O Foro Económico Mundial (World Economic Forum, WEF), tamén chamado Foro de Davos, é a grande cita dos mandatarios mundiais para pensar no futuro do planeta. Organizado por unha fundación sen fins de lucro con sede en Xenebra, reúnese cada ano no Monte de Davos (Suíza). Alí acuden dende 1991 os principais empresarios mundiais, os líderes políticos internacionais, así como xornalistas e intelectuais selectos, a efectos de analizar os problemas máis apremiantes que afronta o mundo, e entre eles, a saúde e o medio ambiente.
O problema non está en falar, senón en predicar co exemplo. Porque para a reunión sobre cambio climático prevista en Davos está prevista a mobilización de 1.500 jets privados individuais, a pesar de ser anfitrión dunha serie de conversacións sobre os perigos do cambio climático provocado polo home.
Esta fin de semana, o coñecido divulgador David Attenborough presentará en Davos a conferencia do clima, para facer unha ‘avaliación rigorosa’ das tendencias do quecemento global. Pero o Air Charter Service (ACS), unha compañía que organiza voos en todo o mundo, estimou que podería haber un número récord de voos en jet privado e de emisións de carbono en Davos durante a duración do evento.

O máximo anterior rexistrouse no cume de 2018. Andy Christie, director de avións privados de Air Charter Service, dixo: “O ano pasado foi o ano máis activo para avións privados ata o momento, cun aumento do 11 por cento en 2017, con máis de 1.300 movementos de avións. Esperamos un aumento similar este ano, e poderiamos estar a observar case 1.500 movementos de avións privados individuais durante os seis días”, explicou ao xornal británico The Independent.
Christie chamou a Davos a “final do Super Bowl ou da liga de Campións” da industria dos avións privados, e dixo que os principais líderes de negocios odiaban ser “superados” polos rivais no tamaño da aeronave. “Os principais países involucrados na mobilización de jets privados nos aeroportos locais no últimos cinco anos foron tipicamente Alemaña, Francia, Reino Unido, Estados Unidos, Rusia e Emiratos Árabes Unidos, nesa orde”, explicou.
“Parece que hai unha tendencia cara a avións máis grandes, con avións pesados caros, como o Gulfstream GV e Global Express”, explicou o experto: “Isto débese, polo menos en parte, ás longas distancias percorridas, pero tamén posiblemente a que moitos non queran verse superados polos seus rivais nos negocios”.
Queda claro que unha cousa é falar e outra dar exemplo.