Vista da comarca de Chantada desde o cumio do Monte Faro, no que se evidencia a visibilidade que hai desde a contorna. Fonte: Lois Chantada / CC BY-SA 3.0.
Vista da comarca de Chantada desde o cumio do Monte Faro, no que se evidencia a visibilidade que hai desde a contorna. Fonte: Lois Chantada / CC BY-SA 3.0.

A ciencia confirma que Monte Faro é o punto máis visible de toda Galicia

O cálculo de César Parcero, científico do CSIC, revela que o cumio desta serra é o punto que se pode albiscar desde unha superficie maior do territorio

Non estaban moi errados Manuel Fraga e Xosé Cuíña cando decidiron converter Monte Faro no epicentro da gran festa folclórica do PPdeG nos anos 90. Alí se xuntaban milleiros de cargos e simpatizantes do partido para celebrar a festa anual no pico máis alto da serra do Faro, a máis de 1.100 metros de altitude. A ciencia, no tocante á prominencia do lugar, dálles a razón, a eles e a todos os que desde moito tempo antes peregrinaban á romaría relixiosa na ermida da cima do monte. Este cumio é o máis visible de Galicia; o que se albisca desde unha superficie maior do territorio, máis ca ningún outro lugar. Nin Trevinca, nin Manzaneda, nin Ancares nin O Courel. Así o confirma o resultado dun cálculo realizado polo científico César Parcero, do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit-CSIC), a partir da análise de 740.000 puntos (un cada 200 metros) de toda a xeografía galega.

Subindo ao cumio Monte Faro xa se podía comprobar que desde el se poden observar, nos días algo claros, as catro provincias galegas. O propio monte está entre o concello pontevedrés de Rodeiro e o lucense de Chantada. Mais a análise de César Parcero desenvolve a idea: “A forma de atopar a resposta é sinxela: bastaría con ir percorrendo toda Galicia e apuntar que lugares podemos ver dende cada sitio e, á fin, comprobar cal é o punto que puidemos ver máis veces”, introduce.

O traballo, porén, ten as lóxicas limitacións alleas á propia orografía. “Non se ten en conta a posible nubosidade, ou que haxa unha vexetación que impida a visibilidade nun lugar determinado, remítese só ao terreo”, aclara o investigador. E só ten en conta as referencias dentro do territorio galego, polo que de incluír os territorios próximos en Portugal e España, o mapa podería mudar lixeiramente.

O cálculo

Unha vez postulada a idea, había que calculala. Para isto, César Parcero usou un novo equipo adaptado ao procesamento de sistemas de información xeográfica (SIX), no que el está especializado. “Por sorte, os ordenadores permítennos facer cousas deste tipo. E iso foi o que fixen: colocar un punto sobre o mapa de Galicia cada 200 metros, pedirlle ó ordenador que calculase que se podería ver dende cada un deses puntos, e que sumase o resultado final”.

O que se obtén, segundo explica César, é un mapa moi interesante, no que se pode consultar cada punto para ver desde cantos outros puntos do resto de Galicia se pode ver dito lugar. A gama de cores do mapa así o expón.

Mapa realizado por César Parcero.
Mapa realizado por César Parcero.

Como curiosidade, calculou tamén o lugar menos visible, que resultou ser tamén o máis occidental do país: cabo Touriñán, en Muxía.

Importancia na investigación arqueolóxica

Estas ferramentas de información xeográfica, segundo explica César Parcero, son moi interesantes para o traballo arqueolóxico. “Cando a xente construía monumentos ou poboados, facíao en posicións que eran especialmente visibles desde a contorna, para garantir o control do territorio; por tanto, este tipo de análises serve para interpretar mellor o significado deses núcleos”. Neste senso, César subliña que “o interesante de verdade son os puntos intermedios, a menor escala, pero que sobresaen en espazos máis reducidos”.

Osimbolismo destes puntos prominentes segue tendo importancia en lugares como os Andes: “Levo anos traballando alí, e a xente segue considerando os cumios das grandes montañas con moita reverencia; están presentes na vida cotiá, teñen nomes, atributos, etc.”. En Galicia, este simbolismo puido estar presente, segundo expón Parcero, en serras como Barbanza (que tamén sobresae no mapa que realizou) e en cuxos cumios se atoparon interesantes restos prehistóricos.

Así o corrobora Felipe Criado, director do Incipit. O investigador subliña que, alén da curiosidade, o traballo de César Parcero “ten moitas potencialidades para a comprensión de paisaxes antigas e actuais. As xeografías especialmente conspicuas (xeralmente montañas, mais non só) foron sempre zonas de concentración de ritualidade, simbolismo e relacións sociais (como de feito exemplifica a reutilización por parte do PP do sitio que César identifica)”. Conclúe Criado que este feito “é algo que noutras zonas, como os Andres ou Australia, permanece aínda vivo, pero que na vella Europa, triturada por tantos saltos históricos que se foron superpoñendo a tradicións anteriores, xa se perdeu, e temos que reconstruír con análises como a que fai César”.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.