José Carlos Millán, catedrático de Xeriatría da Universidade da Coruña.
José Carlos Millán, catedrático de Xeriatría da Universidade da Coruña.

José Carlos Millán: “Non se prestou o debido apoio ás residencias de maiores”

O catedrático de Xeriatría da UDC dirixe o Complexo Xerontolóxico La Milagrosa da Coruña, que non rexistrou ningún caso de Covid-19 durante a crise

En dous meses, máis do 1% dos residentes de centros de maiores en Galicia faleceu por mor da Covid-19. As cifras de Galicia (271 mortes ata o 20 de maio), sendo desacougantes, están moi lonxe da magnitude da pandemia nas dúas Castelas, Madrid ou Cataluña, onde se contan por miles. Foron varias ducias as residencias de persoas maiores e con discapacidade os que viron en Galicia como o SARS-CoV-2 se adentraba nas súas estancias, provocando nalgúns casos situacións límite.

Pero tamén foron moitos, máis de 100, os centros nos que non se rexistrou ningún contaxio. Un deles foi o Complexo Xerontolóxico La Milagrosa da Coruña, que dirixe José Carlos Millán Calenti, catedrático de Xeriatría da Universidade da Coruña, e coordinador do Grupo de Investigación en Xerontoloxía e Xeriatría da UDC. O doutor apunta que o grave impacto da pandemia nas residencias pon sobre a mesa “a necesidade de reformar o sector de atención as persoas maiores”. Despois da creación do comité de crise, segundo explica Millán, na semana previa ao estado de alarma, a toma rápida de decisións que cortaran as posibles fontes de contaxio e transmisión marcou o camiño, como noutros casos, para que os algo máis de 60 usuarios do centro e o persoal que os atende puideran permanecer libres do virus.

– Cal é a primeira decisión que toman no Complexo Xerontolóxico La Milagrosa cando perciben a gravidade da situación?

– Aínda que as informacións que iamos recibindo non eran moi boas, non é ata que a OMS declara o estado de pandemia mundial, o día 11 de marzo de 2020, cando tomamos a decisión de poñer en marcha o Gabinete de Crise da Covid-19, formado polo Director, o Médico, a Enfermeira en quenda, a traballadora social e a administradora, que se reúne desde aquela data ininterrompidamente todos os días ás 12:00 da maña para estudar os documentos das autoridades sanitarias e establecer as medidas a poñer en marcha no Complexo Xerontolóxico La Milagrosa.

Celebración na porta do complexo despois da confirmación de que non houbera ningún caso de coronavirus. Foto cedida por José Carlos Millán.
Celebración na porta do complexo despois da confirmación de que non houbera ningún caso de coronavirus. Foto cedida por José Carlos Millán.

Na primeira reunión decídense prohibir as visitas de familiares e amigos ao centro, así como prohibir o acceso aos provedores, que deberían deixar a mercancía no exterior do centro. Tamén se iniciou o procedemento de confinamento dos residentes nas súas habitacións e a busca de material de protección (máscaras, pantallas de protección, gafas de protección, batas dun só uso,…), tanto para os residentes como para os traballadores. Neste sentido foi fundamental a axuda recibida das modistas de Carballo, que nos fixeron chegar as primeiras máscaras feitas de tea e a doutras entidades (Paideia, Inditex, Adcor, Gadis, Galeno, etc.) que nos foron achegando batas, pantallas, luvas e outro material.

– Cal cre que foi a clave para que, unha vez superado o primeiro pico da pandemia, non houbera un só contaxio? En que medidas concretas se fixo máis fincapé?

– Ante as medidas tan xerais que viñan das autoridades sanitarias, baseadas en modelos teóricos, nós tivemos que adaptalas ao noso medio e coido que a clave estivo primeiro na anticipación, e despois na asunción da responsabilidade desde o primeiro momento por parte do persoal, xa que os traballadores, entrando e saíndo do centro, eran xa os únicos que poderían contaxiarse e traer o virus ao mesmo.

Entón a nosa estratexia foi facer formación sanitaria e elaborar diferentes folletos explicativos acerca das medidas a tomar no exterior. Por outra banda a cada traballador se lle serviu de material de protección para o exterior, consistente en máscaras cirúrxicas, e FFP2 para os vulnerables, pantallas de protección e solución hidroalcohólica. Ademais, ante calquera baixa laboral, para reincorporarse ao traballo esixiamos que se fixese a proba da Covid-19 e que esta dese negativa. Neste sentido si foi importante o apoio recibido por parte do comité creado no Sergas e denominado Residencia.Covid.Asacec.

– Un dos problemas derivados da crise foi a suspensión das visitas e a perda de contacto coas familias; como se buscou solución a este inconveniente?

– Efectivamente, nesta tipoloxía de centros as visitas son fundamentais para manter a saúde mental dos residentes. Por iso, este tema afrontámolo dende diferentes perspectivas. A primeira, e máis importante, que o residente non perdera o contacto coa familia, para o cal ademais da comunicación telefónica habitual incorporamos tres equipos de videoconferencia para que a chamada fose máis personalizada.

Por outra parte, todas as semanas o persoal especializado do centro fai unha chamada telefónica a os familiares para contarlles como está a situación do seu familiar. Ademais a chamada produciríase tamén no caso dalgunha incidencia da saúde. Por último, semanalmente, desde a dirección do centro envíase por e-mail un comunicado institucional acerca de aspectos de interese para as familias. En todo caso, hai que ter en conta que, aínda que puxemos en marcha moitas medidas de comunicación, estas non substitúen ao contacto físico.

“O sistema actual, baseado unicamente nas necesidades sociais non ten sentido, é necesario avanzar, e o sistema ten que especializarse e dar cobertura aos seus usuarios de xeito integral”

– E que reflexión se pode sacar de que o impacto da pandemia nas residencias de maiores fose tan grave? Que fallou?

– Dende o meu punto de vista dous foron os elementos claves, o primeiro que, en liñas xerais, as medidas iniciáronse tarde pola descoordinación das autoridades sanitarias nacionais e autonómicas. A segunda, que non se prestou o debido apoio ás residencias. Hai que ter en conta que as residencias son centros sociais, non sanitarios nin hospitais, que en moitos casos non teñen nin médico nin persoal de enfermaría, e polo tanto non teñen porque coñecer as medidas de prevención e menos aínda, cando a pandemia da que falamos é tan virulenta. Desde logo se se produciron tantas mortes en algunhas non poden achacarse soamente a mala actuación, senón tamén a falta de medios para actuar, xa que o ámbito sanitario non é a especialidade destes centros. Iso non quita que algunhas si o fixeran mal o que os servizos de inspección non fosen especialmente dilixentes con elas.

Se verdadeiramente se quere que as residencias afronten este tipo de problemática, entón deberíase reformular o sector de cara a mellorar a especialización dos centros.

Probas de Covid-19 realizadas no centro. Foto cedida por José Carlos Millán.
Probas de Covid-19 realizadas no centro. Foto cedida por José Carlos Millán.

– De cara ao futuro, e posibles rebrotes da epidemia: como habería que prepararse desde a perspectiva da xerontoloxía e a xeriatría?

– Ben, eu distinguiría dúas cousas. Por unha banda a necesidade de reformar o sector de atención as persoas maiores, xa que o sistema actual baseado unicamente nas necesidades sociais non ten sentido. É necesario avanzar e o sistema ten que especializarse e dar cobertura aos seus usuarios de xeito integral, tanto dende o punto de vista preventivo como asistencial, é dicir aplicar a sistemática da valoración xeriátrica integral de cara a intervir fronte aos problemas das persoas maiores dun xeito especializado.

Por outra banda, e referíndonos a posibles rebrotes da epidemia, é evidente que desde a pandemia sufrida todos aprendemos moito e estamos mellor preparados para afrontar novas ondas, pero en todo caso, se non se define un novo sistema de atención, onde o sistema público de saúde, coa debida anticipación, faga un apoio maior aos centros de atención as persoas maiores, é posible que poidan volver pasar feitos tan desagradables. Por último, hai que incidir en que as residencias de persoas maiores son centros sociais, dependentes de Política Social, e polo tanto non teñen que afrontar de xeito individual, por non estar preparadas, situacións sanitarias.

1 comentario

  1. E que opinión lle merece a “política de lazaretos” implementada polo SERGAS ao confinar en dúas ou catro Residencias a tódolos infectados de outras residencias que foron intervidas (?)

    Salvaronse vidas ou aínda foi peor o remedio ca enfermidade (?)

    Aprendemos algo de cara ao futuro sobre este tema ou seguirá sendo un segredo de Estado (?)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.