Xoves 25 Abril 2024

Galicia achégase aos 600 hospitalizados de covid: debemos preocuparnos?

O profesor emérito da USC, Juan Gestal, cre que os datos "non son preocupantes" e que deberían diferenciarse os ingresos por coronavirus dos ingresos con coronavirus

Case 600 hospitalizados de covid. Máis especificamente, 591 segundo o último comunicado da Consellería de Sanidade. De feito, nos últimos días estase a rexistrar un incremento no número de ingresos. Sen ir máis lonxe, a pasada fin de semana houbo case 80 hospitalizacións de covid en tan só dous días. “Observouse un lixeiro incremento no cambio na tendencia, que pasou de ser descendente a lixeiramente ascendente”, explica o profesor emérito de Saúde Pública da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Juan Gestal.

De momento, o experto cre que os datos non son preocupantes e engade: “Sería bo que se desagregase a información e se separasen os ingresados por covid dos ingresados con covid”. Esta puntualización ofrecería unha nova óptica posto que, segundo Gestal, “seguramente serán maioría” as persoas que están hospitalizadas con covid. É dicir, nas que o SARS-CoV-2 non é o motivo directo do seu ingreso, senón que están no hospital a causa doutras doenzas. De feito, segundo os datos ofrecidos polo Sergas a GCiencia, o 11 de abril había un total de 557 pacientes covid hospitalizados: 206 por covid e 351 con covid.

Publicidade

O fin da máscara en interiores

Amais disto, nas últimas semanas fóronse levantando as restricións, sendo Galicia a última comunidade en facelo. E en tan só uns días tamén chegará o fin do uso obrigado de máscara en interiores. Malia que xa se barallan posibles escenarios, Gestal opta por ser cauteloso. “Nun primeiro momento é posible que poida producirse un lixeiro incremento dos casos, pero non moito máis”, explica o experto. E asegura que a decisión de retirar a máscara “é moi prudente”. Segundo indica o profesor emérito da USC, “nos interiores da hostalería xa dende hai tempo non se está practicamente utilizando”. E no que respecta a outros espazos, a máscara manterase en hospitais, residencias de maiores e transportes. De igual maneira que nos lugares de traballo se deixará a criterio dos sistemas de prevención de riscos laborais.

O novo sistema de vixilancia

Outra das novidades das últimas semanas é a implantación dun novo sistema de vixilancia que opta por unha gripalización da covid. É dicir, no que se eliminan as corentenas e só se controlan os casos graves ou de persoas vulnerables. Polo tanto, o inconveniente desta nova estratexia é que haberá eivas á hora de interpretar os datos de positivos. “O inconveniente é que serán menos representativos, oportunos e sólidos e, nun primeiro momento, dificulta ver como está evolucionando a transmisión da infección“, sinala Gestal. Mais el cre que isto irá mellorando conforme se teñan datos dos contaxios de persoas en contacto con poboacións vulnerables, como os traballadores de centros sanitarios.

Juan Gestal é profesor Emérito da Universidade de Santiago de Compostela e foi rector da Facultade de Medicina. Foto: USC.
Juan Gestal é profesor Emérito da Universidade de Santiago de Compostela e foi rector da Facultade de Medicina. Foto: USC.

De todas formas, Gestal indica que este cambio no sistema de vixilancia “veu imposto pola elevada transmisión do virus e a súa elevada benignidade”. Máis en detalle, o profesor emérito da USC apunta que máis do 95% dos casos son leves ou asintomáticos. Polo tanto, e tendo en conta a situación, el cre que sería un “sen sentido” continuar co rastrexo de todos os positivos, como se viña facendo dende que comezou a pandemia ata que se implementou a nova estratexia de vixilancia a finais de marzo.

Cabe pensar que non queda moita máis opción que entender que a covid chegou para quedar. “Se non se produce un incremento da sobrecarga hospitalaria, non nos queda outra que aprender a convivir co virus“, recalca Gestal. Iso si, se non temos que volver sortear novas ondas. A chegada dunha sétima dependerá, segundo explica o profesor emérito da USC, da aparición e difusión de novas variantes con maior transmisibilidade e escape inmune ca ómicron.

Aparición de novas variantes

De feito, xa comeza a soar un nome: a variante XE. De momento non ten moita forza e tampouco hai moitos datos sobre ela. “Aínda sabemos pouco”, insiste Gestal. Segundo explica o experto, apareceu a mediados de xaneiro e é unha recombinación das liñaxes BA.1 e BA.2 da variante ómicron. “Ao parecer ten unha taxa de crecemento un 10% maior ca ómicron, pero non amosa unha maior gravidade”, apunta. De momento, a Organización Mundial da Saúde (OMS) non lle outorgou unha denominación propia. E, por iso, é importante ser prudentes. E esperar que as medidas tomadas nas últimas semanas sexan un paso máis cara á fin da pandemia.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego sinala os lípidos en sangue como biomarcadores de covid persistente

Investigadores do CiQUS ofrece unha nova perspectiva sobre a natureza desta enfermidade e abre a porta a diagnósticos e tratamentos máis específicos

O pico de gripe en Galicia adiántase á semana de Reis: “Estamos no punto de maior incidencia”

Segundo os últimos datos do Sergas, o número de persoas ingresadas polo virus respiratorio é de 904, dos que 42 están en UCI

A gripe, nunha “elevada pendente”: Galicia achégase ao pico de infeccións respiratorias

O epidemiólogo da USC Juan Gestal sostén que a covid-19 mantén unha tendencia estable. O virus respiratorio sincitial (VRS) anota un aumento contaxios

Galicia arrinca a vacinación contra a gripe e a covid o 25 de setembro

A Consellería de Sanidade confirma que a campaña de 2023 se prolongará ata o 31 de decembro e se levará a cabo en diferentes centros