Hai unha idea moi estendida na sociedade que parte da premisa de que todas as mulleres, polo simple feito de selo, teñen o desexo natural de converterse en nais e unha capacidade innata para os coidados. Isto é o que se denomina instinto maternal: a crenza de que existe unha inclinación natural e exclusiva das mulleres cara á maternidade. Pero, e se ese “instinto” non estivese escrito nos xenes, senón nas normas sociais? A realidade é que a ciencia leva anos poñendo en dúbida a existencia dun “instinto” natural e universal que leva as mulleres a coidar de forma espontánea.
“O instinto maternal é en realidade unha construción sociocultural que lle dá á muller unha serie de valores que teñen que ver coa abnegación, os coidados, o amor, a entrega…”, comenta Jorge García, profesor de socioloxía na USC e experto en novas masculinidades. “Como boa construción, está moi arraigado na cultura. Pensemos por exemplo na figura da Virxe María ou no xeito no que se retrata a maternidade nos relatos fílmicos e literarios. Pero o certo é que foi no século XIX cando máis se comezou a falar da existencia deste instinto”.
Un mito con historia recente
Segundo diversos estudos históricos e sociais, o concepto de “instinto maternal” non existía como tal en moitas culturas clásicas ou mesmo durante a Idade Media. Foi a partir do século XVIII, e sobre todo nos séculos XIX e XX, cando comezou a difundirse como parte do discurso dominante sobre a feminidade, coa aparición tamén da familia nuclear moderna. O obxectivo era asignar exclusivamente ás nais a responsabilidade da crianza, baseándose en meras inferencias biolóxicas.
“Este discurso ten un claro interese patriarcal e é que as mulleres se dediquen a coidar”, asegura García. “Recentemente, sobre todo grazas ao feminismo, cuestiónase ese imaxinario da muller cuxo destino é a maternidade. É dicir, entran novas figuras, novas composicións familiares e tamén todo un replantexamento do que é a paternidade”.
O mito reforzouse a través da educación, a medicina, a relixión e os medios de comunicación, vinculando a identidade feminina ao rol materno. Isto contribuíu a situar o coidado como responsabilidade principal das mulleres e a xustificar a súa presenza no espazo doméstico.
Con todo, este mito cambaléase tanto entre os animais humanos como entre os non humanos. Nos anos oitenta, a científica Cynthia Moss observou que nais primeirizas doutras especies, como elefantas ou babuínas, tampouco sabían instintivamente coidar das súas crías acabadas de nacer. Pola súa banda, un estudo publicado en 2024 na revista Social Science & Medicine revelou que só dous terzos das nais humanas experimentan un apego inmediato polas súas crianzas, mentres que o terzo restante precisa tempo para que ese vínculo se desenvolva, o que suxire que nos coidados existe unha dimensión de aprendizaxe social.
O perigo de converter a maternidade nunha predisposición natural
O feito de considerar o instinto maternal como algo indiscutible e propio das mulleres non é só erróneo desde o punto de vista científico, senón que acaba sendo un problema desde diversos puntos de vista.
Por unha banda, considerar que son elas as que coidan porque entra dentro da súa bioloxía, fai que este labor recaia exclusivamente sobre elas, o que pode contribuír a reducir o papel das mulleres ao de coidadoras e nais. Por outra banda, isto pode xerar sentimentos de culpa ou presión naquelas persoas que non queren ser nais. Tamén deixa fóra outros xeitos de criar, e pode facer que as mulleres que non sintan vínculo inmediato cos seus bebés poidan chegar a sentir que hai algo malo nelas.
Ademais, a idea de que a maternidade é algo propio e exclusivo das mulleres, invisibiliza aos pais coidadores e reforza estereotipos de xénero que perpetúan desigualdades no fogar.
Con todo, García recalca que onde se nota que as cousas están cambiando é nas novas xeracións, que xa non ven en ser nais unha predisposición natural nin un mandato obrigatorio por ser mulleres, ao contrario das súas avoas.
“Para min sería como o exemplo moi claro de como cando modifica as condicións socioculturais tamén se modifican os instintos. Como sociólogo, para min nun 90% é construción”, destaca García. “Así, ser nai non ten porque ser o teu destino de vida. Se pensamos así, desmontamos esa falacia e ao mesmo tempo poñemos aos homes dentro desa óptica. E así vemos que ter crianzas é algo que depende un pouco das circunstancias socioculturais de cada persoa e non dunha inclinación natural e innegable”.
















Pensaba que o posmodernismo morrera de puro esgotamento intelectual ao forzalo todo até o límite da inverosimilitude coma río cunha enxurrada de auga que volta a súa bacía logo da treboada. Vexo que estaba errada…