O Centro Astronómico de Trevinca, unha xanela ao ceo no teito de Galicia

O observatorio, con planetario, visitas guiadas e un amplo programa de actividades de divulgación. abre as súas portas no concello da Veiga

Exterior do Centro Astronómico de Trevinca. Foto: astrotrevinca.com.
Exterior do Centro Astronómico de Trevinca. Foto: astrotrevinca.com.

Preto da aldea de Valdín, na Veiga, a 1.300 metros de altitude e nunha das zonas cos ceos máis limpos de Galicia, o Centro Astronómico de Trevinca botou a andar este mes co obxectivo de converterse nun referente para a divulgación da observación do ceo en Galicia. O macizo ourensán, que conta coa certificación Starlight que recoñece a calidade dos ceos e a ausencia de contaminación luminosa, acada coa apertura do centro un novo atractivo que se engade aos seus importantes valores naturais, moi preto da cima de Galicia, Pena Trevinca.

O espazo, que estará dirixido por Óscar Blanco, abriu as súas portas a comezos de novembro coa celebración das xornadas de AstroTrevinca 2021, e xa dispón dun intenso calendario de visitas guiadas, cursos de formación e divulgación para todos os públicos nas vindeiras semanas. Este luns tivo lugar un percorrido inaugural polas instalacións que contou coa presenza de diversas autoridades encabezadas polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo.

Planetario, visitas guiadas e cursos

O planetario é un dos espazos salientables do centro. Foto: astrotrevinca.com.
O planetario é un dos espazos salientables do centro. Foto: astrotrevinca.com.

A partir desta fin de semana, coincidindo coa ponte da Constitución e, posteriormente, coas vacacións de Nadal, poderase desfrutar, entre outros espazos, do planetario do Centro Astronómico. Estas instalacións acollerán un amplo catálogo de filmes e proxeccións en 4K e charlas divulgativas para as que xa se poden reservar entradas. En decembro tamén se celebrarán visitas guiadas no centro e a súa contorna, tanto diúrnas como nocturnas, e cursos de iniciación á observación e fotografía astronómica.

Entre o equipamento destaca o telescopio Ritchey Chretien robótico, configurado para realizar tarefas de produción científica completamente automatizadas e dous refractores de 100 e 150mm que todas as noites realizan fotografías de forma autónoma, ademais dun telescopio solar de altísima calidade e catro telescopios Dobson para observación visual. O centro dispón tamén dun simulador de voo, unha exposición de materiais procedentes meteoritos e unha ampla variedade de material didáctico.

A apertura do Centro complementa deste xeito as propostas xa existentes na zona, como os miradoiros astronómicos da Tablilla das Lagoas e O Rañadoiro. Con todo, en diversas áreas do espazo natural de Trevinca, afastado dos meirandes núcleos de poboación do noroeste da península ibérica, é posible contemplar o ceo cunha claridade que se acada en moi poucos lugares. Ademais, o 60% das noites do ano son despexadas, o que incrementa as oportunidades para a observación. Isto contribuíu a que A Veiga sexa desde 2015 Destino Starlight, o que impulsou a construción do centro astronómico que entra en funcionamento.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.