Sábado 20 Abril 2024

O estudo epidemiolóxico do Sergas, sen resultados tres meses despois

A Xunta de Galicia segue sen presentar os datos da segunda onda de análises, 100.000 en total, que anunciara para finais do mes de xuño

O día 8 de xuño estaba previsto que comezase a segunda onda do estudo epidemiolóxico sobre a Covid-19 anunciado pola Xunta de Galicia en abril. O proxecto para facer a enquisa coñeceuse pouco despois de que o Goberno español puxera en marcha unha iniciativa semellante, aínda que con maior precisión nas análises ao incluír probas en laboratorio alén dos tests rápidos que se usaban nas probas feitas en Galicia. Ían ser 100.000 probas, coa “mostra epidemiolóxica máis grande que se fixo no Sergas”, co obxectivo de coñecer a nivel local a circulación do virus en Galicia e encamiñar así as decisións que se ían tomar fronte á pandemia. Porén, aquela foi a última información que a Xunta de Galicia transmitiu sobre o macroestudo, que estaba previsto finalizar a finais de xuño, para presentar posteriormente os resultados. A Consellería de Sanidade non achegou ata o momento máis detalles a pesar das solicitudes de información transmitidas.

Na primeira onda, a 44.832 persoas con tarxeta sanitaria do Sergas realizóuselles un test rápido, mediante unha picada nun dedo, que detectaba, de estar exposto anteriormente ao virus, os anticorpos que o corpo xera fronte ao SARS-CoV-2. Os resultados preliminares da primeira fase, presentados en maio, apuntaron a que arredor do 1% da poboación galega estivera infectada. Unha semana antes, a primeira cifra achegada polo estudo ENE-Covid do Instituto Carlos III situaba a prevalencia nun 2,15%, a través da análise cun test rápido e mostras de sangue para estudar en laboratorios en tres quendas ao mesmo grupo de persoas. Cada unha das iniciativas tiña matices que podía facer varias as estimacións, pero o abano na diferenza da prevalencia (de 30.000 a 60.000 persoas infectadas naquel momento) era esperable.

Publicidade

O estudo do Sergas reduce a 30.000 as persoas expostas ao coronavirus en Galicia

Aínda se faría unha nova presentación para a segunda onda do ENE-Covid, que situaba a prevalencia en Galicia en valores semellantes á primeira (arredor do 2,2%), fronte ao 5% do conxunto da poboación española. Unha vez finalizada a enquisa, que tomou mostras a 60.000 persoas en toda España (unhas 6.000 en Galicia), os científicos que impulsaron o estudo do Instituto Carlos III a nivel estatal acabarían publicando en xullo un artigo na revista científica The Lancet. 

O único estudo autonómico

A iniciativa da Xunta foi a única que se desenvolveu con semellante magnitude a nivel autonómico en España. Houbo estudos de prevalencia en ámbitos hospitalarios que achegaron detalles relevantes para coñecer a circulación do SARS-CoV-2 nestes ambientes. Tamén se desenvolveron algunhas iniciativas de tests masivos nalgúns concellos da Comunidade de Madrid, que foron criticados por entidades como Sociedade Española de Saúde Pública e Administración Sanitaria (Sespas). Pero ningunha outra comunidade autónoma impulsou estudos semellantes. “Se outras comunidades, tendo a capacidade e a opción de facer o mesmo, non decidiron levalo a cabo, as súas razóns terán. Moitas veces dicimos en Sanidade que non sempre máis é mellor; pero supoño que a Xunta de Galicia terá as súas razóns para decidir facelo”, explicaba  Ildefonso Hernández Aguado, catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública na Universidad Miguel Hernández, portavoz de Sespas e exdirector xeral de Saúde Pública do Goberno español, nunha conversa con GCiencia en xuño.

Críticas e polémicas

Desde o comezo, o estudo estivo rodeado de polémica, e posteriormente recibiu as críticas dalgúns colectivos sanitarios pertencentes ao Servizo Galego de Saúde. O propio presidente español, Pedro Sánchez, chegara a suxerir ao titular da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, que non desenvolvera o estudo, apuntando a que xa ía ser coordinado polo Ministerio de Sanidad. Mais Galicia foi a única autonomía que seguiu adiante.

Os propios tests utilizados na enquisa, que foran enviados polo Goberno español a comezos de abril, xeraron tamén críticas e confusión polas súas características. Membros do comité clínico que asesora á Xunta de Galicia apuntaron que carecían de “utilidade clínica” ao non distinguir entre os tipos de anticorpos que se xeran nas primeiras fases da infección, ou os que aparecen ao superar a fase aguda. “Só fan unha medición global dos anticorpos, co cal, cun positivo neste test, eu non podo saber, como clínico, se ti estás na fase aguda da enfermidade e eres contaxioso, ou se estás curando ou curaches xa”, dicía Manuel José Vázquez Lima, un dos médicos membros do comité.

Ante estas limitacións, a Xunta xa avanzara a posibilidade de usalos para desenvolver o estudo epidemiolóxico. O propio Sergas validou os tests nunha avaliación interna, na que se constataba a súa utilidade para os estudos poboacionais, obtendo un valor de sensibilidade do 64% cando non se coñece a data de inicio e aumentando a un 80% a partir dos 7 días do comezo da infección (xa que detectan anticorpos, non o virus); e unha especificidade do 100% (é dicir, sen falsos positivos).

Varias entidades de profesionais sanitarios pediran parar o estudo pola carga de traballo que supoñía e unha “utilidade epidemiolóxica dubidosa”

Con todo, e ao decidir facer unha única análise ás 100.000 persoas participantes na enquisa, (coa posibilidade de que algunhas persoas inmunodeprimidas non desenvolveran anticorpos e, por tanto, non deran positivo) algúns expertos advertiron de que podía darse pé a falsos negativos. “Ou a circulación foi moi baixa ou os tests non son fiables“, era a mensaxe que se transmitiu desde os profesionais sanitarios. E xurdiron as primeiras peticións para paralizar o estudo. A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec), demandou que se puxera fin á iniciativa, pola carga de traballo que supoñía nun momento no que a Atención Primaria incrementaba a actividade, no marco do desconfinamento. O propio presidente da Xunta abriu a porta a suspender a segunda onda. “Imos ver a primeira ondada, se hai no cruce algunha disfunción” entre ambas análises, e “tomaremos a decisión nas vindeiras semanas”, dixo o 8 de maio, aínda que finalmente se levou a cabo.

Despois da presentación da primeira onda, a finais dese mes, Agamfec, xunto a outros colectivos sanitarios, insistiu na suspensión do estudo, criticando a “actitude propagandística” do mesmo. A Asamblea de Atención Primaria da Área Sanitaria da Coruña expuxo que se atopaba “ante un problema de ética profesional”, ao colaborar nun proxecto que, ao seu xuízo, non é “científicamente sólido”, cunha “utilidade epidemiolóxica dubidosa, pero a clínica é nula”.

Sen resultados nin resposta

Nesta situación iniciouse o 8 de xuño a segunda onda, na que deberían ter participado outras 50.000 persoas en Galicia. Con todo, e a pesar de que se avanzara que os resultados serían presentados entre finais de xuño e comezos de xullo, non se ofreceron máis detalles, nin se aclarou se finalmente se suspendiu. As últimas informacións, achegadas nunha comparecencia de prensa de responsables de Sanidade na primeira semana de xuño, estimaban que as probas terminarían entre o 18 e o 20 de xuño e, posteriormente, analizaríanse os datos e difundiríanse os resultados.

Ao presentar os datos preliminares da primeira onda, a Consellería avanzaba que o estudo, “unha vez finalizado, permitirá ter unha visión máis nítida e ampla da Covid-19 en Galicia”, cuns resultados que “posibilitarán acadar un coñecemento profundo da epidemia, permitindo adoptar as medidas máis axeitadas; coñecer a súa incidencia de acordo as variables de sexo, idade, área territorial e, sobre todo, poder anticiparse perante a posibilidade de novos contaxios potenciais”. Desde entón, GCiencia consultou en varias ocasións á Consellería sobre os resultados do estudo, sen obter resposta ata o momento.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Sanidade intensifica a vixilancia da tosferina, con 241 casos no que vai de ano

A maior concentración de diagnósticos actuais dáse en idades escolares, sobre todo na franxa de 10-14 anos

O Sergas inicia un programa piloto de cribado de cancro de pulmón

A proba vai dirixida a persoas de alto risco de entre 55 e 74 anos que sexan grandes fumadoras ou deixaran o hábito hai menos de 10 anos

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento

Ascenden a 57 os falecidos por gripe en Galicia

O último informe do Sergas confirma a tendencia á baixa da incidencia nas catro provincias