Non é de estrañar que, no “país dos mil ríos” de Cunqueiro, as fervenzas se conten por centenas. Ninguén sabe exactamente de cantas falamos en Galicia. Nin sequera aqueles que, como Adela Leiro, levan anos camiñando por toda a xeografía na súa procura. Leiro, mestra de Ciencias xubilada e agora divulgadora científica, publicou no ano 2005 o libro “Augas caídas”: Fervenzas de Galiza (Ed. A Nosa Terra), considerado hoxe unha referencia.
A súa lista de visitas e descubrimentos ao longo dos anos é innumerable. Aínda así, a mestra non esquece o seu primeiro encontro coa fervenza do Ézaro, onde o río Xallas cae, de maneira case única en Europa e desde 40 metros de altura, directamente ao mar. “Estiven alí hai 30 anos. Era un día de inverno, as comportas do encoro estaban abertas. Para min foi algo impresionante. Na provincia de A Coruña hai outras fervenzas espectaculares como no Val do Dubra, en Muxía, Zas ou Santa Comba. O meu marido di que só nesta provincia temos unhas 400 rexistradas, quizais sexa verdade”, asegura Leiro, quen xa chegou a camiñar un día enteiro para visitar unha delas. “A non ser que penses que son todas como cataratas xigantes, sempre atopas un salto, un cachón, unha fervenciña, unha chorredeira… En Galicia teñen máis de 20 nomes dependendo do tipo ou da zona. Están en todas partes, en cada regato pode haber unha. Despois de anos, eu sigo descubrindo fervenzas incríbeis. A verdade é que agora Internet axuda moito”, afirma.
Un sinal de xuventude con dous millóns de anos
“Desde o punto de vista xeolóxico, as fervenzas indican, dalgunha maneira, a xuventude do relevo, porque o río aínda non foi capaz de labrar totalmente a súa canle”, explica Augusto Pérez Alberti, catedrático de Xeografía Física da Universidade de Santiago de Compostela. De feito, foi case hai dous millóns de anos, nun momento de inestabilidade tectónica, cando a rede fluvial galega deixou de circular cara a cunca do Douro para facelo cara ao Atlántico. Os ríos comezaron entón o seu proceso de encaixamento, aproveitando fracturas e outras debilidades do terreo para ir facendo os seus vales. “Nese proceso, se a auga atopa polo camiño un afundimento ou unha fractura no terreo, cunha parte máis alta e outra máis baixa, o río non ten tempo de facer a súa canle e salta formando unha fervenza. Outras veces, o que atopa son rochas moi resistentes, e a capacidade erosiva da auga non é suficiente e tamén aparece unha fervenza que é, simplemente, un accidente topográfico asociado aos ríos”, sinala Alberti, quen pon como exemplo o río Xallas que, despois de transitar por materiais como os xistos, encóntrase cos granitos resistentes do macizo do Pindo, caendo finalmente ao mar no Ézaro.
Fronte a vella teoría do xeógrafo estadounidense William Morris Davis de que as caídas de auga aparecen sobre todo nos tramos medio e alto do ríos, o Catedrático da USC é tallante. “Temos que esquecer teorías propias do século XIX, cando a darwinismo estaba en pleno auxe e todo se relacionaba coas fases de xuventude, madurez e vellez. Hai fervenzas en todos os tramos: alto, medio ou baixo. O que é certo é que aparecen sobre todo nos afluentes e non tanto nos ríos principais”, asegura o científico.
A loita do río polo seu equilibrio
“As fervenzas son propias dos ríos en rocha, os que predominan en Galicia, onde o substrato é duro e a erosión moi lenta. Son moi diferentes dos aluviais, que transitan sobre os seus propios sedimentos adaptándose facilmente ao terreo”, explica Horacio García, do departamento de Xeografía da USC. O río Belelle, que desemboca na ría de Ferrol e conta cunha das fervenzas máis coñecidas da provincia, é xustamente un río que transita por leitos rochosos. O seu perfil está feito de chanzos e, cada un deles, asegura García, mostra un momento evolutivo. “O río tenta eliminar os obstáculos coa erosión para alcanzar o seu equilibrio, pero esta é moi lenta. Algúns estudos falan de 100 centímetros en mil anos. É curioso que en inglés as fervenzas denomínanse knickpoints, puntos de inflexión, e iso é o que son as fervenzas, puntos de inflexión nun río porque marcan un novo nivel de base dentro do seu perfil”, subliña o investigador.
Ás fervenzas temporais que nos sinala Augusto Pérez Alberti, aquelas que aparecen no inverno cando hai chuvia e secan no verán, Horacio García engade as artificiais, presas antigas para muíños que hoxe están cheas de sedimentos e forman pequenos saltos que poden alcanzar ata os cinco metros. “En Galicia sorprendeume ata onde chegou o ser humano. Visitei lugares profundos nos ríos, inaccesibles, con pendentes enormes e, nalgúns deles, atopei pequenos muíños e pequenas presas que agora son fervenzas”, asegura. Os dous xeógrafos coinciden na beleza pero tamén na fraxilidade destes espazos da natureza, “zonas con moita humidade cunha riqueza vexetal moi interesante”, destaca Alberti. “No caso das fervenzas en ríos en rocha, como son elementos moi resistentes, pensamos que non lles pode pasar nada, pero non é así. Hai que valorar o río. Hai que protexer a súa xeodiversidade. Sen xeodiversidade, non hai biodiversidade”, afirma García.
Unha ruta ao ar libre que naceu do confinamento
Foi durante os meses de confinamento provocado pola pandemia da Covid-19 no 2020, que Jorge Sanmartín, responsable de Turismo no concello de Mazaricos, decidiu poñer en marcha un proxecto de divulgación e conservación dalgunhas das fervenzas da súa zona. “Fixemos unha enquisa para saber cantas había, os seus nomes e onde estaban, e démonos conta de que a xente do concello tampouco coñecía ben a súa contorna. Preto da miña aldea está a de Vioxo-Chacín e mesmo a xente da miña casa non a coñecía”, relata, sorprendido, Sanmartín. Seleccionaron cinco, as que máis lles gustaron, pero tamén as máis accesibles para que a intervención do Concello no terreo fose o máis reducida posible.
A primeira ruta guiada tivo lugar no verán dese mesmo ano, e dela forman parte as fervenzas de Noveira, Gosolfre, Santa Locaia, a de Vioxo-Chacín e a de Fírvado. E foi xustamente unha visita a esta última destacada na redes sociais, cando, despois do confinamento, o público multiplicouse alcanzando dimensións inesperadas. “Agora son varias asociacións as que fan a ruta, pero tamén se pode visitar por libre. Aínda que hai cousas que mellorar, todas as fervenzas están sinalizadas. Ademais, hoxe os veciños coñécenas e poden informar e explicar moitas cousas. Este era tamén un dos nosos obxectivos”, explica o concelleiro de Turismo.
Con varias propostas xa en mente para ampliar e mellorar a súa iniciativa, Sanmartín advirte dos perigos que pesan sobre estes espazos, desde varios proxectos de parques eólicos na súa zona ata a propia pegada dos visitantes. “Paso cada quince días polas fervenzas para ver se hai lixo e moi raramente atopo algo. É sorprendente e fantástico o respecto do público pola contorna. Pero creo que a afluencia de xente deixa sempre unha pegada e faille perder ás fervenzas o encanto de fadas que as rodea. Creo que nunca volverei a ver a beleza que eu descubrín a primeira vez que visitei algúns dos lugares que hoxe fan parte da ruta”.
Un elemento da natureza que transmite forza e benestar
Lugares de excepción para amantes da paisaxe, a auga e as rochas ou espazo perfecto para a práctica de deportes como o barranquismo ou o kayak, as fervenzas menos coñecidas da provincia de A Coruña tamén empezan, timidamente, a popularizar o seus encantos. Os seguidores de contas especializadas nas redes sociais non faltan, e unha interminable colección de fotografías invitan ao gran público a entrar na carreira por descubrir a fervenza perfecta. “O seu futuro está relacionado coa evolución dos ríos. Se seguimos cunhas condicións climáticas húmidas con chuvias abundantes, as fervenzas van perdurar pero se imos cara un clima máis seco, con menos chuvia, acabarán desaparecendo”, lémbranos Augusto Pérez Alberti.
Adela Leiro aconsella visitalas entre o outono e a primavera porque no verán, di, “moitas están ocultas entre a maleza e un pode escoitalas pero non velas”. Para a mestra de Ciencias Naturais non hai dúbida, “as fervenzas son lugares especiais porque a auga en movemento, o son, a espuma e a cor teñen un atractivo especial. Producen unha certa sensación de benestar, de forza, de beleza física e demostran que a natureza ten enerxía propia, aínda que sexa resultado de algo tan simple como a auga caendo por un desnivel”.
Hola, son Adela Leiro, tivemos un malentendido co das 400 fervenzas, non son da Coruña, serían de toda Galiza
Na Coruña nos coñecemos unnhas 100
Saúdos