“Ciencia de ida e volta”, sete meses de divulgación científica na UVigo

A proposta da universidade busca dar a coñecer as liñas de investigación, á vez que mellorar a capacidade de comunicación do PDI

Despois das dificultades, cambios e cancelacións do 2020, este curso regresarán, e con forza, as actividades de divulgación científica e ciencia cidadá á Universidade de Vigo. As vicerreitoras de Investigación, Belén Rubio, e Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, presentaron este luns no edificio Redeiras o programa Ciencia de ida e volta, o plan anual de actividades para o curso 2021-2022 da Unidade de Cultura Científica da Universidade de Vigo. Como explicaron, estas accións supoñen un regreso á presencialidade co obxectivo de promocionar e difundir a cultura científica, tecnolóxica e da innovación entre os diferentes axentes sociais: estudantado, comunidade universitaria e cidadanía, en xeral. Para iso, levaranse a cabo actividades que porán en valor e difundirán as investigacións que se realizan desde a Universidade de Vigo e que serán unha canle de comunicación accesible e activa que sirva de aproximación entre as partes.

Ciencia circular

O programa leva o nome de Ciencia de ida e volta porque, como explicaba a vicerreitora de Investigación, representa “o movemento circular da ciencia, como as investigacións que facemos nas universidades chegan á sociedade e, ao contrario, como a sociedade nos propón novos retos e ideas, ou incluso, nos demanda novos aspectos sobre os que precisa ter máis coñecemento”.

Publicidade

As actividades levaranse a cabo entre este mes de decembro e o de xuño de 2022 nos tres campus. O programa anual ten un orzamento de 91.000 euros, que proceden principalmente de fondos propios da UVigo e dunha achega da FECYT de 18.000 euros. De feito, como recalcaban as vicerreitoras, esta é a primeira que unha proposta da UCC+i acada este tipo de financiamento este apoio representa unha “cuestión reputacional e de prestixio”, recalcaba Mónica Valderrama.

A finalidade do programa, explicaba Belén Rubio, é “chegar a todo tipo de público, tanto escolares como mozos e mozas e persoas maiores, pero tamén á nosa propia comunidade universitaria”, xa que entre outras propostas, haberá accións formativas para mellorar as súas capacidades de comunicación e divulgación dos proxectos que desenvolven nos seus grupos de investigación.

Publicidade

Sete meses de eventos e actividades

As vicerreitoras foron as encargadas de ir relatando todo o programa de accións deseñadas ao abeiro de Ciencia de ida e volta, que se estenderán ata finais da primavera. O máis inminente dentro do programa de actividade é o curso de formación para persoal investigador que terá lugar esta semana, os días 2 e 3, no campus de Vigo. A actividade achegará ás persoas participantes coñecementos sobre a organización de actividades de divulgación científica, comunicación da ciencia en redes sociais, divulgación a través de charlas e amosaralles tamén a experiencia de persoal da Universidade de Vigo nestes ámbitos.

Outra das propostas deste plan é a exposición itinerante 100 lunas cuadradas. Tras o seu paso polo edificio Redeiras, a mostra trasládase esta semana á Biblioteca do campus de Ourense, onde se poderá visitar ata o 14 de febreiro. Trátase dunha compilación de fotografías feitas no Observatorio do Teide do Instituto de Astrofísica de Canarias e rende homenaxe á fotografía por permitir multiplicar os datos obtidos cos telescopios. Posteriormente trasladarase ao campus de Pontevedra e finalmente retornará a Vigo.

Outra iniciativa é a posta en marcha un concurso de vídeos científicos destinado á comunidade investigadora da UVigo, para dar a coñecer o seu traballo ou algún contido científico nun máximo de dous minutos e dunha forma divulgativa e entretida e formato youtuber. Como actividade previa realizarase unha formación na que se achegarán as claves para o vídeo divulgativo perfecto. Os vídeos subiranse á canle de YouTube da Unidade de Cultura Científica e entregarase un premio do xurado e outro do público.

No mes de febreiro, do día 1 ao 15, despregarase un amplo abano de actividades co gallo do 11F, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, en colaboración coa Unidade de Igualdade. Entre as propostas haberá charlas en centros escolares o día 11, os obradoiros para estudantes de secundaria de ElasFanCienTec ou unha proposta innovadora dirixida ao público adulto que consistirá nunha mesa redonda entre unha investigadora nova e unha xa consolidada “que debaterán sobre os problemas que tiveron ou seguen tendo por ser muller na súa profesión”, como subliñaba Mónica Valderrama.

Xa no mes de marzo celebrarase a feira científica A ciencia que vén, que xirará arredor de catro grandes áreas temáticas: medio ambiente, saúde e benestar, patrimonio e tecnoloxía. “Está orientada a alumnado de Primaria, de 5º e 6º, e buscamos espertar as vocacións científicas en nenos e nas novos para que despois, no Bacharelato, poidan comezar xa as súas primeiras investigacións”, recalcaba Rubio. Tamén na primavera arrancará a proposta de crear embaixadores e embaixadoras da ciencia e do coñecemento, unha actividade que se desenvolverá en colaboración co Programa de Maiores da Universidade. Serán as e os estudantes sénior os que se formarán e proporán actividades divulgativas destinadas ao público da súa idade. “Cremos que pode ser un xeito moi doado de que a transmisión chegue moito máis facilmente” entre un público adulto.

Outra das propostas coincidirá coa celebración do Día Mundial da Saúde, o de 7 de abril, e o Día Mundial dos Océanos, o 8 de xuño. Trátase dunha serie de podcast relacionados con estas dúas temáticas, con entrevistas con persoal investigador. Finalmente, o programa complétase cos obradoiros de astronomía Astrofamilias, que serán impartidos pola docente e investigadora Ana Ulla nun planetario e no que tanto nenas e nenos como adultos aprenderán a recoñecer as constelacións e a orientarse a través das estrelas, como os mariñeiros. Esta actividade está prevista para o mes de maio.

En conclusión, o obxectivo é que este amplo programa marque “un antes e un despois na divulgación que se fai na Universidade de Vigo”, como destacaba a vicerreitora de Investigación, “coa vista posta en chegar a todo o mundo e que a sociedade saiba o que se fai na UVigo”. As actividades, a medidas que teñan as datas de celebración pechadas, poderanse consultar na páxina web da UCC+i.


Podes ler a noticia do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Intelixencia artificial para detectar TDAH nas aulas e outros proxectos de Galiciencia 2024

A feira científica reúne un centenar de traballos de alumnado de Secundaria, Bacharelato, FP e Primaria de toda a comunidade

Cinco libros para agasallar ciencia este Nadal

Unha listaxe con opcións para adultos e nenos que mostra o mundo científico e a súa historia en lingua galega

A eternidade por fin comeza un luns

Artigo gañador da VI edición do IGFAE C3, o concurso de comunicación científica do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías

Altofalantes da lingua e da ciencia

Estimados colegas e amigos de Gciencia: Antes de nada, gustaríame darvos os...