha árbore milenaria de máis de 13 metros de perímetro.

Parque do Xurés

Na raia seca, os puntos máis elevados alcanzan os 1.500 metros de altitude. E, aínda cuberto de neve, un dos grandes atractivos deste espazo é a variedade de flora, con máis de 807 especies, das cales 117 son endémicas, como o lirio do Xurés. Asemade, dispón dunha gran diversidade de fauna, con preto de 150 aves e especies singulares, como a bovina autóctona: a vaca cachena.

Na serra do Laboreiro atópase unha das maiores concentracións de túmulos ou mámoas de Europa, así como é posíbel achegarse aos dolmens de Maus de Salas e Val do Salas. Igualmente, visita obrigada é a fervenza da Corga da Fecha, a máis alta de Galicia en época de chuvias.

A nivel de arquitectura popular, a aldea de Cela en Lobios, coas súas construcións sobre bolos graníticos, e as pallozas das Cortes da Carballeira en Entrimo son dúas mostras de alto interese. Tamén o é Casolas, construída nun terreo cun 20% de inclinación, e as outras edificacións do territorio, como molinos, colmeas amuralladas ou hórreos.

A Serra do Xurés tinguida de branco. Foto: Wikipedia
A Serra do Xurés tinguida de branco. Foto: Wikipedia

Serra do Candán

De querer visitar a provincia de Pontevedra, unha boa idea é achegarse á Serra do Candán. Un dos poucos lugares das Rías Baixas onde, de forma puntual, é posíbel atoparse con neve, e que deixa estampas como a do mosteiro de Aciveiro cuberto de branco. Esta xoia do románico, do século XII, é a construción relixiosa máis importante da comarca do Deza.

A neve no mosteiro de Aciveiro. Foto: Amigos do Mosteiro de Aciveiro e Terra de Montes
A neve no mosteiro de Aciveiro. Foto: Amigos do Mosteiro de Aciveiro e Terra de Montes

A 1.017 metros de altitude atópase o Alto de San Bieito, o pico máis alto da serra, desde onde desfrutar dunha panorámica completa do Val do Deza. O cumio está dominado por matogueiras e grandes rocas mentres que, no pé da serra, esténdense amplas carballeiras e pradarías, así como unha importante mostra de arquitectura popular. Amais, nela atópanse os nacementos dos ríos Lérez e Umia, así como varios afluentes do Deza, que regan os bosques de ribeira.

Na serra é posíbel realizar unha ruta de sendeirismo, cun percorrido circular de case 12 quilómetros. No traxecto destaca a variada flora, con bidueiros, carballos ou cerquiños, e tamén a fauna, sendo posíbel divisar algún bufo real ou falcóns peregrinos, difíciles de localizar noutros puntos das Rías Baixas. O roteiro tamén atravesa aldeas perdidas no tempo, como a das Gobas.

Serra do Xistral

Ao norte da provincia de Lugo atopamos este macizo montañoso de non moita altitude. Os seus cumios mais elevados son o Monte Cadramón, con 1.062 metros, Seixo Branco, Chao de Lamoso, Xistral e Lombo Pequeno.

Pese ao seu aspecto aparentemente amábel, o Xistral presenta un clima bastante hostil. Tanto é así que só hai asentamentos humanos tradicionais nos vales, a moita menor altura e onde as temperaturas medias son considerabelmente máis elevadas. No inverno, e pese á moderada altitude e proximidade ao mar, a chuvia adoita transformarse en neve con certa asiduidade.

Semellante ás montañas británicas ou escandinavas, pero excepcional na Península Ibérica, a paisaxe que presenta o Xistral componse de grandes superficies de turbeiras de cobertor envoltas na néboa. O réxime de precipitacións e a orografía fan que nas súas entrañas nazan numerosos ríos, como o Eume, que flúen cara a diferentes concas. Amais, nos seus diferentes hábitats de fragas ou piñerais, entre outros, agóchase unha excepcional biodiversidade, a descubrir en roteiros como o do Coto da Lagoa.

Cabalos ceibos entre a neve da Serra do Xistral. Foto: Turismo.gal
Cabalos ceibos entre a neve da Serra do Xistral. Foto: Turismo.gal

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A rara bolboreta de orixe glacial da que só hai 900 exemplares en Galicia

A montesa grande, tamén presente nos montes de León e na cordilleira cantábrica, ten poboacións xeneticamente diferenciadas no Courel e na serra da Queixa

O avistamento dun oso pardo nos Ancares constata a recuperación da especie en Galicia

Un veciño de Vilarelle, en Cervantes, consegue gravar un vídeo dun exemplar paseando pola serra

Os Ancares e O Courel, distinguidos como ‘Mellor destino de montaña 2023’

O selo Observer revalida a certificación aos dous espazos naturais, que xa recibiran o recoñecemento en 2019

Volve o inverno e cobre media Galicia de neve

Unha masa de aire polar activa a alerta amarela en boa parte do país, con cotas de neve por debaixo dos 400 metros