Seis destinos (científicos) para Semana Santa sen saír de Galicia

Son múltiples as marabillas que se agochan en distintos puntos da comunidade. Propoñémoste seis para pasar unhas vacacións muy especiais

Coa chegada da Semana Santa axústanse as axendas para facer algunha escapada e desconectar da rutina. Para os que veñen de fóra e para os que preferirán quedar en Galicia, sempre se pode desfrutar das marabillas que se agochan en distintos puntos da comunidade. Para aforrar tempo, estes son seis recunchos destacados para facer un  pequeno percorrido pola ciencia e a natureza galega durante os festivos.

1. Ruta máxica pola Fervenza do Ézaro

Atópase entre Dumbría e Carnota, na provincia da Coruña. Alí desemboca o río Xallas no mar, precipitándose en forma de salto de auga contra as rocas, dende 40 metros de altura. A Fervenza do Ézaro é o único río de Europa que desemboca no mar, o que o converte nun lugar especial. Deslízase sobre unha ladeira rochosa formada polas faldras do Pico Peñafiel e de Alto Furado, ambos de 394 metros de altura. Trátase de todo un espectáculo fluvial, posiblemente un dos recunchos máis máxicos de Galicia.

Publicidade

Á fervenza pódese acceder dende varios puntos, polos que se poderá desfrutar dunha agradable ruta pola natureza propia da Costa da Morte. Ademais, conta cun paseo marítimo que bordea as praias dos alrededores. Por último, recoméndase subir ata o mirador do Ézaro, que permite ver a fervenza dende outra perspectiva e, cara ao fondo da paisaxe, pódese apreciar o cabo de Fisterra.

Pero este non é a única fervenza que se pode visitar en A Coruña, tamén existen rutas ás de Mazaricos, Noveira, Godolfre, Santa Locaia, Vioxo-Chacín, Firvardo e moitas outras por descubrir.

2. O punto máis alto de Galicia

Unha das rutas para recorrer en Pena Trevinca.

Situado na provincia de Ourense, aquí encóntranse os montes de Pena Trevinca, un espacio protexido a 2.000 metros de altitude. Ocupa case 25.000 hectáreas e os seus cumios, nevadas en inverno, contan con lagos glaciares como a Lagoa da Serpe e O Celo. É un lugar ideal para diesfrutar do aire puro e das paisaxes que se observan dende a altura.

O principal acceso á montaña atópase na localidade da Veiga, próxima ao embalse de Prada. Outra actividade que se pode facer nesta localidade, a 1.300 metros de altitude, é a visita ao Centro Astronómico de Trevinca, un dos espazos de ceo máis limpos de toda Galicia. Estas instalacións contan cun Planetario que acolle todas as semanas proxeccións 4K e filmes. Pero o máis destacado deste lugar son as visitas nocturnas e diurnas guiadas que realizan cada semana na súa contorna.

3. Ortegal, un tesouro xeolóxico

Candidata a ser un dos Xeoparques de renome mundial pola Unesco, Cabo Ortegal é indubidablemente un dos espazos máis emblemáticos e fermosos de Galicia, declarado Lugar de Interese Comunitario. Sitúase no municipio coruñés de Cariño, entre Estaca de Bares, ao este, e San Andrés de Teixido, ao oeste. Conta con unha sucesión de acantilados, duns 300 metros de altura. Ten dúas puntas: a Punta dos Aguillóns, onde se atopa o faro, e Punta a do Limo. Neste lugar pódese observar o kilómetro cero, punto de unión do Océano Atlántico e o Mar Cantábrico.

Neste punto, discorre a ruta das praias negras de Teixidelo, onde non só destaca a escuridade da súa ‘area’, senón que tamén se poden ver os restos dun antigo glaciar, no val de Teixideiro, atravesado por unha faia de case 300 millóns de anos.

4. As marabillas naturais da Serra do Courel

Devesa da Rogueira, ao pé dalgún dos cumes máis altos da serra, que inclúen elementos característicos do xeoparque mundial da UNESCO. Foto: xunta.gal.
Un dos cumes máis altos da serra, que inclúen elementos característicos do xeoparque mundial da UNESCO. Foto: xunta.gal.

Agochado entre as montañas orientais da provincia de Lugo, atópase esta paraxe natural. É unha das serras máis completas de Galicia, consideradas como Xeoparque Mundial da Unesco. 

É un espazo totalmente recomendado para realizar rutas de sendeirismo e apreciar a abundante vexetación que o envolve, propia do bosque atlántico. Camiñando polos seus vales e zonas altas, pódense atopar breixos, carballos, castiñeiros e outras árbores autóctonas. Os seus elevados cumios chegan a superar os 1.500 metros de altitude, as máis altas son: Formigueiros, Montouto e Pía Paxaro.

Ademáis, destacan as explotacións mineiras que alberga a serra, que son mostra da relación entre o ser humano e os recursos minerais, proporcionados polos solos rochosos do Paleozoico. Nos séculos I e II, o Imperio Romano mantivo as súas explotacións auríferas neste punto de Galicia. Nalgunhas covas pódense ver vestixios de fauna e flora prehistórica, así como pinturas que se remontan ao Neolítico.

5. Viaxe á Idade de Ferro no Castro de Baroña

O Castro de Baroña é dun dos xacementos máis importantes de Galicia. Está situado en Baroña, no concello coruñés de Porto do Son, moi preto do Parque Natural de Corrubedo. Este xacemento estivo habitado dende o século I a.C. ata o I d.C., e foi descuberto en 1933 por Sebastián González-García. Está formado por vinte vivendas, das que só se conserva a súa base. Nelas vivían os castrexos, autoabastecéndose dos productos que eles mesmos recollían do mar.

A súa rehabilitación en 2012 fixo posible que hoxe os seus visitantes poidan desfrutar deste percorrido histórico cunhas fermosas vistas ao mar.

6. Museos Científicos Coruñeses

Á parte das rutas naturais e visitas ao aire libre, tamén hai museos de ciencia en Galicia que non se deben perder. Na cidade da Coruña, durante esta Semana Santa, os museos científicos manterán as súas portas abertas ao público, cun amplio catálogo de actividades para facer. 

En primeiro lugar está a Casa das Ciencias, museo interactivo do servizo municipal dos Museos Científicos Coruñeses, situado nun palacete no interior do parque de Santa Margarita. O espazo conta cun planetario e tres plantas con exposicións sobre física, péndulos e astronomía nos medios de comunicación. Para asegurar a visita ao museo, recoméndase reservar as entradas por internet, con tres días de antelación. O museo permanecerá aberto de 10.00 h a 19.00 h todos os días.

O palacete Casa das Ciencias, no parque de Santa Margarita. Foto: coruña.gal

O segundo museo coruñés é a Domus. Foi o primeiro museo interactivo do mundo, adicado íntegramente ao ser humano e á súa evolución. O edificio foi obra do arquitecto xaponés Arata Isozaki, quen deseñou 150 módulos que albergan varias exposicións sobre as características da especie humana: xenética, evolución, intelixencia humana e anatomía, entre outras. Ademais, hai unha sala onde se proxectan filmes e documentais científicos como o de ‘En busca del primer europeo’ ou ‘The melting point’. O museo mantense aberto cada semana de 10.00 h ata as 19.00 h.

O museo Domus, sobre o ser humano. Foto: coruña.gal

Por último, a cidade conta cun acuario municipal: o Aquarium Finisterrae, un centro adicado á educación medioambiental e ao coñecemento do mar e das súas especies. O seu interior divídese en catro salas de exposicións que albergan varios acuarios e unha colección biolóxica composta por máis de 300 especies diferentes. Destaca a sala Nautilus, zona somerxida nun tanque de 4,4 millóns de litros de auga onde nadan varios tiburóns, un deles de máis de 2 metros de lonxitude. No exterior, hai varias piscinas nas que nadan focas atlánticas. De feito, durante o mes de abril, o centro ofrecerá a posibilidade de asistir á actividade “Aventura coas focas”, dispoñible todos os días pola mañá, de 10.00 h a 12.30 h.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Pode o dixital ‘matar’ os museos de ciencia e tecnoloxía?

Os máis críticos consideran que a dixitalización das salas distancia os visitantes das pezas físicas das exposicións

Galicia rexistra o primeiro caso da península dunha lagarta que se alimenta de néctar

Dous científicos documentaron o fito na especie 'Podarcis lusitanicus' durante unha observación en Porto do Son no verán pasado
00:03:07

CIFP Paseo das Pontes, o valor da formación en cociña e gastronomía

Beatriz Sotelo, docente no centro, fala da importancia da ensinanza da especialidade e de facelo con produtos locais e de calidade

MEGA, un museo da cervexa para todos os sentidos

Estrella Galicia inaugurou en 2019 a instalación para crear unha experiencia en torno á marca, pero apostando polo ámbito cultural