Xoves 25 Abril 2024

Unha aliñación planetaria: o evento astronómico imprescindible en abril

Saturno, Marte, Venus e Xúpiter deixaranse ver “en liña” e haberá a chuvia de estrelas das Líridas, a máis antiga coñecida

Hai acontecementos astronómicos asombrosos que, ao observalos, nos fan sentir afortunados como seres humanos. Esta semana o ceo regálanos, de forma progresiva, un aliñamento de catro planetas: Saturno, Marte, Xúpiter e Venus. Comezará o día 17 de abril, a súa hexemonía será o día 20 e rematará a principios de maio, onde tamén se unirá a Lúa formando unha fermosa conxunción. Dende o punto de vista astronómico, unha actividade dos astros coma esta ocorre cando os obxectos celestes comparten a mesma ascensión recta ou lonxitude eclíptica no ceo.

“Esta casualidade cósmica permítenos comprobar por nós mesmos que os planetas son obxectos que se moven polo ceo dunha forma moi fermosa e educativa”, indica o divulgador Dosi Veiga, director de Ceos Galegos. Este baile de planetas comezou dende o día 8 de abril e podémolo ver, todas as persoas, unha hora antes do amencer e dende calquera lugar, “incluso en contornas contaminadas luminicamente”. Aínda que tamén pode axudar levar uns prismáticos.

Publicidade

Comezará o 17 de abril, a hexemonía será o 20 e rematará a principios de maio

Os planetas xiran arredor do Sol, na mesma órbita, polo que se considera un sistema “plano”. Neste sentido, enténdese que calquera aliñación que se perciba é só un truco de perspectiva: dependendo de onde e cando se observe. Así pois, esta ordenación en liña recta de tantos planetas non sucede moi a miúdo e conforma un dos marabillosos aperitivos que presentará o ceo este mes. Segundo o Real Observatorio estas performances comezaron dende os primeiros días de abril coa conxunción de Saturno e Marte o día 5, a de Xúpiter e Neptuno será o 12 e a de Mercurio e Urano o 18 de abril. Pódense usar webs e aplicacións como a de Stellarium ou Star Walk 2 para axudar a facilitar a tarefa de procura, dado que “planetas como Neptuno son moi dificiles de ver”, continúa explicando Veiga.

Unha oportunidade para situar constelacións

O plano da eclíptica é máis interesante dende a perspectiva cultural polas constelacións zodiacais. “Estas son as constelacións máis importantes porque por aí é onde se move o Sol, a Lúa e os planetas e, agora, podemos situar os planetas nas constelacións do Augadoiro, Aries e Capricornio” explica o experto.

Tamén, segundo Veiga, as estrelas zodiacais son relevantes dado que, grazas a estas aliñacións planetarias, pódense situar mellor estas constelacións que, normalmente, son pouco visibles. Isto na práctica tradúcese en que se o espectador mira o punto vermello no ceo e sabe que Marte se sitúa en certa constelación, tamén será capaz de situar esta no ceo.

Outros eventos do festival estelar

Haberá tamén máis conxuncións coa Lúa: visitará a Saturno o 24 de abril, Marte o día 26 e atoparase con Venus e Xúpiter o día 30.

O ceo estrelado está especialmente cheo de celebracións e ademais das visitas planetarias, simultaneamente, haberá chuvia de Líridas. Esta caída de meteoros non é a máis coñecida por ser a máis intensa, pero é unha das favoritas pola época na que ocorren. Este evento poderase ver dende o día 16 ata o 25. Aínda que os seus días fortes son a noite do 22 e 23. Haberá que ter un pouco de paciencia, posto que a Lúa estará en fase gibosa menguante e podería ocultar parte dos aerólitos. Porén, grazas ao trazo brillante que deixan estes corpos celestes, non gañarán o desencanto de ninguén. Ademáis, esta é a chuvia de estrelas máis antiga coñecida polo ser humano. Segundo a NASA, conta con 2.700 anos de observación.

Tendo todo isto en conta, esta Semana Santa o experto recomenda: “Madrugade un pouquiño, saíde e redescubride o ceo. Quizais poidamos ver a forma rara que ten Saturno”. Preparade o voso kit de observación das estrelas para aproveitar esta preciosa oportunidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Volven as Líridas: como ver esta chuvia de estrelas dende Galicia

O fenómeno astronómico, que se poderá ver ata o xoves 25 de abril, será pouco visible a causa da lúa chea

Un tren de borrascas regará Galicia durante toda a semana

As precipitacións de principios de abril virán acompañadas dun importante ascenso térmico a partir do mércores

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

Esta é a desconcertarte orixe das Xemínidas, a maior chuvia de meteoros do ano

A descomposición térmica do asteroide Faetón está detrás deste espectacular fenómeno, que se poderá observar entre o 13 e o 14 de decembro