Por que non cadran exactamente os estudos de seroprevalencia en Galicia?

A disparidade de resultados ofrecidos pola Xunta e o Goberno español, dentro dunha circulación baixa, débese a diferenzas de metodoloxía e obxectivos

Os tests de anticorpos usáronse nas primeiras etapas da pandemia, pero agora só se confirman casos mediante PCR e tests de antíxeno. Foto: Xunta de Galicia.
Os tests de anticorpos usáronse nas primeiras etapas da pandemia, pero agora só se confirman casos mediante PCR e tests de antíxeno. Foto: Xunta de Galicia.

Pouco máis dun mes despois de que a Xunta de Galicia anunciara a realización dun estudo epidemiolóxico a gran escala, con 100.000 probas, para coñecer a circulación do virus en Galicia, que xerou unha importante expectación mediática pola súa envergadura (case un 4% dos galegos ían formar parte del) e os debates que xurdiron na súa execución, os responsables do Servizo Galego de Saúde presentaron este mércores os resultados provisionais da primeira das dúas ondadas previstas. As cifras son semellantes ás avanzadas polo presidente da Xunta nunha das súas comparecencias, así como as previsións dalgúns dos profesionais implicados na enquisa: só un 1,15%, algo máis de 30.000 persoas, estiveron expostas en Galicia ao SARS-CoV-2. A cifra é practicamente a metade da estimada polo ENE-Covid19, o estudo de seroprevalencia realizado polo Ministerio de Sanidad e o Instituto Carlos III, que calculaba un 2,15% de persoas infectadas en Galicia (pouco menos de 60.000). Pero están estas dúas cifras dentro de marxes asumibles para confiar nos dous estudos? Por que ofrecen cifras distintas se analizaron, a priori, a mesma poboación? Estas son algunhas respostas clave:

Como se fixeron os estudos?

É o primeiro dos matices que poderían explicar os resultados. Segundo apuntou na comparecencia deste mércores o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, o estudo impulsado pola Xunta tiña por obxectivo principal observar a circulación do virus en Galicia, tanto nas diferentes comarcas como nas grandes cidades, trazando perfís demográficos por sexo e idade. Pola contra, o ENE-Covid incide, ademais da circulación xeral, na procura de información da transmisión do SARS-CoV-2 nos fogares, xa que a enquisa se realizou, en boa parte dos casos, a persoas da mesma unidade familiar. Isto podería xerar, segundo o subdirector xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, Xurxo Hervada, unha “posible sobrerrepresentación” no estudo estatal respecto ao autonómico. Hervada engadiu que, unha vez se dispoña dos datos definitivos dos dous estudos, os resultados poderían coincidir máis.

En canto á toma de mostras, tamén hai diferenzas: o estudo do Sergas baséase nun único test rápido co que se extrae sangue cunha picada nun dedo, ademais dun cuestionario para perfilar a posible fonte de infección da persoa en caso de dar positivo. A enquisa de seroprevalencia de Sanidad contempla ata tres visitas a cada participante durante un período de seis semanas, nas que tamén se lle realizará un cuestionario, coa posibilidade de realizar unha extracción de sangue para analizala con técnicas de laboratorio máis precisas á hora de medir anticorpos.

Mapa de positivos detectados por área (esquerda) e mapa de prevalencia en cada unha delas. Fonte: Consellería de Sanidade.
Mapa de positivos detectados por área (esquerda) e mapa de prevalencia en cada unha delas. Fonte: Consellería de Sanidade.

É culpa dos tests, entón?

Non o parece. Os tests usados pola Xunta de Galicia para a enquisa de seroprevalencia foron enviados polo Ministerio de Sanidad, no medio dunha polémica sobre a suposta falta de fiabilidade dos tests. Pero a súa sensibilidade e especificidade foi reforzada coa “avaliación interna” realizada polo propio Sergas, que decidiu destinalos ao estudo epidemiolóxico despois de descartar a posibilidade de usalos no cribado de hospitais e residencias polas súas características (non pola súa maior ou mellor calidade), xa que só detectan anticorpos totais, e non anticorpos que determinan a fase da infección na que se atopa a persoa infectada. Teñen unha sensibilidade do 64% cando non se coñece a data de inicio da infección, aumentando a un 80% a partir dos 7 días do comezo da mesma; e unha especificidade do 100%, é dicir, a probabilidade de ter falsos positivos é case nula.

De feito, para contrarrestar a pequena porcentaxe dos chamados “falsos negativos”, (que se poden dar en persoas que, aínda estando infectadas, teñan mermada a capacidade de producir anticorpos específicos) o Sergas e o Instituto Galego de Estatística aplicaron un pequeno coeficiente de corrección para axustala aos resultados que finalmente se difundiron.

O estudo do Sergas reduce a 30.000 as persoas expostas ao coronavirus en Galicia

 

Inflúe o tamaño da mostra?

Outra das dúbidas sementadas con estes estudos reside no tamaño de cada unha das mostras. Porén, non parece que as cifras dunha e outra enquisa (44.000 fronte a 6.000, cos resultados preliminares) teña un papel decisivo. Ambos teñen intervalos de confianza ao 95% cunha mínima marxe de erro. “Desde un punto de vista metodolóxico, os dous estudos son impecables“, expón Alberto Ruano, profesor titular de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago de Compostela. “Son unha foto moi boa do que pasou, pero cada unha cos seus matices”. engade.

Ruano expón, na mesma liña que a explicación dada por Xurxo Hervada, que o feito de analizar unidades familiares pode dar, en caso de que haxa positivos, unha cifra meirande. Con todo, destaca que “as diferenzas son realmente insignificantes: podería parecer moito, porque estamos falando dun tema que preocupa moito ás persoas, e parece que un punto porcentual é unha distancia máis grande do que realmente é desde a perspectiva metodolóxica”.

Conclúe o profesor da USC, con todo, que o estudo da Xunta achega un importante valor para o obxectivo que tiña, e e que non cobre o ENE-Covid19: afinar a escala comarcal e mesmo municipal, no caso dos grandes concellos, a circulación do coronavirus en Galicia.

O estudo do Goberno calcula que o 2,15% dos galegos teñen anticorpos contra o virus

Agardar aos resultados finais

A pesar da repercusión destes datos nunha poboación moi pendente da circulación do virus e a posible inmunidade (sobre a que segue habendo moitas incógnitas) despois de pasar a infección, os dous resultados extráense de mostraxes parciais en estudos aínda non finalizados. O ENE-Covid19 non ofrecía no seu avance, por exemplo, os resultados das análises serolóxicas con técnicas de laboratorio, o que podería mudar en certo modo as porcentaxes publicadas a pasada semana. E do mesmo xeito, Xunta de Galicia ten previsto manter a segunda ondada, a pesar das protestas dos profesionais de Atención Primaria, para afinar o mapa de circulación do SARS-CoV-2 en Galicia. Os resultados definitivos, cando se difundan, ofrecerán unha imaxe máis achegada á real.

Con todo, a conclusión que se avanza parece clara. A exposición da poboación foi mínima, e a pesar disto faleceron 608 persoas en Galicia por mor da Covid-19. Ese é un dos datos máis sólidos, e que debe levar a manter a garda. “O peor que podemos facer e relaxarnos, e que se collemos unha catarreira no verán, por exemplo, deixemos de darlle importancia porque pensamos que o virus xa é cousa do pasado, e non manteñamos a distancia, nin evitemos contaxiar aos demais. Hai que manter a precaución”, conclúe Alberto Ruano.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.