O nodo CIBER.gal permitirá concienciar a empresas e cidadáns en materia de ciberseguridade

Todo listo para a estrea do Nodo de Ciberseguridade de Galicia

Amtega impulsa CIBER.gal no que tamén colaboran concellos, deputacións e Goberno central para incrementar a seguridade na rede

O Nodo de Ciberseguridade de Galicia (CIBER.gal) ten prevista a súa entrada en funcionamento nas próximas semanas, segundo os plans de Amtega. Trátase dun instrumento que a través da colaboración de axentes públicos e privados vai a impulsar a concienciación de cidadáns e empresas en materia de ciberseguridade. Ademais, procurase a xeración, atracción e retención de talento especializado que contribúa a un mellor posicionamento de Galicia neste ámbito, tanto en España coma en Europa. Con este obxectivo, asinouse un convenio co Instituto Nacional de Ciberseguridade (Incibe), o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), a Fegamp e as catro deputacións provinciais

O inicio da actividade do nodo CIBER.gal focalizarase na formación e concienciación á cidadanía, ás empresas, en especial ás pemes, e ás Administracións públicas, dando resposta ás inquedanzas e necesidades sinaladas polos axentes consultados.

Para a cidadanía os servizos centraranse en accións de formación a estudantes e eventos participativos para os diferentes niveis educativos. Ademais, desenvolveranse accións de capacitacións básicas no uso seguro das tecnoloxías para persoas maiores. Como primeiro paso para avanzar neste ámbito colaborarase con Incibe na promoción e execución de xornadas técnicas de ciberseguridade nas escolas, con accións dirixidas tanto a alumnos como a docentes de materias relacionadas coas novas tecnoloxías.

Para as pemes e autónomos a concienciación e a difusión tamén serán eixos prioritarios dos servizos de CIBER.gal en colaboración con outros axentes do Nodo. Neste ámbito xa se están realizando accións como os servizos do Plan Re-Acciona para a definición de estratexias de  ciberseguridade nas pemes. Este ano cóntase con 14 tipos de servizos nesta área por importe de 290.000 euros. Ademais, poñeranse en marcha acciones específicas para este público en colaboración con  INCIBE  como formacións no ámbito a análise dos riscos e uso de servizos de seguridade.

No ámbito das administracións públicas, identificáronse como próximos pasos a realización de xornadas de formación aos axentes chave dos concellos para a súa capacitación en competencias básicas relacionadas coa ciberseguridade. Ademais, traballárase  en protocolos de actuación, e formación avanzada para os servizos TI das administracións autonómicas, provinciais e  locais.

Unha vez lanzadas estas iniciativas, poñeranse en marcha acciones de maior complexidade para o deseño e posta en marcha de proxectos aliñados coas tendencias de evolución en  ciberseguridade, e que respondan tanto as necesidades estratéxicas das administracións como a sectores tractores en Galicia.

Por outra banda, a Amtega ven de licitar un contrato para reforzar o servizo de ciberseguridade na Administración autonómica por un importe estimado de 4,7 millóns de euros nun período de 4 anos, contando as posibles prórrogas.

O contrato abrangue, entre outros servizos, a monitoraxe de eventos e a xestión de incidentes de  seguridade 24×7; a operación, administración e evolución de diferentes  ferramentas de  ciberseguridade (por  exemplo, o sistema de  xestión de eventos e información de  seguridade, o antivirus corporativo e a consultoría de alta especialización en seguridade), a vixilancia  dixital e  ciberintelixencia; ademais da coordinación e  seguimento  do plan de adecuación ao Esquema Nacional de  Seguridade (ENS) e a  outras normas de  seguridade como a  ISO 27002.

Este servizo colaborará co resto de servizos de seguridade xestionados pola Amtega, principalmente co servizo de soporte de seguridade en redes, co servizo de apoio aos Delegados de Protección de Datos e co de apoio á adecuación ao Regulamento Xeral de Protección de Datos. O obxectivo final é o de acadar un bo nivel de seguridade da información e nos servizos dixitais xestionados pola Amtega para a Xunta.

O pasado mes de marzo presentouse o Informe de Situación da Ciberseguridade en Galicia no que se identifica ata 167 entidades relacionadas coa ciberseguridade, das que 103 son empresas que ofrecen produtos e servizos neste ámbito. Os consultados coinciden na necesidade de incrementar as accións de formación e concienciación á cidadanía.

Os axentes consultados entenden que a posta en marcha de CIBER.gal incrementará a concienciación en materia de ciberseguridade entre empresas e cidadáns

O 80% dos axentes entrevistados consideran que a iniciativa da Xunta de crear un Nodo de Ciberseguridade é unha necesidade e unha proposta moi acertada. Os axentes consultados apuntan que a posta en marcha do Nodo CIBER.gal contribuirá ao crecemento do sector da ciberseguridade na Comunidade, incrementará a  concienciación en empresas e cidadáns,  facilitará  a xeración dunha rede de colaboración e  aumentará o investimento na I+D+i en ciberseguridade.

O Incibe, segundo se recolle no informe, sinala que Galicia rexistra un 4,3% dos incidentes de ciberseguridade identificados no ámbito nacional. Esta porcentaxe sitúa á Comunidade no sexto posto da clasificación estatal, liderada por Madrid, Andalucía e Cataluña, con porcentaxes próximas ao 20%.

A ciberseguridade é unha das tecnoloxías disruptivas sobre as que pivota a futura Estratexia Dixital de Galicia 2030, en proceso de elaboración. A creación do Nodo de Ciberseguridade de Galicia enmárcase tamén nas directrices europeas para incrementar as competencias da UE nesta materia.

A Xunta de Galicia conta cun Plan Director de Seguridade 2015-2021, que permitiu incrementar a súa capacidade de prevención, detección, resposta e recuperación ante incidentes de ciberseguridade. Entre as últimas medidas levadas a cabo segundo este Plan, está a posta en marcha do Centro de Servicios de Ciberseguridade, CSIRT. gal, que da servizo ao sector público autonómico  e forma parte da plataforma CSIRT.es, integrada por 42 centros. Entre os mesmos se atopan o Centro Criptolóxico Nacional, o Incibe, a Policía Nacional, Garda Civil e outros organismos, ademais dalgunhas comunidades.

A implementación de medidas de ciberseguridade require coordinación e a compartición de recursos. O Nodo é un instrumento de cooperación no que participan as tres administracións con competencias na materia para, por unha banda, facilitar a dispoñibilidade e compartición deses recursos e, por outra, tamén para artellar a colaboración público-privada neste ámbito. Deste xeito se facilita a creación dunha carteira integral de servizos  e que o Nodo se converta nun aglutinador das iniciativas de ciberseguridade en Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.